Os Xulgados admiten a querela contra Lois Carballido pola suposta prevaricación na repotenciación do P.E. de Corme
- A oposición esixe ao PSOE que provoque a dimisión inmediata do alcalde

Vén de lonxe a polémica pola repotenciación do Parque Eólico do Roncudo, en Corme, Ponteceso. E aínda vai ter recorrido, unha vez que o Xulgado de Carballo vén de admitir a trámite unha denuncia presentada pola veciñanza en decembro 2019 contra Lois Carballido, por un suposto acto de prevaricación administrativa pola sinatura de convenios coa empresa promotora EDP Renovables, que outorgaban liberdade total á empresa sobre os terreos afectados por diante mesmo dos propietarios.
O Xulgado vai enviar ademais a información ao Ministerio Fiscal para ampliar a querela ao funcionario Emilio Caínzos, Secretario Accidental nos momentos das sinaturas, trala petición da veciñanza en marzo de 2022.
A oposición, e nome do edil non adscrito Daniel García Cotelo, amósase satisfeita tras esta primeira admisión, e esixen ao PSOE que provoque a dimisión urxente do rexedor.
Cotelo leva numerosos plenos levando preguntas sobre o asunto, obtendo resposta ningunha. “Esta é só a punta do iceberg”, asegura Cotelo, pois aínda falta analizar xudicialmente a denuncia pola licenza de obras en contra tamén da Xunta de Galicia, como xa se demostrou ca anulación por parte do TSXG da autorización da repotenciación.
A dramática historia dunha polémica repotenciación
Xa en 2017 o asunto da repotenciación comezou a dar sombra á veciñanza de Corme. A pesar das visitas de especialistas, o proxecto que cambiou os 60 viraventos que había no monte do Roncudo polos 7 xigantes actuais (provocando ademais unha desfeita ambiental) continuou avanzando.
Os acordos asinados polo Concello dábanlle total potestade a empresa e arrincábanlle todos os dereitos aos propietarios dos terreos, algún dos cales levaban 20 anos sen saber que estaban sendo ocupados. Houbo quen lle prantou cara pechando camiños con leña do cansos que estaban.
Foi, como se fose un traballo “esencial”, en pleno confimanento, “con nocturnidade e alevosía” como denuncia Cotelo, cando arrincaron as obras de desmantelamento dos vellos aereoxeneradores. Aseguran que foi así porque existía unha penalización por parte de Industria, se non remataban a repotenciación no prazo establecido.
Pasaron uns meses ata que os partidos políticos comezaron a denunciar o asunto, pero empresa e Concello non pararon ata completar unha verdadeira desfeita ambiental coa instalación dos 3 novos xigantes que se ven dende practicamente toda a comarca de Bergantiños.
Chegou aínda en xaneiro 21: a anulación da licenza da obra por parte do TSXG, e a partir de aí os partidos involucráronse máis na denuncia dos feitos, poñendo no punto de mira, ademais de no alcalde e na empresa, á Xunta de Galicia.
Dase agora, coa imputación de Carballido, un paso máis no procedemento xucidial desta polémica repotenciación.
Novas relacionadas
- Febreiro 22: Esixen responsabilidades políticas á Xunta pola sentenza que anula a repotenciación do parque eólico de Corme.
- 10-02-22: A Xunta vai recorrer ante o Supremo a sentenza do TSXG que anulou a autorización da repotenciación do parque eólico de Corme.
- Marzo 21: “Desmantelando a vida”, o vídeo-manifesto de Xente do Rural sobre o impacto dos Parques Eólicos de Corme e As Salgueiras
- Xaneiro 22: BNG e ANOVA piden responsabilidades á Xunta ante a sentenza do TSXG que anula a autorización do P.E. do Roncudo.
- Xaneiro 21: O TSXG anula a autorización da Xunta das obras de repotenciación do parque eólico de Corme, executadas durante o confinamento.
- Decembro 2020: A desfeita das obras do parque eólico G3 de Corme, en imaxes.
- Decembro 2020: O BNG tamén leva ao Parlamento a polémico repotenciación do Parque Eólico de Corme.
- Setembro 2020: “Queren expropiar fincas que xa levan meses ocupadas polo novo parque eólico de Corme”.
- Abril 20: A veciñanza presenta alegacións ao Parque Eólico das Salgueiras.
- 31-03-2020: Desmontando o parque eólico de Corme en pleno estado de alarma.
- Novembro 19: "Levamos 19 anos sen saber que un viravento invadira as nosas fincas de Corme”.
- Novembro 19: A empresa do Parque Eólico de Corme enfróntase aos veciños con graves acusacións.
- Novembro 19: Prantan cara á empresa dos eólicos de Corme, que leva ata 18 anos sen pagar a varios veciños afectados.
- Abril 18: Ventonoso intentou aportar información aos afectados pola repotenciación do parque eólico de Corme.
- Setembro 17: A repotenciación dos parques eólicos: unha trampa para os propietarios afectados.