Consultas á militancia, ou cando máis votar non implica máis democracia
Nestes momentos estamos asistindo a unha certa inflación consultora ás bases dos partidos políticos. Da a impresión de que, tamén neste asunto, as direccións orgánicas das formacións políticas, compiten por ver quen é mais demócrata, sen decatarse que o recurso as urnas non sempre é garantía de democracia e transparencia. Lembremos, sen ir moi lonxe, as moitas liortas que tivo Ciudadanos e Podemos en procesos deste tipo, con acusacións gravísimas de irregularidades, manipulacións, coaccións, e un sen número de malas prácticas que porían colorada á propia democracia.
Teño a impresión que, en moitas ocasións, o recurso á consulta da militancia non é máis que un xeito de librarse da responsabilidade por parte de quen foi escollido para liderar, conducir e executar as políticas que, previo debate dentro do partido e da sociedade, foron aprobadas como proxecto para someter á consideración do conxunto do corpo electoral. Quen delega a súa responsabilidade nun corpo electoral restrinxido e sometido a unha morea de condicionantes, moitas veces de carácter persoal que, nalgún caso, pode chegar ao cainismo, é un líder cativo, sen personalidade e sen proxecto. Só así se entende que os programas electorais sexan mais un exercicio de márqueting electoral que un proxecto político sólido e no que se cree. Dá un pouco de noxo que aquilo que se oferta para abril xa non serva para novembro e que, si se lle pregunta á esa militancia á que tanto se recorre, de cantas medidas importantes, das que figuran no programa electoral do seu partido, se lembra, pois ao peor levámonos un gran sorpresa.
Cando unha formación política ten un proxecto claro, amplamente debatido por unha militancia comprometida e ideoloxicamente formada, cunha dirección elixida en congresos ou calquera outro procedemento democraticamente aceptable, e con órganos intermedios de control e de fiscalización, non necesita esta sorte de xogar a ruleta rusa cos intereses do conxunto da sociedade. Porque non vivamos enganados; a participación nestes procesos de consulta interna dos partidos políticos acada porcentaxes ridículos de militancia. Outra cousa son os datos que dan. E si a participación é cativa dentro dun corpo electoral tamén cativo, que lexitimidade democrática terá condicionar o futuro de todo o país aos xogos malabares de direccións políticas incapaces, cando non irresponsables?
O último exemplo pode ser o acontecido na consulta de Esquerda Republicana de Cataluña. Retorcen a pregunta hasta extremos de parecer absurda e logo sométena a consideración da militancia que, xa lles avisou, o seu resultado non sería vinculante... Pois isto é o que hai.
De todos é sabido que neste tipo de consultas sempre sae o que os cadros e as direccións dos partidos queren. Se non que llo pregunten a Franco que, para algúns cavernícola, pasa por demócrata por convocar dous referendums onde votaba mais do 100% do corpo electoral e, por suposto, a masa secundaba sen piar os desexos do Amado Lider. Así que, sería bo, que cada un exercera a súa responsabilidade e que os líderes exerceran coma tales. E se se enganan, pois a asumir a responsabilidade. O que non parece procedente é agocharse detrás de prácticas que o único que amosan é a un rei espido.
- Marisol Soneira. Ex vicepresidenta do Parlamento Galego; ex Portavoz da área de emigración do Grupo Parlamentario Socialista; ex Secretaria de Movementos Migratorios da CENG do PSdeG-PSOE; ex concelleira; ex deputada. Camariñá.
OUTROS ARTIGOS DE MARISOL SONEIRA
- El perro del hortelano.
- O soño da razón produce monstros
- O voto como mellor arma contra os reaccionarios.
- Patriotismo de boquilla.
- O mapa político da comarca é monocolor.
- A Costa da Morte tínguese de roxo.
- Pero... existen Eleccións Europeas na Costa da Morte?.
- A Mostra acada a madurez.
- As Primarias derivan en Cesarismo.
- Un esperpento chamado Operación Orquesta.
- A igualdalde que hai que gañar cada día.