Venres. 29.03.2024
El tiempo
Lola Rontano
12:14
29/12/20

Vacina Bakunin

Vacina Bakunin

- Que plans tes, chuliña? –pregunta Lady Chorima do outro lado da pantalla táctil.
- Pois mira, estaba dubidando entre un documental sobre saamis ou algo de Filmin. Creo que vai ser isto último. E ti?
- Non che sei! –responde con desánimo-. Que imos faser este fin de ano? Se o 24 xa tiña ganas de abrirme as veas, non sei como vou rematar o ano!
- E logo ti? Desde cando seseas? 
- Estou enganchada cunha rapasa de Muxía que fala así –explica ela cun amplo sorriso-. Encántame o seseo e mais a gheada!
- Pois xa tes plan, miñoca!
- Que va! Está en corentena desde o luns, que o seu irmán deu positivo! 
- Arrenaghado sexa o demo! Vente de copas comigo a través de zoom…
- Que che dean peix! 
- Ou ponte a ver series.
- Saca de aí!
- Que pasa logo?
- Estou farta de que me falen de series!
- Hainas moi boas –dígolle eu. 
- Malo bariso te leve! Son o novo opio! A industria sinematográfica sabe ben o que fai! Con tanto HBO, Netflix e Amason, xa non levantamos o cú do sofá! Faltaba o bicho! 
- Eu tamén boto de menos a vida de antes! –respondo-. Pero por outra banda, está ben. E o que toca, non? Quedar na casa. 

Lady Chorima suspira aínda que parece que roxe.

- Somos xente doutro século, ti e mais eu –di-. Nós eramos de salas de sine e de teatros, pero nolas foron chapando unha tras outra. E agora estannos chapando a vida real. 
- Pode ser –contesto, tratando de buscar un tema alegre-. Eu este 31 saio de tarde con hangouts, ceo con zoom e as uvas tomarémolas en famlia grazas a skype! 
- Nós tamén. Coa family fasémonos un soom diario. Pero a mi xa me cansa, que queres que che diga? A xente só fala do monotema e das series. Empesei Le Collapse, por recomendasión do meu pai pero tiven que deixalo, sabes por que? Porque choraba da impotensia! O colapso tennos fasinados! Nos días da miña vida! Non o entendo!
- Creo que estás pasando un lixeiro estado depresivo –digo con cautela-. Pero é normal.
- E que teño demasiado corasón –responde toda seria. 
- Seguramente esteamos vivindo a idade de ouro deste xénero, non sabes? A crise económica de 2008 e a pandemia de 2020 están detrás do boom das series. Pasou Obama, chegou Trump e acabamos a tempada con Biden na Casa Branca! 
- Ta claro, e nós falando de series! –tercia ela-. Que máis?
- Nos 70, o comunismo e as droghas representaban o lado marxinal das chamadas “sociedades occidentais”. Nos 80 demonizáronse a protesta e a homosexualidade, SIDA mediante. E nos aínda-máis-retrógrados 90, sufrimos unha pandemia das máis perigosas e da que ninguén fala: a televisión privada, que acabou infectando a pública. 

Lady Chorima levanta as cellas e asente.

- Iso si que foi unha campaña de estupidisación masiva! 
- Propagouse máis rápido ca covid –sigo eu-. A sociedade torda, insubstancial e pantalleira que reflicten eses canais era tan lamentable que, en canto puidemos, desertamos en masa cara a Internet. Así que non te anoxes se a xuventude fala de series. 
- Preocúpame máis ben a súa hiperconexión –di ela.
- Por que?
- Pois porque é san júgel quen está detrás! Están reseteándonos a cabesiña toda!
- Aí falaches! Os formatos de poucos minutos van ben coa nosa nova mente multitarefa, incapaz de concentrarse por moito tempo. 
- Daquela –di ela-, que mellor maneira de pasar o tempo que fronte á pantalla? Nas últimas décadas, despois de ternos manifestado contra tanto G7, de saír protestar contra das guerras inisiadas polos EEUU e de tomar as prasas exixindo democrasia real xa, de súpeto recuamos, optamos por ficar na casiña, en plan de sofá, manta e serie. En cuestión duns poucos meses, foder! Deixamos as asembleas para unírmonos a “maioría silensiosa”, deus que nos abatanou! Que noxo! 

Quedamos en silencio, eu tratando de atopar argumentos para contradicila.

- Seguramente moita desa xente xa se cansou de loitar –respondo-. Queimouse. Ademais, lembra que houbo unha lei mordaza de por medio. 
- Menos mal que nos queda Salvados –retrousa ela con retranca-, a misa progre do domingo. Non sei, miña aghuda, eu creo que a partires de 2013, cando a cúpula de Podemos entrou en pugna polo poder entre os partidos da “casta”, e máis tarde cando entrou en pugna consigo mesmo ata esgazarse, aí pechouse un ciclo en Españistán. A clase política e o IBEX 35 respiraron por fin. Vivimos os típicos movementos de repregue que seguen ás avansadas e aos movementos de fondo, segundo a inersia perversa das revolusións. Tempos moi aburridos, dito sexa de paso. Tempos de series e de Black Mirrors! E non damos saído! 
- Non digo que non –respondo ante semellante razoamento-. E tes algún desexo para a próxima década? –pregunto, por cambiar de tema.

Lady Chorima queda pensando e pousa os ollos xusto no obxectivo da cámara.

- O 2020 escorregóusenos polo sumidoiro… –di mirándome por primeira vez aos ollos-. Non acabar transformada en avatar nin en moble de salón, por exemplo. Atender máis ao corpo. Seica ao corpo social tamén. E ti?

Eu, tocada e afundida.

- Pois eu, voume repetir como un mantra: Reacciona, lambeplásticos! 
 

  •  Lola Rontano: Artivista marciana e profesora de francés residente na terra galega desde 2003. 

Outros artigos de Lola Rontano en QPC

Comentarios