Sábado. 27.07.2024
El tiempo
Abraham Trillo
07:17
27/05/24

Cen viños máis cen libros

Abraham Trillo no Bela Fisterra
Abraham no Bela Fisterra
Cen viños máis cen libros

Formoso alquimista, no seu Bela Fisterra, une natureza e arquitectura, mar e choiva, literatura e viño e, como resultado, sáelle un poema. Pepe Formoso, anfitrión da Costa para o Mundo, lúcese tamén como afitrión da Costa para a propia Costa.
O pasado 25, citounos, e alá fomos uns cantos a esa catedral, a ese pazo de formigón, letra e uva para festexar o mosto e o verbo. Practicamente, estabamos todos.

Cen viños, cen libros. A Historia amósanos que a determinados escritores, o alcol, en medida dose -a cal pode variar dende os dous vasos aos vintecinco, dependendo de cada corpo - sérvelle como estimulante literario. Shakespeare, débelle moitos dos seus diálogos ao viño; Quevedo, non menos versos. Ámbolos dous souberon dar coa dose que necesitaban.

Claro que para que o alcol axude a escribir, o primeiro e fundamental é ser escritor. Porque, milagres, no fai.

A semana pasada, rematei de ler o último libro que sacou Fernando Savater (Carne gobernada: De política, amor y deseo. Editorial Ariel). Nel comentaba que, aos seus setenta e seis anos, levaba toda a vida bebendo- e comendo- en cantidades inxentes (whisky, viño, champán, mezcal, tequila..). De feito, nesas páxinas, non ten problema ao se declarar abertamente borracho. Tamén resalta o importante que é coñecerse a un mesmo para que a experiencia alcohólica non se nos vaia das mans. Porque el bebe, si, pero sen que iso lle condicione a vida, sen permitirse chegar a esa grao de borracheira que lle estrague a xornada de traballo do día seguinte. A bebida pode elevar o espírito do ser humano, pero tamén pode facelo descender as categorías máis baixas e ruíns.

O resumo é que, ata para tomar, hai que saber. Mais o certo é que, os distintos tipos de alcol -non todos consumimos o mesmo-, a pesar de favorecer o acto creacional, tamén dispoñen a mente para ler, ou mellor dito para vivir dalgún xeito con maior intensidade e aproveitamento o que se está lendo.
Por iso, a iniciativa levada a cabo o sábado, foi exitosa como para aplaudir. Por en valor de forma material e pública esas dúas pezas fundamentais para a civilización do ser humano, viño- e que viño!- e literatura, foi un acerto de Pepe. De xustiza é agradecerllo; sirva pois pra tal mester, no meu caso, este artigo.

MÁIS ARTIGOS DE ABRAHAM TRILLO

Comentarios