Sábado. 27.04.2024
El tiempo

Compromiso por Mazaricos estrearase nas Municipais de maio

Compromiso por Mazaricos estrearase nas Municipais de maio
Santi Corzón presentase como Compromiso por Mazaricos

Seguen movendo ficha as propostas políticas abertas tamén na Costa da Morte. Hoxe toca falarmos de Compromiso por Mazaricos, que xa nos confirmou que se vai presentar ás Eleccións Municipais de maio de 2015, con Santi Corzón como candidato. Un Santi que viña de axitar a árbore mazaricá dende o grupo independiente “Nós Tamén Podemos”, pero que colle o relevo a través da entidade verde.

Así é todo asegura que “Compromiso por Mazaricos sigue sendo un grupo aberto a cidadanía, participativo e integrador, onde todo aquel que queira opinar e axudar pode facelo”.

E para presentarse, envía esta carta aberta a toda a veciñanza.

Carta de Compromiso por Mazaricos: “Por que?”

Por que, nos tempos que corren, co desprestixio que ten a política e os políticos, co difícil que sabemos que é ilusionarse, decidimos formar unha candidatura e presentarnos ás eleccións municipais? O máis apetecible sería quedar na casa, non complicarse, ver os touros dende a barreira e criticar o que fan os demais, porque como diría calquera, “total para qué”. Hai un par de anos, un vello de case 100 anos escribiu un libro de 30 páxinas que se titulaba “Indignádevos”. O que dicía ese home, tan vello coma lúcido, quizais era o que faltaba para que todo empezara a cambiar en Europa, dun xeito moi lento, pero irreversible. Dicía este home – Stéphane Hassel – que está en xogo construír un mundo máis xusto, no que as persoas teñan máis importancia que os poderes financeiros, e tamén dicía que a nosa pasividade é o que fai posible que os dirixentes políticos gobernen pensando nos intereses dos poderosos, e non nas necesidades da xente. Levamos moitos anos en que a palabra “corrupción”, de tanto repetila, parece que xa non significa nada. Non sabemos xa desde cando temos a impresión de que as cousas importantes pasan, pero ninguén se responsabiliza delas. Poñeremos algún exemplo: o prezo da luz, o prezo do leite, o “repago” pola Sanidade pública, ... vemos como van cambiando sempre en prexuício dos máis débiles, como se fosen cousas rexidas por designios divinos. Son os “mercados”, dinnos. O que importa é a prima de risco, e para que non nos castiguen, debemos obedecer sen rechistar, porque disque non hai alternativa. Ou é así, ou senón virá o caos, quitaranlle a paga aos vellos, e empezarán a sonar as trompetas do Apocalipsis. Vaia, que a democracia, outra palabra prostituída, non serve para que se goberne en nome das persoas e para resolver os seus problemas. Serve para darlle a bendición aos candidat@s que os partidos nos poñen. Do resto das cousas, como son “problemas tan complexos” e como nós somos algo parv@s, mellor que non digamos nada. Pero iso empezou a mudar e xa non hai volta atrás. A xente cansouse de ser enganda e estafada, regalando o patrimonio de tod@s a incompetentes que tiñan como único curriculum o de ser amigos dalgún político importante (as empresas eléctricas, as autopistas, as caixas de aforro), e a ser estafada de novo para “rescatar” o que xa era noso mentres lle pagamos xubilacións millonarias aos estafadores/as, e mentres os polític@s que promoveron e consentiron o saqueo teñen asentos reservados nos consellos de administración desas empresas, ou ben retiros dourados en chiringuitos públicos (deputacións, senado, consellos consultivos, consellos de radiotelevisións públicas, etc) Por iso non podemos quedarnos na indignación. É preciso facer algo máis. Hessel tiña razón. E como trasladamos todo iso a Mazaricos? Nos últimos 20 anos Mazaricos estivo clinicamente morto, con encefalograma plano. Sen ningunha esperanza de futuro, perdendo xente cada día, sen proxectos, sen impulso político, sen ilusión. En cada bar, en cada reunión, criticábase ao alcalde dunha maneira nunca antes vista. O calificativo máis benévolo era o de incapaz. Unha vez escoitóuselle dicir que el trouxera a Mazaricos a “paz social”. É certo iso: hai moita paz nos camposantos. Practicamente todos os servizos que temos corresponden á “herencia recibida”. Non se fixo nada, pero quizais o máis triste é ver hoxe como a xente nova está resignada, derrotada, contaxiada por ese espíritu de que “total, son todos iguais”, e “se veñen outros van facer o mesmo”. E sen embargo poucos concellos do interior de Galicia teñen a riqueza que nós temos. O sector lácteo galego ten aquí un dos seus referentes. E tamén a produción enerxética eólica e hidroeléctrica destacan notablemente. Non queremos esquecer a riqueza menos explotada pero con enormes posibilidades: a riqueza natural dos múltiples recunchos do noso Concello e o seu atractivo para os visitantes, en particular os que cruzan cada día a pé de Santiago a Fisterra. Lamentablemente non houbo tampouco moita oposición política. Ser un representante elixido polos veciños, con independencia do partido, pensamos que implica unha responsabilidade absoluta e un compromiso de informar á xente, recoller os seus problemas e presentar propostas para solucionalos. E senón hai que deixalo. O que non debe nunca facer é ocupar cargos públicos sen facer absolutamente nada. Isto é o que acaba transmitindo a idea de que a representación política consiste nunha serie de privilexios, pero con ningún deber nin responsabilidade cara á xente á que representan. Temos propostas, ideas para avanzar. Temos tamén o compromiso absoluto de escoitar e esforzarnos en buscar melloras e solucións para os problemas de Mazaricos. Queremos que a xente máis nova se implique. Contamos con eles para que fagan algo por Mazaricos, e non esperar a que un alcalde, un político ou un partido faga cousas por eles. Iremos presentando as nosas propostas, e queremos que sexan discutidas e melloradas por canta xente queira facelo. Nunca imos pedir un apoio incondicional, un cheque en branco, porque a crítica é imprescindible en calquera sociedade. Pero temos a seguridade de estar suficientemente preparados para revertir esta situación de apatía e asumir a responsabilidade de dirixir o goberno de Mazaricos nos próximos anos. Benvidos a este proxecto. Todos e todas os que crean nun futuro mellor para esta terra teñen cabida.

Novas relacionadas

Novas relacionadas

Novas electorais

Máis novas políticas

Fonte

Comentarios