Mércores. 24.04.2024
El tiempo
Marisol Soneira
11:22
11/11/19

O soño da razón produce monstros

O soño da razón produce monstros

Pois xa está. Xa o conseguimos. España entra no selecto club que conta con un potente grupo parlamentario de ultradereitistas que defenden principios e políticas que nos retrotraen a épocas que, a lo menos algúns, pensábamos superadas.

En abril os cidadáns ordenaron que a esquerda acordase un goberno que mudase as políticas restritivas e antisociais impulsadas pola dereita baixo o pretexto da crise económica. O divismo, a irresponsabilidade infantiloide,  e a política ficción deseñada nos despachos que da as costas á vida real e a cidadanía, frustraron tal posibilidade e lanzaron ao país a unha aventura electoral pensando que os votantes son unha masa amorfa que se move sen conciencia nin vontade. Por desgracia pasou o que pasou e temos aos españois metidos nun problema moi serio.

Con este resultado non gana ninguén, salvo VOX e a senrazón, e perdemos todos. O PSOE e Unidas Podemos perden votos e escanos; o PP gana votos e escanos pero nota o alento fétido da extrema dereita pegado as súas costas que, ademais, desalóxao de territorios reconquistados en abril; Ciudadanos desaparece do escenario político español gracias as veleidades do seu líder. 

E logo está o resultado de VOX. Quizá Abascal pense que case catro millóns de  españois, coma Saulo camiño de Damasco, téñense transmutado en neofranquistas  en escasamente cinco meses. Comete un grave erro de análise como outros fixeron en abril e forzaron unha repetición electoral que lle ven de estoupar nos fuciños. Non. O resultado de VOX é o resultado do cabreo dunha parte do electorado que está farto da política malabar, dos discursos baleiros, da frivolidade e de líderes ancorados permanentemente no mundo virtual e que toman decisións en función das mareas movidas por redes sociais e non en base a estratexias e proxectos deseñadas a medio e longo prazo.

Cos resultados do 10N o PSOE non pode pactar co independentismo, salvo que queira perder unha parte moi importante do seu electorado e unha guerra fratricida na súa militancia. Ao PP non lle dan os números porque Ciudadanos está aniquilado e, coa subida de VOX, xa non é un posible socio se  non un competidor perigoso que pode acabar estrangulándoo no abrazo. E todo o resto do arco parlamentario é unha masa heteroxénea con intereses propios onde, nalgún caso, interesa mais a inestabilidade política e un goberno central débil que outra cousa.

En este escenario Pedro Sánchez acabará sendo presidente. Calquera outra alternativa parece imposible salvo nos soños dun demente. Pero ter goberno, nestas condicións, non significa ter a estabilidade necesaria que a sociedade española precisa nestes momentos. Cabe, tamén, a posibilidade de que fagamos da necesidade virtude e que este mapa político force o sentido de estado, a responsabilidade e o patriotismo de verdade e non de boquilla.

O tempo dirá. Eu confeso que moita confianza non teño porque non vexo líderes a altura do momento histórico que estamos vivindo.

  • Marisol Soneira. Ex vicepresidenta do Parlamento Galego; ex Portavoz da área de emigración do Grupo Parlamentario Socialista; ex Secretaria de Movementos Migratorios da CENG do PSdeG-PSOE; ex concelleira; ex deputada. Camariñá.

OUTROS ARTIGOS DE MARISOL SONEIRA

Comentarios