Rivadulla Corcón leva a lenda da Furna da Buserana a un libro
“O noso amor será eterno” é o novo libro publicado polo escritor muxián X. H. Rivadulla Corcón. Trátase dunha novela que publica Edicións Xerais de Galicia dentro da colección Fora de Xogo, e que o autor coruñés, fillo adoptivo de Muxía, presentará na vila da Barca este sábado 8 de outubro a partir das 20:00h no Salón de Actos do Voluntariado.
O acto estará acompañado ademais das personalidades do Concello, como Félix Porto (Alcalde de Muxía e Presidente da Fundación Gonzalo López Abente), Viki Rivadulla (Escultura, pintora e Secretaria da Fundación Gonzalo López Abente), Miro Villar (Escritor e Patrón da Fundación Gonzalo López Abente), Manuel Bragado (Director de Xerais) e o autor.
Centrándonos na novela, esta se desenvolve no tempo actual, en Muxía, pero ten a súa orixe na lenda da Furna da Buserana, unha das lendas de maior tradición na cultura propia desta vila, cultura que é homenaxeada ao longo de toda a novela, pois o autor elaborou o argumento valéndose dos elementos máis representativos desta cultura.
Argumento extraído da contraportada do libro
O trobador Buserán tiña dezaoitos anos, era home forte, de mirada chea de nobreza. A súa amada, Frolinda tiña 16, posuía unha beleza que estremecía os seres sensibles e o seu corazón estaba enchido de bondade e xenerosidade. Sentiron que querían estar abrazados, cada un habitar nos brazos do outro, comprenderon que nada na vida tería sentido se non a vivían xuntos, xuraron que seguirían unidos, pasase o que pasase. Buserán prometeulle que a forza do seu amor non sería inútil e Frolinda aseguroulle que o seu amor sería eterno. Rocío e Ramón, veciños da mariñeira vila de Muxía, ese mascarón de proa da vella Europa, coñecerán no acantilado da furna Buserana a fermosa pero tráxica historia de amor eterno entre aquel trobador e a súa namorada.
O Autor
X. H. Rivadulla Corcón (A Coruña, 1962) é poeta, narrador, dramaturgo e guionista. Na TVG dirixe o programa “A vida do mercado”, e con anterioridade os programas “Salitre e vento”, “Caravana de sabores” e “Planeta fantasía”, ademais de distintos documentais entre os que destacan “Coralia e Maruxa, as irmás Fandiño” e “Redeira, un oficio galego e de mulleres”. Na Radio Galega dirixiu o programa “A casa do vagabundo”.
Preside o Foro de Asociacións de Guionistas do Audiovisual. É vicepresidente da Fundación Gonzalo López Abente. Publicou a novela Do mar e a noite (2002); os poemarios Taberna á deriva (2002), O adeus do vello mariñeiro (Xerais 2007), Camiño ao mar (2010) e Os papeis do vagabundo (2010); as novelas infantís e xuvenís O bebé máxico (2000), O elefante dunha soa orella (2004), ¿A que veñen as gaivotas a Compostela ? (2006), O sorriso de Claudia (2007), A balada de Roi Nemiña (2007), e Os piratas da illa da Esperanza (Xerais, 2008); as pezas teatrais ¡Furga Garabela! (2001) e Salitre (2003). Na colección Fóra de Xogo estréase con O noso amor será eterno (Xerais, 2011).Novas relacionadas
- Co outono, chega o teatro a Laxe, Carballo e Muros.
- A Galería Mulleres expón este outubro á escritora Teresa Moure.
- Muxía respostou na presentación de As Crebas.
- A Fundación Eduardo Pondal efectúa o seu ingreso definitivo na ACAMFE.
- A Fundación López Abente e a SEMESCOM unen forzas para coidar o patrimonio.
- Muxía tamén quere ser "Vila Literaria" .
Fonte
- Nota de prensa da Fundación López Abente.