Mércores. 01.04.2020
El tiempo
José Luis Louzán
10:05
19/02/20

Vamos

Ás veces escribir é a obra dun coloso. Cada palabra, cada expresión, custan máis que levantar unha pirámide. Pero nese conflicto, no marasmo propio da fusión do medo polo futuro e a dor polo presente, un encontra un fío que lle permite contar algo tentando resultar útil para os demais. Hoxe vouvos a falar da sanidade pública e de por que o próximo 5 de abril todos e todas temos unha obriga para coa supervivencia dos nosos.

En xaneiro, o día 9, a un ser moi querido para min foille atopado un corpo estrano aloxado no abdomen. Esta lesión resultou ser un tumor e en tan só 19 días fóronlle realizadas as probas precisas e feitos os preparativos necesarios para, o pasado 28 de xaneiro, retirarlle nunha operación de máis de 3 horas o tumor detectado. Agora seguimos instalados nunha longa e complexa recuperación que segue indo ben grazas, sobre todo, a un sistema sanitario público que, na precariedade máis absoluta, logra miragres a base de dedicación, profesionalidade e traballo duro. Un sistema que sigue vivo grazas aos médicos e enfermeiras, aos técnicos e doutoras que, contra todo pronóstico, son capaces de manter o nivel dun servizo tan denostado coma necesario. Dende a atención primaria e a doutora Álvarez, que ordeou as primeiras probas, pasando polo Internista, Doutor Abel, que precisou de que se trataba e o alcance da lesión ata o equipo de transplantes do CHUAC, co doutor Gómez e o máis que incrible cirurxán, Doutor Ignacio Rivas, rematando nas enfermeiras de planta da ala de Cirurxía Dixestivo C. Unha cadea de profesionais entregados, trabalando nun entorno e cuns medios indignos da súa dedicación e capacidade.

O SERGAS non merece máis un goberno cacique e menor, cheo de lamecús coma os que paseaban onte ao pé de Feijoo por Cee e Fisterra e que recibían a enésima protesta da man e da voz das nais e pais que seguen e seguirán pedindo un pediatra, unicamente iso, para poder dar cobertura ao máis importante nunha familia: a herdanza.

Di o refrán que en Galicia o único que non se pode tocar son os marcos e os fillos. O PP leva décadas sendo a forza máis votada elección autonómica tras elección autonómica en Cee e Fisterra pero, non sei moi ben por que, creo que esta vez non vai ser así. Se admitimos, cando nos dan a oportunidade, que o que hai é o bo, por enriba do que nos quitan, do que nos rouban e do que nos negan é que merecemos o que temos. Cando carecemos da máis mínima dignidade para defender o que nos pertence por dereito, as inversións, a saúde, o traballo, e claudicamos por unha paguiña, por un enchufe menor que só busca demostrar que somos carroña, que somos menos que nada e que carecemos de capacidade crítica, de amor propio e de altura, entón é que todo está perdido. E eu non creo que sexa así.

Eu creo que somos e merecemos moito máis. E sei quen non está nin estivo nunca interesado nin en posición de ofrecernos o que merecemos.

Dito todo isto, vale a pena lanzar tamén unha mensaxe clara a esa esquerda tan amiga de dispararse nun pé cando a ocasión o propicia. Faltan escasamente 3 meses para as eleccións. Se non escoito clara e nitidamente cales van ser as medidas especificas que os PSOE, Anova, Podemos e demais teñen previsto para a Costa da Morte e os seus residente, servidor se reserva o seu dereito a pedir o voto para calquera outra formación que si amose unhas medidas claras e ben definidas para a recuperación do territorio. Non é momento de medias tintas nin de caralladas. Non é momento de mensaxes valeiras chamando a transversalidade, a unidade, ao “kumbaya”... É agora ou nunca. Así que cada vez que leo que tal ou cual individuo quere negociar nomes antes que ideas, que se rifan postos na lista ao que máis fai a pelota e outra serie de accións inadmisibles cando hai tanto en xogo, non podo máis que pensar: en que carallo credes que estades metidos?

Merecemos respecto. Merecemos solucións e ideas claras, un compromiso serio e sincero, unha dirección e un liderazgo claros e unhas propostas cribles e directas, que realmente leven a moitos a pensar que dende a esquerda galega hai proxecto, máis aló de quen a ten máis longa ou de que se mande dende Madrid ou dende A Coruña ou dende Bergondo. Perdoade, pero a min e a moitos outros iso nos importa tres pementos.

Nun tempo de profunda zozobra moral, de cinismo e de caras longas, de moita ira e de incertidume, a fiestra se abre o 5 de abril e as solucións e os compromisos teñen que ser claros e realistas. Pouco importa quen se presente, de pouco vale que sexa do agrado de Pablo ou de Beiras ou de quen sexa si, unha vez máis, Feijoo remata mandando por incomparecencia do rival.

Tal que lemmings camiño do precipicio, as galegas e os galegos debemos decidir e, ao tempo, evitar ese impulso atávico tan propio da nosa historia que nos leva a tomar decisións que nos poñen en perigo coma individuos e coma colectivo. Pero, para que iso sexa posible, as opcións deben ser viables e certas. Facede o que debedes, non calculedes. Vamos.

OUTROS ARTIGOS DE JOSÉ LUÍS LOUZÁN

DE QUE ESTAMOS FALANDO...

INFORMES SOCIOECONÓMICOS DE JOSÉ LUÍS LOUZÁN

comentarios