Domingo. 06.12.2020
El tiempo
Miro Villar
17:27
05/11/20

Aramados: "os meus nove meses polos campos de concentración de Francia". Manuel García Gerpe

Miro Villar coa edición orixinal de "Alambradas" e a súa tradución en "Aramados"
Miro Villar coa edición orixinal de "Alambradas" e a súa tradución en "Aramados"
Aramados: "os meus nove meses polos campos de concentración de Francia". Manuel García Gerpe

A biografía e a obra de Manuel García Gerpe (1908 – 1949) é pouco coñecida entre nós, malia o labor de divulgación realizado pola A. C. Obradoiro da Historia coa publicación do opúsculo Manuel García Gerpe. Historia dun exilio (Ordes: A. C. Obradoiro da Historia, 1999).

Esta autoficción narra unha experiencia autobiográfica, intitulada Alambradas: mis nueve meses por los campos de concentración de Francia, que publicou a Editorial "Celta" de Buenos Aires en 1941.

A novela debeu ser coñecida e lida no exilio republicano, mesmo bastante comentada, xa que o autor (secretario de propaganda de Izquierda Republicana e fiscal nas Brigadas Internacionais durante a guerra civil) inclúe unha visión nada romántica do combate político entre os propios republicanos. Así a todo, estivo moi esquecida até os últimos anos, cando algúns traballos académicos principiaron a citar a súa achega para conformar unha literatura do exilio, entre eles por exemplo Núñez Seixas.

Porén, hai un estudo esencial para achegármonos á novela, a comunicación «Los trazos de la experiencia en la literatura testimonial del exilio republicano español: Alambradas. Mis nueve meses por los campos de concentración de Francia (1941), de Manuel García Gerpe», da profesora Paula Simón Porolli, do Grupo de Estudios del Exilio Literario (GEXEL) da Universidad Autónoma de Barcelona, que se publicou (con acceso libre na rede) na obra Diálogos transatlánticos. Memoria del II Congreso internacional de literatura y cultura Españolas contemporáneas. Raquel Macciuci (Dir.) Volumen II: Representaciones del pasado reciente: II República, Guerra Civil, exilio, posguerra. Federico Gerhardt (Ed.), La Plata: 2011.

A propia Paula Simón Porolli estudou a novela de Manuel García Gerpe na súa tese de doutoramento, Por los caminos de la palabra. Exilio republicano español y campos de concentración franceses: una historia del testimonio, Universitat Autònoma de Barcelona, 2011, tamén accesible na rede.

A autoficción de Manuel García Gerpe non foi o único mais si un dos primeiros testemuños sobre a dolorosa presenza dos republicanos e das republicanas nos campos de concentración franceses, neste caso no campo de Septfonds entre 1939 e 1941. 

Principia o «Once de febreiro de 1939», data na que Cataluña cae en poder dos franquistas, e relata a retirada republicana cruzando os Perineos cara a Francia, e os posteriores confinamentos, primeiro nun acampamento en Saint-Laurent de Cerdans, ao pé do cumio pirenaico de Le Canigou (FOTO 02), onde centos de persoas morrerían de frío. 

E logo o grupo de refuxiados no que se atopa García Gerpe é trasladado ao campo de concentración de Septfonds, onde vai estar durante dous anos. O relato convértese nunha descrición polo miúdo das condicións, arrodeado de aramados, eses aramados que lle dan título á novela, clasificados por profesións afíns e que se chegou a converter nunha "cidade" de 17000 homes, xa que as mulleres (tamén a de García Gerpe estaban noutros campos).

Non oculta o autor o duro debate político entre os propios refuxiados, o que acontece no exterior e mesmo noutros campos, a través da correspondencia que reciben, ou a discusión política sobre os criterios á hora de escolleren as persoas que poderán exiliarse nalgún dos barcos que se están a preparar, nun proceso cheo de dificultades. Xorden as diferenzas, disfrazadas de ideolóxicas mais que revelan en ocasións a baixeza humana en situacións límite.
 

  • Miro Villar, en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, é profesor de lingua e literatura galegas, ademais de poeta, narrador, tradutor e crítico literario en diversas revistas e publicacións periódicas. Autor do blog As crebas.

Novas relacionadas

ARTIGOS SOBRE LÓPEZ ABENTE

Outros artigos de Miro Villar en QPC

comentarios