As ideas das profesionais europeas de The Break para desenvolver os nosos recursos turísticos

Rematou a estancia de tres semanas da segunda fornada de 13 emprendedoras europeas no marco do programa The Break Costa da Morte Pymeon. A Escola de Vela de Cabana acolleu a presentación de conclusións deste proxecto que trata de aproveitar o talento de profesionais de todo continente a través destas estadías, para que se sumerxan no territorio e nos ofrezan unha batería de ideas para desenvolver dous proxectos turísticos moi concretos: a Vía Véltica e o Destino Starlight.
Faltaron de novo os responsables municipais (apenas houbo presenza nestas sesións do alcalde de Cabana ou Vimianzo, ademais de estar esta vez presente representantes da CMAT e do GALP), os principais responsables de aproveitar todo este fluxo de talento que nos abra de miras e nos permita ver a comarca en global.
Así, contribuíron as emprendedoras Yangxuan Zhou, Carmen De Casas Arizon, Roxana Nicoleta Vladutoiu, Pooja Channaveerappa, Lina Silbermann, Lauren Schuivens, Katja Kraemer, Kathrin David, Giulia Bussaglia, Esther Idogwu, Elena Veteleanu, Eden Levin, Catherine Faucheux e Regina Schönberg, cpm os seus coñecementos e experiencia no desenvolvemento deste proxecto, conviviron e traballaron dende o espazo iSlow coliving, situado na localidade de Laxe.
PROPOSTAS CONCRETAS
Así, en relación ao reto da Vía Celta, elaboraron unha idea para a implantación do Xeocaching, como actividade rendible e atractiva para todos os públicos. Deste xeito, escondendo cachés ao longo da ruta e utilizando a aplicación Geocaching, anímase aos turistas a explorar o Camiño Celta, promovendo o compromiso coa natureza e a historia local.
Ademais, tras coñecer a situación actual, propoñen unha bateria básica de ideas como mellorar a comunicación en liña, crear actividades fóra de tempada, colaborar con grupos de sendeirismo e blogues, buscar a integración de Local Guides e publicar información en inglés.
En canto a visibilizar a Costa da Morte como destino Starlight, propóñense actividades como unha experiencia integral na natureza (4S Tours), que consiste nun percorrido que ofrece unha experiencia holística da natureza que inclúe paseos, marisco, posta de sol e Starlight para permitir aos turistas explorar o patrimonio natural e cultural da Costa da Morte.
Tamén sinalan interesante o deseño de rutas especializadas como sesións de astroloxía, visitas nocturnas, combinadas con actividades de benestar e artesanía local a través de visitas especializadas.
Relación público privada
Tamén concluíron a necesidade de establecer relacións de colaboración con empresas, organizacións e axencias de viaxes locais para promover o turismo estrelado e outras experiencias locais, mellorando o compromiso turístico global e os beneficios económicos locais.
Tiveron tamén propostas de mellora para a asociación APTCM, como mellorar a comunicación xeral, e a optimización da páxina web, fomentando a colaboración entre entidades ou garantindo a comunicación plurilingüe en todas as plataformas e a posta en marcha campañas atractivas como desafíos de aventura e concursos fotográficos xerados por usuarios para animar aos turistas a compartir as súas experiencias na Costa da Morte.
A maiores recibiron un guión gráfico para crear unha nova campaña de turismo audiovisual, centrada na creación dunha narración que mostre a beleza indómita da Costa da Morte, destacando unha variedade de actividades na costa, a gastronomía local e o compromiso da comarca co turismo sostible.
MÁIS INFO
- Outubro 2023: As emprendedoras The Break sinalan un novo tramo da Vía Céltica
- Outubro 2023: Outro grupo de emprendedoras europeas comparten o seu talento na comarca co proxecto The Break.
- Xuño 23: The Break: como convencer aos nosos políticos da necesidade de coidar os recursos da Costa da Morte
- O IES Fernando Blanco puido aprender do talento feminino europeo.
- Talento feminino europeo para axudar a crear unha estratexia turística para o asentamento da Vía Véltica e o Destino Starlight.