Xoves. 18.04.2024
El tiempo

Tras 2 anos de retraso, a estrada da Touriñán seguirá esperando unha solución definitiva

O parche do “rebacheo” levanta as críticas de veciños e oposición
 

Estado da estrada a Touriñán
Tras 2 anos de retraso, a estrada da Touriñán seguirá esperando unha solución definitiva

Xa pasaron case 2 anos dende aquela Andaina que artellaba a veciñanza de Muxía para pedir o arranxo da estrada a Touriñán. Ou das 2000 sinaturas presentadas polo BNG así como as constantes queixas do PP. Pero a Autoridade Portuaria segue lavando as mans, e segue deixando aos veciños e visitantes ao amparo das fochancas.

Imaxe da Andaina reivindicativa de outubro de 2017 dos veciños de Muxía-Foto-Pablo Álvarez
Imaxe da Andaina reivindicativa de outubro de 2017 dos veciños de Muxía-Foto-Pablo Álvarez

Unha vía moi importante, da que dependen varios establecimentos, pola que transitan un milleiro de veciños día tras día, e pola centos de visitantes visitan zonas como o cabo Touriñán ou a praia de Nemiña.

Esta semana, tras unha reunión cos alcaldes/as socialistas de Cee e Muxía, acordaban facer un “rebacheo”, a falta de levar a cabo unha prometida renovación do firme. “Cuestións burocráticas” poñen como excusa para seguir retrasando “uns meses máis”, a necesaria obra, unha vez que deben facer primeiro a transferencia das vías aos concellos.

Ante esta situación, tanto o BNG de Cee como o PP de Muxía saen á voz publica. O grupo nacionalista pide “celeridade para dar unha solución definitiva ao lamentable estado da estrada”, e critica que “a Autoridade Portuaria non fixo os tramites precisos e correctos para levar a cabo a transferencia da vía aos concellos”. Serxio Rodríguez sinalou que “levamos un ano de retraso, sobre a promesa da Autoridade Portuaria, do arranxo definitivo e total da vía, un ano no que o oscurantismo e o silencio foron totais, un ano no que incluso houbo quen asegurou en campaña que a obra estaba xa licitada. Agora vimos de saber que os trámites non eran os correctos, que se precisan de sendos informes do Consello de Estado e Patrimonio, e que sexan estes positivos, polo que temos que volver agardar varios meses mais aínda”, sinala lembrando á desfeita do heliporto de Rubio.

Pola súa parte, o PP muxián lembra que xa van máis de 2 anos de retraso e lamenta que “o rebacheo non é unha solución nin definitiva nin temporal xa que ou estado da estrada impide que este sexa un remedio eficaz en calqueira dous casos”.
Sandra Vilela aproveita ademais para criticar ao alcalde muxián. “O alcalde chegou a dicir nunha parroquia que a obra estaba licitada. Un alcalde que debería defender ós veciños de Muxía por riba de todo, gustaríame saber cal sería a súa actitude se non goberno central, do que depende a autoridade portuaria, gobernase o Partido Popular en lugar de facelo o seu partido”.

Novas relacionadas

Comentarios