Venres. 19.04.2024
El tiempo

25N: Carnota, Cee e Ponteceso serán os epicentros da loita contra a violencia de xénero

25N Cee Carnota e Ponteceso
25N: Carnota, Cee e Ponteceso serán os epicentros da loita contra a violencia de xénero

Innumerables as accións ao longo da Costa da Morte arredor do 25N Día internacional pola eliminación da Violencia de Xénero. Pero os dous grandes eventos, convocados pola sociedade civil organizada, danse esta tar de venres 25 de novembro en Cee e Ponteceso.

A Asociación Feminista Buserana non falta á súa cita na Praza 8 de Marzo. Unha concentración, ás 20:00h, xa instaurada que atrae a xentes de toda a comarca de Fisterra.
Terá un compoñente festivo como é a entrega do premios de Relatos que convoca a entidade.

En Carnota, a Asociación Sonlilá tamén organiza unha concentración ás 19:30h na Praza da Pedra, na que recordará ás mulleres asasinadas este ano.

Se Buserana leva máis de 30 anos loitando no sur da comarca, polo norte a nova Plataforma “Feminismo en pé”, nacía este verán en Bergantiños, tomando o relevo dun Círculo Feminista de Carballo no que as súas protagonistas están dispersadas polo estado. Así, esta trintena de mulleres de Ponteceso, Malpica, Laxe… estarán ás 20:00h na Praza do Relleno de Ponteceso, invitando a participar a todalas organizacións e colectivos sociais da contorna, a prol de visibilizar do xeito máis rotundo posíbel o rexeitamento da nosa sociedade cara a violencia de xénero.

Feminismo en pe
Unha das primeiras reunións da Plataforma Feminismo en pé

A entidade nace “buscando crear un espazo de seguridade onde poder expresarnos e visibilizar o que nos pasa nesta sociedade, polo feito de ser mulleres. Dentro disto, cremos imprescindible saír a rúa en datas sinaladas, como este 25 de novembro, como un xeito de denuncia de que a violencia machista está presente en todos os contextos, na cidade e no rural, e en todas as idades”, explica Malaika Cousillas.
”En contra do que nos gustaría observar, cada vez vemos con maior preocupación como esta lacra social non só segue presente se non que medra e atopa perigosas alianzas nos discursos que negan a súa existencia ou, o que é peor, que a xustifican poñendo o foco e responsabilizando ás vítimas”.
Ademais, sinalan que “cada vez máis, entre a mocidade medran e se asentan patróns de comportamento machista que xustifican o control, os ciumes ou que infravaloran a capacidade das mulleres novas, dandose un incremento da violencia verbal e psicolóxica que en moitas ocasións mesmo pasa desapercibida polas rapazas e mesmo polo seu enterno máis próximo”.

Concerto en Carballo

Ademais das actividades municipais que podedes ver aquí debaixo, concello a concello, a AC. Lumieira organiza este venres ás 21:00h un concerto de Antía Muíño no auditorio da Biblioteca Rego da Balsa.

Concerto de Lumieira en Carballo 25N

OUTRAS NOVAS SOBRE O 25N

Comentarios