Martes. 15.10.2019
El tiempo

As 9 Festas de Interese Turístico da Costa da Morte

As 9 Festas de Interese Turístico da Costa da Morte
As 9 Festas de Interese Turístico da Costa da Morte

Facéndonos eco das compañeiras de Costa da Morte Galicia, e recuperando o noso reconto de festas así como a última novidade, facemos hoxe unha colleita para termos xuntas as 9 Festas de Interese Turístico da Costa da Morte. 9 das 90 que temos no país, e que sempre temos en www.axendacostadamorte.com.

Temos de todo: festas gastronómicas, mostras de artesanía, festas patronais, romarías, representacións, procesións, baixada de carrilanas... As singularidades de cada festa fainas tan especiais. Falamos do Naufraxio de Laxe (a última engadida), a Fagía de Carnés, a Baixada de Carrilanas de Esteiro, a Mostra do Encaixe de Camariñas, a Mostra de Olería de Buño, a Romaría de Santo Hadrián de Malpica, as Festas do Cristo de Fisterra, o San Fins do Castro e a Romaría da Virxe da Barca de Muxía.
Laxe, Vimianzo, Malpica (2), Camariñas, Cabana, Muxía, Fisterra e Muros contan con estes tesouros patrimoniais e festexeiros. E esperemos que en breve, a Xunta aprobe a declaración do Asalto ao Castelo, pois os argumentos para rexeitala non foron moi convincentes.

Naufraxio de Laxe

Naufraxio de Laxe-Foto-Mardelaxe

Comezamos por esta porque vén de ser a última en recibir o distintivo. E é unha festa singular, onde o teatro é protagonista. Con máis de 50 anos de historia, o simulacro do Naufraxio de Laxe ten lugar cada 17 de agosto no peirao da vila. Ducias de mariñeiros da vila sofren un naufraxio preto do peirao ante a mirada de milleiros de visitantes. Un dos mariñeiros ten que ser salvado polos compañeiros e aí é cando aparece a Virxe do Carme, a patroa dos mariñeiros, que celebra a milagre de revivilo.

É unha desas festas que mellor representa a importancia do mar nesta vila mariñeira.

A Faguía de Carnés (Vimianzo)

50 potas de callos na Faguia de Carnes-Foto-Roberto Rua

Esta é a festa con máis historia a pesar de ser declarada no 2010, i é que 400 anos non é ningunha tontería. É a única festa gastronómica con estes distintivo, e ten lugar cada 9 de xullo no campo da Cerca, en Vimianzo. Os callos son os auténticos protagonistas, e ata 2.000 de racións se sirven ano tras ano.

O proceso de preparación que leva a cabo a Confraría de Amigos da Faguía é un dos puntos máis imbólicos da festa. Durante toda a noite anterior, un equipo de cociñeiros preparan os 300 quilos de garavanzos, 800 de carne, 280 de pan, 500 litros de viño e refrescos.

Normalmente a Faguía conta con charangas para amenizar a degustación dos fortes callos, e soe empalmar coas Festas de San Cristovo de Carnés.

Baixada de Carrilanas de Esteiro (Muros)

Ambientazo nas Carrilanas de Esteiro 2013-Foto- Jose Sendon

Unha das máis singulares é o xa Gran Premio de Carrilanas de Esteiro. O deporte artesanal en estado puro, onde a velocidade e a artesanía se funden nunhas carrilanas que son verdadeiras obras de arte mecánica.

A mediados de xullo, o Gran Premio, que conta con adestramentos libres durante o venres, pole position na tarde do sábado, e gran carreira na tarde dominical, compaxínase cunhas grandes festas verbeneiras e a exposición das carrilanas.

San Fins do Castro (Cabana)

Unha escena salvaxe do San Fins do Castro-Foto- Marcos Rodríguez Representación do Berro Seco no San Fins do Castro

Témola definido como O estoupido do viño, pero a festa de San Fins do Castro é moito máis que unha divertidísima festa salvaxe para que a mocidade se bañe no líquido de Baco.

O himno a San Fins no dueiral, a queima do Santo de Pólvora e o Berro Seco son auténticos protagonistas desta romaría. O Berro Seco un dos trazos etnográficos introducidos polo crego folclorista Saturnino Cuíñas Lois. Para “botar” o Berro Seco realízase unha pequena escenificación espontánea que ten como director de escena principal o párroco de Cesullas e o resto do elenco confórmano a totalidade dos romeiros. O crego dirixe as accións desde o palco de música. Todos se poñen de crequenas e, a un sinal do párroco, érguense en conxunto e lanzan ó aire desde o máis fondo do peito o berro “ouuuu…” Esta acción repítese tres veces.
Algúns investigadores relacionan o Berro Seco de San Fins do Castro co urro que lanzaban os canteiros cando levantaban a man grandes pedras, sobre todo porque o crego, Saturnino Cuíñas, fora natural de Cotobade (Pontevedra), terra de canteiros. Outros estudosos, ven no Berro Seco o símbolo do esforzo colectivo ou reminisciencias dun pasado celta.

Romaría de Santo Hadrián (Malpica)

Romaria de Santo Hadrian de Malpica-Foto- Turgalicia

Declarada no 2008, é unha das auténticas Romarías de toda a vida. A romaría de Santo Adrián de Malpica celébrase o primeiro domingo de xuño e a súa singularidade vén dada pola súa lenda na que se conta que unha comunidade de monxes que habitaba nas illas Sisargas viuse asediada por unha colonia de serpes. Santo Hadrián, que se encontraba predicando o evanxeo pola Costa da Morte achegouse ás pedras da ribeira e díxolles: “Eu Santo Hadrián libérovos das serpes e desde hoxe nunca máis ás Sisargas irán”. A romaría é unha das tradicións máis arraigadas no municipio e arredor de dez mil persoas de toda Galicia acoden anualmente a acompañar ao santo. Existe documentación que acredita que esta romaría se celebra dende os anos 20 até a actualidade.

Festas durante a fin de semana en clave de verbena, e un domingo de verdadeira tradición, con procesión do Santo ata a Capela, e comida campestre en familia.

Mostra de Olería de Buño (Malpica)

Demostracions en vivo na Mostra de Oleria de Buno

O Barro, ademais de ser arte en Buño, é unha marca propia xerada no mundo do deseño, e un motor económico. Así o conseguíu tras 30 anos de Mostra e centos de anos de tradición. A olería é a alma de Buño, e como dicimos é a fonte de ingresos máis importante, como o corrobora o feito de que nunha vila tan pequena sobreviven 17 talleres de artesáns e 9 tendas.

Dura máis dunha semana, celébrase durante os primeiros días de agosto, e nas últimas edicións é o turismo o que mantén a Mostra máis viva. A Mostra acolle un compendio de exposicións, demostracións en vivo, música tradicional, teatro... ou as interesantes visitas guiadas polo EcoMuseo do Forno do Forte.

Mostra do Encaixe de Camariñas

Os Desfiles sempre cheos na Mostra do Encaixe de Camariñas

Se en Buño convertiron a artesanía en economía e deseño, en Camariñas saben como transformala en moda. E levar Camariñas o encaixe de bolillos ás pasarelas de todo dende o mundo non é sinxelo. A Mostra, con xa 23 edicións, convirte Camariñas na Cibeles galega, e esa é a meirande forza da Mostra. O Concurso de Deseñadores Noveis é o certame máis importante, pero non só hai moda en Camariñas pola Semana Santa.

Temos un pouco de todo para recibir a case 20.000 visitantes cada ano. Demostracións das palilleiras en vivo, exposición de traballos, obradoiros para os máis pequenos, visitas de encaixeiras internacionais, música tradicional... compaxinan protagonismo cos aclamados desfiles.

Festas do Cristo de Fisterra

Nunha completa Semana Santa costeira, a outra das citas anuais é en Fisterra, cas grandes Festas do Santísimo Cristo. A devoción feita arte, i é que por Fisterra, a arte sobra. As procesións conviven coas verbenas cunha naturalidade sorprendemente engraxada. Son 10 días de procesións e 3 días de troula festexeira as que se combinan para dar unhas festas máis auténticas do país.

O punto forte é a representación dominical da Resurrección. Son milleiros de persoas as que ateigan a zona da Igrexa de Santa María para ver como Cristo resucita ante a estupefacción dos romanos.

Romaría da Virxe da Barca (Muxía)

Posiblemente sexa a festa preferida de toda a Costa da Morte, a Festa das Festas. É a data que pecha o verán pois ten lugar sempre a primeira ou segunda fin de semana de setembro.
Ten ademais, dúas festas nunha, a da romaría máis tradicional, e a da mocidade, con 5 días sen apenas durmir, e música 24 horas.

Unha auténtica revolución na vila muxiá, que ten varias citas tranquilas na mañá dominical, coa visita e os concertos de banda de música no santuario facendo homenaxe á virxe é as pedras santas.

Máis información festexeira

Novas relacionadas

Unha por unha

Fonte

Comentarios