Mércores. 11.12.2019
El tiempo
Marisol Soneira
20:38
20/11/19

El perro del hortelano

El perro del hortelano

Andan, nestes días, tódalas forzas vivas do país moi preocupadas polo pacto de Pedro Sánchez con Pablo Iglesias Turrión. Eu tamén. Teño que confesalo. Aínda que a miña preocupación ten pouco que ver coa que teñen amosado, logo de coñecer a “boa nova”, a dereita política, o empresariado, a igrexa e moitos outros colectivos que, lexitimamente preocupados polo futuro de España, andan a laiarse dia e noite.

Parece cousa sorprendente que, xentes tan comprometidas co futuro do seu país non fixeran nin unha pinga de esforzo e de amosar un chisco deº xenerosidade por facilitar un goberno potente no mes de abril. Imos ver.

Á dereita, que lle negou o pan e o sal a quen, por vontade dos cidadáns, gañou limpamente unhas eleccións, negouse a facilitar a gobernabilidade de España por puro interese electoral e estratéxico. Uns, os da dereita guai e dunha modernidade “divina de la muerte”, negáronse a pactar con Sánchez cando meses atrás fixeran un paseiño polos corredores do Congreso collidos da man e mirándose aos ollos totalmente namorados (politicamente, claro) o un do outro. Pero o especulador Rivera optou por poñer por riba dos intereses colectivos a súa ambición desmesurada. Pagouno o país e pagouno el.

Casado, mais preocupado pola súa situación política persoal que polo futuro de España – especialmente grave este punto por canto o patriotismo parece ser atributo en exclusiva da dereita e tódolos demais somos vende patrias ou cousa peor – non dubidou en pactar e asumir as políticas ultramontanas de VOX, porque parece que retroceder décadas en políticas de igualdade, de dereitos políticos e laborais, ou na configuración do Estado, é o mais patriótico que pode haber. Casado e o seu partido pediron onte o que hoxe non fan: un xesto de responsabilidade para que España conte cun goberno e despois a facer oposición tan dura como considere oportuno. Xusto o contrario do que fixo o POSOE, con un custe dramático dentro das súas propias filas.  O propio Casado manifestou, na mesma noite electoral do 10 de novembro pasado, que Pedro Sánchez non contase co PP para facilitar a constitución dun goberno para a súa Ben Amada España. Iso é patriotismo e o demais son coñas mariñeiras. Claro que isto xa o expresou moi ben Montoro cando dixo aquilo de que “caiga España que ya la levantaremos nosotros”.

Á Patronal xa lles chega tamén! Fixeron algo por poñerlle sentidiño aos defensores da política económica do Libre Mercado cando en abril podía conformase un goberno cun apoio parlamentario de 180 deputados no Congreso e maioría absoluta no Senado? Ou é que para o empresariado solo é bo o que é bo para o seu peto, aínda que polo camiño teñan que untar ao Partido con suculentas derramas? Por que é lícito un pacto coa extrema dereita que “empodera” retrotraéndonos aos Tercios de Flandes, e non un pacto pola esquerda con apoios independentistas, que é a única saída que lle deixaron a Pedro Sánchez? Tan pouca capacidade de convicción e/ou de presión, teñen os herdeiros das empresas públicas privatizadas por Aznar?

E para nota o da Santa Madre Igrexa Católica e Moi Española. Eu nunca entendín o porqué a igrexa católica, sobre todo en España, estivo sempre ao lado da dereita egoísta e insolidaria. Canto máis egoísta e canto máis insolidaria mais apoio e si, por un erro da providencia a algún cura se lle ocorre predicar o evanxeo auténtico... pobriño del! Esta posición da igrexa entra en contradición fragrante coa doutrina do evanxeo, xa que, segundo verbas do propio Xexús de Nazaret recollidas por San Mateo no seu evanxeo, 19-21, dirixíndose a un seguidor díxolle: Se queres ser perfecto, vai e vende tódolos teus bens, dállelos aos pobres e terás tesouros nos ceos; logo ven e sígueme. Claro que tamén, segundo San Mateo, o seguidor entristeceuse moito porque era home de grandes posesións e quixo mantelas antes que acadar a salvación eterna. Neste mesmo sentido, outra pasaxe do evanxeo cóntanos aquilo de que é mais fácil que un camello pase polo ollo dunha agulla que un rico entre no reino do ceo... Claro que a Igrexa pode que sexa igrexa pero non cristiá, que todo pode ser. Por iso, insisto, non acabo de entender a que lle ten medo unha relixión que debera estar pensando en redimir o oprimido e os marxinados apoiando políticas sociais, antes que en poñer toda a súa vontade e esforzo en conservar e incrementar os seus bens materiais.

Así que, quen pense que este pacto é prexudicial para os intereses colectivos e coide que pactar con VOX é a encarnación de tódalas virtudes, que se faga mirar por un bo especialista. Se un non come polo menos que deixe comer aos demais. Si a dereita non está en disposición de facer un mínimo sacrificio pola súa moi amada España, polo menos que non enrede.

  • Marisol Soneira. Ex vicepresidenta do Parlamento Galego; ex Portavoz da área de emigración do Grupo Parlamentario Socialista; ex Secretaria de Movementos Migratorios da CENG do PSdeG-PSOE; ex concelleira; ex deputada. Camariñá.

OUTROS ARTIGOS DE MARISOL SONEIRA

comentarios