Luns. 20.05.2024
El tiempo

Os Relatos da Fundación Fernando Blanco (I)

Os Relatos da Fundación Fernando Blanco (I)

Despois de ver os debuxos de Primaria e de Secundaria, gañadores do Certame da Fundación Fernando Blanco. E hoxe comezamos a recoller relatos premiados do III Concurso de Relatos Curtos, e comezamos polos da Categoría A (3º Ciclo de Primaria).

Disfruten das historias dos nosos pequenos Julio Regueiro Montero do CPR Manuela Rial de Cee; Noa Lema Rial do CEIP Labarta Pose de Baio e Martín Quintáns Rojo do CEIP Labarta Pose de Baio.


1ª Premio - “O ancián e a Gotiña de Auga”

Julio Regueiro Montero do CPR Manuela Rial de Cee

A terra fai moitos anos só era auga, ata que un día empezaron a aparecer montañas e terra sen motivo. O planeta enteiro empezou quedar sen auga. Os océanos convertéronse en mares, os mares en ríos, os ríos en lagos, e os lagos en pequenos charcos, e os pequenos charcos en gotiñas de auga. A xente, vendo que a auga esgotábase, foi recollendo moitas gotas, porque lles daba medo quedar sen nada. A auga era necesaria para vivir, que farían despois?

Un día, un señor moi maior apareceu da nada. Intentou convencer á xente de que non colleran tanta auga, que o planeta quedaría sen ela. Pero non lle fixeron caso. Todo o mundo volveuse egoísta, ninguén quería compartila, cada un quería encher os seus pozos. Ó cabo dun tempo, o planeta, como dixera ese señor, quedouse sen auga. Él quedouse coa última gota. Moitas persoas pedíronlla, dábanlle moitos cartos por ela, pero él negouse a darlla. Avisáraos, pero ninguén lle fixo caso, pasaran dél, así que agora, él pasaba deles.

A escaseza de auga foi a máis e a xente empezaba a estar moi mal. Os hospitais facían todo o posible para evitar que a xente morrera. Era unha situación moi crítica. Todo o mundo estaba moi asustado. Que ían facer sen auga?

O anciá desapareceu, ninguén o volveu ver. Desapareceu durante un tempo, non quixo saber nada da xente tan egoísta. Con él desaparecía a última esperanza de volver ter auga, xa que a última gotiña tamén se foi. Todo o mundo acordábase dél. Qe pasaría se lle fixeran caso?

O anciá gardaba a gotiña de auga nun recipiente de cristal. Si esta gota se perdía xa non habería nada que poidese salvalos. Era un señor que sempre estaba só, moi especial, un pouquiño estraño. Semellaba chegar doutro mundo. Cómo explicarlle á xente a importancia que teñen os nosos mares, cómo facerlles entender que eran de todos e que todos os podemos utilizar sin acabar con eles. Gardou a gotiña durante un tempo e, cando empezou a ver que a xente estaba realmente asustada e arrepentida do que fixeran, volveu.

A xente, ó velo, empezou a chegar onde él estaba. Pouco a pouco foise correndo a nova de que o anciá que tiña a gotiña de auga voltara. Todo o mundo foi velo, todos estaban desexando que lles dixese que podían facer para solucionar o problema. O homiño comezou a falar. Díxolles que si seguíamos tratando así ó noso planeta, todo se acabaría. Todos estamos acostumados a pensar en nós e non coidamos o que nos rodea. Así, os noso bosques quéimanse e acábasenos o osíxeno. Tamén os nosos océanos, mares e ríos están contaminados. Os peixes e demáis seres vivos morren, e moitos deles desaparecen e nunca máis os volvemos ver. O ancía non entendía tanta irresponsabilidade e trataba de darlle a importancia que tiña a gota de auga que él posuía. Todo o mundo o escoitaba con moita atención, todos lle daban a razón. Pero, que poderían facer agora?. Cómo poderían recuperar a auga?

O anciá, a medida que ía falando, ía quedando sen forza. O seu aspecto ía empeorando por segundos. Ninguén entendía o por qué. Preguntáronlle que lle pasaba, pero él só dicía moi baixiño que a contaminación ía acabar con él. Todos vían que necesitaba axuda, pero ninguén sabía como axudalo. Estaba moi pálido, e tamén a gotiña de auga que tiña estaba cambiando de cor, íase facendo de cor marrón.

Todos os que alí estaban tentaron axudalo. Preguntáronlle si tiña familia, amigos. O anciá díxolles que non tiña a ninguén, que o seu sitio era ese, onde estaba agora mesmo. Tanto él como a súa gotiñan precisaban promesas, promesas que fóranse cumprir de verdade. Terían entre todos que coidar do noso planeta, dos bosques, dos mares, do aire ..., desa forma todos vivirían mellor.

A xente non entendía moi ben que tiñan que ver as súas palabras co que estaba pasando, pero aínda así, prometéronllo, xa que o anciá daba moi bos consellos. Coidarían dos bosques, da auga, dos mares, dos campos,

... Todos se colleron da man para prometerllo. Todos xuntos sería máis fácil.

O anciá, por primeira vez, veu sinceridade na xente. Por primeira vez, veu que todos estaban dispostos a axudar, e como por arte de maxia foi recuperando o seu aspecto orixinal. Era máis brillante, case azulado ou transparente. O máis sorprendente era que a súa gotiña ía pasándolle o mesmo. Volvía a ter a cor normal da auga, e incluso estaba máis limpa que habitualmente. Así que mirou á xente e decidiu abrir a tapa do bote de cristal. A gotiña caeu ó chan facendo un pequeno charco. A xente estaba abraiada porque o charco foise unindo, pouco a pouco, ós pes do seu dono. O anciá foise convertindo en auga, e xunto coa gotiña, formaron un regato, o regato foise convertindo en río, o río en mar, e o mar en océano.

Todo volveu á normalidade. A Terra xa volvía ser como antes: augas limpas, bosques moi verdes, flores de moitas cores ... Todo o mundo empezou a comprender o que pasara. O anciá, que tanto se esforzou por axudalos, era o MAR, era a uga que tanto precisaban e transformárase en humano para traernos unha mensaxe: “Mirade o importante que son. Si eu desaparezo, non podedes vivir. Coidádeme!”.

A xente entendeu a mensaxe. Para honrar a súa memoria deixaron de contaminar. As persoas que alí estaban entenderon que o mar que tanto tempo buscaran, nunca os abandonara, que sempre estivo alí con eles, e estaban tan cegos que non o viran.

O anciá foise feliz porque cumprira a súa misión.

Agora tócanos a nós.

  • Julio Regueiro Montero do CPR Manuela Rial de Cee.

2º Premio - “Mirando ao mar”

Noa Lema Rial do CEIP Labarta Pose

O mar pode ser un lugar relaxante, de momentos agradables, no que podemos divertirnos e xogar xuntos aos noso amigos ou familiares, pero para os mariñeiros é algo ben distinto. Para eles o mar é o seu lugar de traballo, e, ás veces, un espazo escuro e perigoso, onde nunca sabes o que che vai deparar o destino, nin se volverás san e salvo de volta á casa.

Sabela era una rapaza de doce anos, de familia acomodada. Tiña un irmán maior, algo molesto, chamado Xulián, que sempre se metía con ela. Sabela e a súa familia vivían en Santiago de Compostela. A nena caracterizábase por ser aventureira, segura de si mesma, algo impulsiva, aínda que amable e xenerosa. Xaime era o fillo dunha familia mariñeira que se enfrontaba aos riscos do mar a diario. Tiña doce anos e era o menor de dez irmáns. Xaime era un neno inquedo, decidido, rebelde e moi simpático. A vida de Xaime era sinxela; polas mañáns ía ao colexio, e polas tardes xogaba, na rúa ou na praia, ao fútbol cos seus compañeiros.

É ía a ser precisamente esa gran masa de auga salgada a que permitise que os dous rapaces se coñecesen e vivirán unha aventura inesquecible.

Eran as vacacións de Semana Santa e Sabela esperaba a chegada dese día dende hai tempo, pois ela e a súa familia ían de vacacións a Laxe, un pequeno e fermoso pobo situado na Costa da Morte. Xa estaba todo preparado para a partida; as maletas estaban no coche e a familia preparada. Sabela desexaba moito esta viaxe pero non se imaxinaba ata que punto ía ser memorable.

Cando chegaron ao seu destino, Sabela baixou do coche emocionada por descubrilo todo. Dende o balcón do hotel onde se hospedaban contemplou, amarrados ao peirao, una flota de barcos pesqueiros e pequenas embarcacións artesanais de moitas cores; ao norte a ría de Corme e Laxe, e ao sur a longa praia onde algún rapaces xogaban á pelota. Sabela mirounos cun sorriso e a cor dos seus profundos ollos azuis confundiuse co mar.

Na outra punta desa mesma praia, nun lugar chamado Cabo da Area, tamén observando ao mar, encontrábase Xaime.

Pasadas unas horas Sabela saiu do hotel decidida a correr pola praia para respirar a brisa fresca do mar. Primeiro recolleu unas cunchas para a súa colección e, despois dun anaco, preferiu sentarse a descansar. Pechou os ollos, e de súpeto, unha pelota bateu contra a súa cabeza, facéndoa espertar das súas reflexións. Sabela sentiu unha pequena dor, pero unha man forte axudoulle a erguerse. Cando por fin abriu os ollos, viu un neno da súa idade, loiro, de ollos claros e amigable sorriso. O rapaz preguntoulle preocupado como estaba, pero Sabela non lle contestou. Á vista de que non lle respondía, Xaime dispúxose a marchar, cando Sabela lle respondeu que se atopaba ben. Despois a nena presentouse e preguntoulle como se chamaba e de onde era. Xaime sentou ao seu lado, presentouse e contestoulle que vivía no pobo. Sabela parecía contenta por coñecer un rapaz que lle puidese ensinar cousas do lugar. A rapaza interrogouno sobre a súa vida, sobre o mar e a súa xente, e sen eles darse conta, pasaron dúas horas falando das súas vidas.

Xaime explicoulle que seu pai tiña un barco no que ía pescar as sardiñas, e como a él lle gustaba ir ao porto despedilo todas as tardes de verán, e despois de facelo collía a bicicleta e ía ata o faro mirar onde se dirixía o barco. A rapaza descubriu así que, ás veces, Xaime ía ao peirao a ver como enchían as caixas de peixe e as cargaban no camión para A Coruña, lugar onde se vendían e, dende alí, se distribuían a todo o país. Xaime tamén lle contou que algunhas noites él e máis un amigo ían a un edificio en construción, situado no centro do pobo, e dende arriba tiraban globos de auga aos viandantes que paseaban tranquilamente pola rúa. Sabela non podía aguantar o riso e soltou unha gargallada que fixo que Xaime tamén escachase a rir. De súpeto a nai de Sabela interrompeu a conversa e a nena despediuse. Sabela esperaba con impaciencia o momento de volver a ver a Xaime para que lle contase máis aventuras.

A tarde seguinte a nena baixou á praia en busca do seu novo amigo. O rapaz estaba esperándoa sentado no mesmo lugar onde se coñeceran. Xaime propúxolle a Sabela ir dar un paseo polo pobo. Sabela emocionada asentiu. O neno ensinoulle a igrexa do século XIV, e logo subiron por unha pista que chegaba ata o cemiterio, onde había unha pequena cala chamada dos Cristais, que coa luz do sol reflectía miles de cores ao seu redor. Dende alí camiñaron un anaco bordeando a costa, e chegaron a un lugar chamado Furna da Escuma, onde Xaime lle ensinou unha pedra cha e lisa, con centos de nomes escritos de parellas de namorados. Os dous nenos puxéronse colorados e comezaron o camiño de volta á casa.

Ao día seguinte Xaime vendoulle os ollos cun pano e levou a Sabela a un novo lugar. Despois dun longo e empinado traxecto camiñando, Xaime quitoulle o pano dos ollos e Sabela quedou asombrada. Dende aquel monte podíase contemplar unha paisaxe espectacular: a longa praia de area branca, o porto cheo de barcos que ían comezar a faena, e o mar pintado de infinitas tonalidades que, dende aquel monte, parecía iluminar o mundo. Sabela non tiña palabras, era un lugar fermosísimo. Estaban no monte de Santa Rosa, ao lado dunha diminuta capela que servía de santuario o 30 de agosto. Os dous rapaces sentaron na herba. Era un día moi soleado e Xaime mandoulle volver pechar os ollos a Sabela. Pasou un tempo e Xaime ensinoulle o que tiña preparado para ela, unha merenda feita de bocadillos variados, bebidas, froita e algunha lambetada. Xaime fixera todo aquilo para ela, estaba moi contenta e non puido evitar darlle unha forte aperta ao rapaz. Estiveron toda a tarde rindo, falando e comendo naquel monte que, para eles, se convertera nun lugar máxico.

Xa pasaran tres días dende a chegada de Sabela, e os dous nenos compartían o seu tempo, tanto que un día Xaime non apareceu para ir xogar, e Sabela preocupouse. Pasou o día encerrada na súa habitación pensando nunha chea de cousas horribles que lle poderían estar ocorrendo nese momento a Xaime. Non ía moi desencamiñada. Na casa de Xaime todos estaban un pouco asustados.

Pola tarde Xaime decidiu ir dar un paseo pola praia para desafogar. Alí pasara momentos divertidos, momentos horribles, e toda clase de aventuras. Dende o hotel onde estaba Sabela só se podía ver un pequeno punto sobre a area, e ao velo a rapaza baixou correndo coa esperanza de que fose Xaime. Ao chegar a xunto él, Sabela notou a profunda tristura que invadía ao seu amigo. Para animalo decidiu non preguntarlle nada e falar de fútbol. Aínda que a Sabela non lle gustaba moito, fixo un esforzo por lembrar todo o que lles escoitaba falar ao seu pai e ao seu irmán. Sabela preguntoulle a Xaime si cría que o Deportivo lle gañaría ó Celta. Xaime non contestou nada. Entón a rapaza decidiu falar doutra cousa. A seguinte pregunta foi saber en que época do ano o mar era máis bravo. O neno tampouco contestou, e xusto cando a rapaza ía formular a terceira pregunta, Xaime tapoulle a boca, e nun ton algo agresivo, pediulle que non o molestara máis. Entón Sabela quedou calada e con bágoas nos ollos, pero non marchou de alí. Xaime sentiuse mal por entristecela, e él tamén comezou a chorar. Pensou na súa familia, e como o mar, aquel a quen sempre considerara un amigo e un recuncho onde afogar as súas penas, podía ser un lugar tan arriscado. Despóis duns minutos que transcorreron nun silencio bastante incómodo, Xaime decidiu contarlle a Sabela os feitos que aconteceran o día anterior no barco do seu pai.

Todo empezara como unha xornada de traballo calquera, os mariñeiros saíron a faenar pola tarde, o mar parecía tranquilo, e ao cabo dun tempo, o sonar do barco detectou un banco de peixes. O tempo comezou a cambiar virando de oeste a noroeste, e as ondas foron medrando cada vez máis. O barco non cesaba de zarandearse dun lado a outro, e os mariñeiros estaban moi tensos e preocupados, o medo reflectíase na súas caras. Había que capear o temporal e puxeron a proa ao vento. O patrón do barco decidiu dar volta e coller rumbo a terra. Ese día tiveran sorte xa que todo quedara nun susto, pero os perigos da profesión estaban ben presentes.

Pese a que Sabela tamén se paralizou un instante por aquela historia, intentou tranquilizar a Xaime. Pero non puido facer nada para que o rapaz esquecera que o mar, ademáis de ser un lugar fermoso, era igualmente traizoeiro. Isto fixo que Sabela se entristecera aínda máis e non poidera evitar deixar caer a súa cabeza no ombreiro de Xaime.

Tras as vacacións de Semana Santa, os dous amigos non se volveron ver ata uns anos despois. Cando Sabela tiña dezaseis anos volveu a viaxar a Laxe. Xa quedara con Xaime para encontrarse nun bar situado preto do hotel onde se hospedara a primeira vez. Xaime traballaba co seu pai e cos seus irmáns no mar, pero non pasara un día dende aquela época no que non se lembrara de Sabela. Cando se viron non dubidaron en darse unha forte aperta. Despois dun anaco falando de como lles fora a vida, foron dar un paseo pola praia para recordar vellos tempos compartidos. Xaime non podía aguantar máis e, sen sequera pensalo, doulle a man a Sabela, a cal non se negou a agarrarlla. Era o momento perfecto. Sentaron na area, no mesmo lugar que cando eran rapaces. Miraron ao mar, recordando momentos bos e malos das súas vidas, agarrados da man e esperando…

  • Noa Lema Rial do CEIP Labarta Pose de Baio.

3º Premio - “A tristura do mar”

Martin Quintans Rojo do CEIP Labarta Pose de Baio

O mar é una cantidade de auga salgada, xigantesca, iso calquer científico ou investigador o sabe, pero ninguén se interesou por saber que sentía o mar.

Era un día calquera do mes de setembro, aínda chegaban algún raios de sol á xente e o ceo estaba totalmente despexado.

Él sempre estaba feliz. Encantáballe ver ós nenos pasear polas súas praias, disputando infinitos partidos de fútbol ou voleibol, sentir as súas ondas bater contra os cantís, observar as coloridas algas ser arrastradas pola súa corrente e, como non, ilusionarse cos seus divertidos e incansables amiguiños, os peixes.

Todo ía ben. Él seguía coa súa rutina de desfrutar a vida cada día, aínda que algo máis lonxe das súas costas, no centro da súa inmensidade, presentía un mal augurio. Un dos moitos barcos lixo estaba nas súas augas, ía cargado con 70.000 toneladas de cru. Tiña medo, estaba aterrorizado. Nese momento, as súas augas quedaron paralizadas como se fose un inmenso lago, porque o barco acababa de sufrir un escape de cru.

Aquel mal presentimento que él sentirá convertérase na realidade. Quería chorar coa sensación de ter una espiña cravada no corazón. As súas augas xa nunca volverían a ser as mesmas.

Moita xente quedou mirando; algúns decidiron axudar. As praias perderan o seu valor, e os cantíse xa non tiñan, para nada, a mesma beleza.

Xa non desfrutaría ó ver ós nenos xogar infinitos partidos de fútbol ou voleibol. Os seus divertidos e incansables amiguiños, os peixes, estaban tan tristes coma él, moitos morrerían. As brancas gaivotas volvéranse negras, negras coma a súa tristura. As algas, que se movían sen descanso, volvéranse negras, quedando quedas, sen vida.

Aquela masa negra envolvía ás súas augas, non o deixaba mover, bater contra os catís coa forza que o facía antes, sentíase débil e cansado.

Tardarían anos e anos en limpar aquela desgraza, e o mar, en olvidala.

O seu corazón sentíase defraudado e partido, igual que aquel inmenso petroleiro no seu fondo.

Aínda que logrou sentirse mellor ó ver ós humanos traballar tanto por él, nada melloraba.

Pode ser que algún día os humanos recoñezan o seu erro e lle pidan perdón ó mar; ou pode ser que nunca recapaciten, e o planeta Terra acabe sufrindo una gran desgraza.

  • Martín Quintáns Rojo do CEIP Labarta Pose de Baio.

Novas relacionadas

Máis novas

Máis información

Fonte

Comentarios