Relevo Xeracional no Mar de Muxía: “Do mar se vive moi dignamente. Pero imos cara á destrución do sector”
- “Calquera mariñeiro ten un soldo superior a calquera empregado municipal dun Concello.”
- “Europa incentiva a destrución da flota, cos famosos desguaces e as cotas irrisorias. E aquí, é paradóxico que non protexamos a nosa riqueza, o noso sector máis produtivo”.
- “Cando se xubile toda esa xeración do boom dos 60, que xa empeza a xubilarse a partir dos 57-58, isto se acaba”
Temos atracado xa por portos como Laxe; Muros ou Malpica. Hoxe imos ata Muxía, para seguir falando o relevo xeracional, e facémolo con Nacho Castro, alma da Confraría.
”Que será do mar de Muxía cando nos falte Nacho”, reflexiona algún mariñeiro muxián falando o xerente do pósito. Un Nacho, que saltou “á fama” gracias ao seu activismo canda o Prestige, suceso sobre o que xa falamos polo miúdo con el, e que sempre é unha tan autorizada como crítica para analizarmos a situación do sector.
”Hai exceso de burocracia”
Para nacho hai dúas “frontes, preocupantes, que nos levan a unha situación preocupante”. Por un lado, “a falta de relevo xeracional trae como consecuencia directa algo tan greve como a a ausencia de tripulacións. Chegamos á situación de que moitos armadores, ante a imposibiidade de conseguir tripulacións, ten que paralizar as empresas, explica. “Sei de moitos armadores que están moi cansos, barcos de 8 e están saíndo ao mar con 3 tripulantes. E quen está causando este problema?? As negativas do estado á que poidamos meter man de obra estranxeira. É o estado o causante desto”, denuncia.
”As trabas para traermos estranxeiros é tremenda. Primeiro xa temos que presentar unha certificación negativa do SEP, cousa que é ilegal, conforme non conseguimos traballadores locais. É tremendo, vas á oficina de Emprego, en Cee no noso caso, ofertastes 4 prazas, e te atopas 700 mariñeiros inscritos no INEm cobrando prestacións, e os barcos amarrados. Chegamos ao caso de facer entrevistas a mariñeiros galegos, diante da propia directora do SEPE, e todos rexeitaron as ofertas de traballo, a un lle doía unha perna… excusas irracionais e cómicas…”, lamenta.
O periplo burocrático continúa: “A partir de aí, por exemplo, para traer un indonesio, os últimos que están chegando despois de décadas nos que os marroquíes eran predominantes, tes que enviar un precontrato, e tes que rexistralo en estranxería. E aínda así moitas veces veñen rexeitadas”, denuncia. “Aquí a función pública non está ao servizo da cidadanía. En vez de axudar complican. Hai exceso de burocracia, tremendamente burocratizado”.
Europa: ”COTAS e TACs, irrisorias”
Unha das denuncias que se repiten falando con calquera voz do sector, é a insuficiencientes COTAS e TACs para os barcos galegos, “irrisorias”, para Nacho. “Alemaña ten moita máis cota de pescada que España, pero Alemaña non ten flota, só a quere para especular, para vender. Cando nós temos un sector pesqueiro competente, da que dependen milleiros de persoas, isto é irracional e ilóxico”, denuncia lamentando que a cousa vén de lonxe e ten poucos visos de cambiar.
Nese sentido, para Nacho, “Europa incentiva a destrución da flota, cos famosos desguaces, incentivan que destruamos empresas. Que alternativas tes nestes pobos?? É un sinsentido. Que imos vivir todos do turismo? Do turismo non podemos vivir todos. É a visión cortoplacista dos políticos, que pensan que a solución de todos os males é o turismo, que nos oñamos todos a gaita para os alemáns… É paradóxico que non protexamos a nosa riqueza, o noso sector máis productivo”.
Nese sentido, aporta un dato importante. “Nas confrarías do litoral, e por ende as lonxas, seguen sendo as principais empresas dos Concellos do litoral. Se vendéramos aquí todo o que traen os nosos barcos, teríamos o doble de orzamento do Concello de Muxía”.
”Estas dúas eivas lévanos directos á destrución do sector”, conclúe. “Cando se xubile toda esa xeración do boom dos 60, que xa empeza a xubilarse a partir dos 57-58, isto se acaba”. Por se fóra pouco, “a situación ten unha agravante máis, que non hai titulados, capitáns de pesca, mecánicos… Quen vai mandar neses barcos?”.
As cifras da caída: “Unha redución do 75% en 40 anos”
Facendo un repaso histórico, Castro lembra que “nos anos 80 isto foi o primeiro porto de pescada, cunha flota de 35 embarcacións de palangre. Agora estamos 10-11 embarcacións. Nos anos 80 (cando non había marisqueo regularizado) tiñamos 500 afiliados na confraría (traballadores da pesca), e a día de hoxe non chegamos aos 200, dos que 70-80 son agora mariscadores. Unha redución do 75% en 40 anos”, cuantifica.
Sobre o pouco interese da mocidade no mar, Castro mételle a “culpa do noso modelo social, que todos queremos ser mestres, médicos… Hai moito “nini”, chavales, homes de 30 anos vivindo nas casas cos pais, pero sen atreverse. Todos queremos ir á universidade, buscando outras oportunidades e ninguén quere quedar no sector primario. Iso é un erro do noso problema social”.
Canto se cobra no mar
“Do mar se vive moi dignamente”, explica Nacho. “Calquera mariñeiro ten un soldo superior a calquera empregado municipal dun Concello”. “Eu fago nóminas, e envío nóminas e están moi por encima dos 1.000€, poucas veces baixan dos 1.500€, e por exemplo, na campaña de túnidos, de maio a setembro, unha nómina media mensual pode rondar os 5.000€. As tripulacións que andan a recursos específicos, como o ourizo, non vexo unha nómina dos ouriceiros contratados que baixe dos 1.800€. Non vexo unha nomima dos navalleiros que baixe dos 1.300€”, cuantifica dándolle valor ao traballo no mar.
En todo caso, é consciente de que “é un traballo matador, metes moitas horas, pero tamén pasas moito tempo coa familia, polo tempo… É un traballo máis que digno, e que xera moita moita riqueza, dinamizamos ás zonas”.
O COVID
Sobre o paso da pandemia polo porto de Muxía, Castro valora o esforzo do sector que alonxou o bicho do mar. De marzo do ano pasado a este xaneiro apenas houbo un barco contaxiado. En todo caso, dende a confraría critican a “desaparición das administracións pequenas durante os primeiros 6 meses de pandemia. Co teletraballo non facían nada e nós tivemos que xestionar ERTES de todo tipo, ata para algunha confintería”, denuncia.
Novas relacionadas
- 2012: Conversa con Nacho Castro: “Sen os voluntarios..., morremos”.
- Nacho Castro, un dos protagonistas da documental de Isabel Coixet con acento da Costa pola Marea Blanca.
- O congro de Muxía puido secar ao sol de setembro.
Novas sobre o mar
- Relevo xeracional no mar de Laxe: “Non peleo máis” .
- Relevo xeracional no mar de Muros: “As nefastas políticas pesqueiras e a incerteza laboral acaban con nós” .
- Relevo Xeracional no mar en Malpica: "Por mor das cotas, tes un barco para ir á pescada e acabas apartando dela”.
Novas sobre a Pesca artesanal
- 2020 en Malpica: “O mar necesita cotas xustas que permitan que as empresas sexan sostibles” .
- 2019: O Fondo Europeo Marítimo e da Pesca esquece a pesca artesanal galega.
- 2018: 4 visións costeiras da visita da pesca artesanal galega ao Parlamento Europeo.
- Outubro 18: “Queremos que Europa trate dun xeito diferenciado á pesca artesanal deixándonos fóra do TACs e as cotas”.