Martes. 30.04.2024
El tiempo

Empresari@s turísticos amosan o seu rexeitamento o parque eólico Pena dos Mouros

  • A Asociación Calo Rural analiza datos dun informe do Banco de España para eliminar mitos sobre os postos de traballo arredor dos eólicos.
dav
Vistas de Traba dende os Penedos de Traba e Pasarela
Empresari@s turísticos amosan o seu rexeitamento o parque eólico Pena dos Mouros

Saltan á voz pública as empresas de turismo sostible da Asociación Calo Rural. Empresari@s que teñen os seus negocios turísticos na área de Trece e os Penedos de Pasarela e Traba amosan o seu rotundo rexeitamento ao parque eólico Pena dos Mouros. Consideran que o proxecto de EDP Renovables supón “un ataque frontal contra o sector turístico na área da paisaxe protexida” dos Penedos de Pasarela e Traba, “paraxe natural recoñecida pola súa morfoloxía e singularidade”.

As empresas lembran que “na zona se está a desenvolver unha oferta de máxima calidade que está a xerar moitos postos de traballo directos e indirectos e provoca un efecto multiplicador na súa contorna, contribuíndo deste xeito a fixar poboación”.

A entidade recorda que “na súa meirande parte, o turismo nacional e internacional que se achega a esta parte da Costa da Morte faino pola súa calidade paisaxística e ambiental, e que conceptos coma o do turismo ornitolóxico ou o astroturismo só son posibles si a contorna mantén nun estado de conservación óptimo, algo que é claramente incompatible coa instalación de aeroxeradores de 200 metros de altura en punta de pa”.

”Que sentido ten publicitar a Costa da Morte en FITUR cando un proxecto enerxético destas características pode botar abaixo anos de traballo de promoción turística responsable?”, pregúntanse.

Postos de traballo?

Así mesmo, ofrecen dandos do último informe técnico do Banco de España, publicado en xaneiro deste ano detalla que "os investimentos eólicos teñen efectos moi baixos e estatísticamente non significativos sobre o emprego local durante as fases de construción e mantemento" pois aínda que nestes proxectos traballan equipos multidisciplinares o fan "dende a distancia", cunha etapa construtiva "relativamente curta" levada a cabo por contratistas "que a miúdo residen noutros lugares" e que se trasladan unha vez rematado o traballo.
Finalmente, só se realiza o mantemento do sitio, que "xeralmente involucra a traballadores que manteñen de forma remota varios sitios á vez" e non residen de maneira permanente nas zonas onde se ubica o investimento.

”Os danos que pode ocasionar este proxecto industrial superan con moito os seus pretendidos beneficios, prexudicando sen remedio a un espazo virxe en termos paisaxísticos e unha extensa área que atesoura unha das mellores biodiversidades de Europa, en especial a nivel de avifauna”, conclúen. “Unha riqueza natural e patrimonial que, sen dúbida, as institucións teñen a obriga de protexer e resgardar para as vindeiras xeracións”, sentenzan.

Artigos relacionados

MÁIS NOVAS SOBRE EÓLICOS

Comentarios