Venres. 19.04.2024
El tiempo

RECORTES EN SANIDADE

As ANPAs de Camariñas únense para recuperar un servizo de pediatría digno

Centro de Saude de Camarinas
Centro de Saúde de Camariñas
As ANPAs de Camariñas únense para recuperar un servizo de pediatría digno

Cansas de ter que andar cambiando de pediatra cada dous por tres; de explicar unha e outra vez o historial das súas criaturas; de ter que ir a Vimianzo cando hai urxencias en horarios inapropiados ou cando o profesional está de vacacións… As nais e os pais de Camariñas, a través das 3 ANPAS dos centros educativos, acaban de unir forzas para protestar pola situación da Atención Pediátrica no concello.

Unha problemática que veñen arrastrando as familias dende o pasado mes de outubro cando o traslado da profesional mesmo fixo dubidar da continuidade do pediatra na vila. Ao final Camariñas mantén o servizo, pero minguado pois o horario do servizo, agora ofrecido por un médico de familia-pueircultor, é de 8:00h a 13:30h. Fóra dese horario, ou por exemplo durante as vacacións da profesional actual (precisamente marcha dende hoxe día 10 ata o 19) toca facer quilómetros ata Vimianzo, saturando o servizo de pediatría do centro de saúde vimiancés (que xa ten o seu cupo completo) e as súas urxencias (cómpre lembrar que os PAC non están para consultas ordinarias, se non para atender urxencias de verdade).

Unha das voceiras e das que están mobilizando as protestas, seguindo tamén a unión que amosan as familias de Zas ou Dumbría, é Digna Rodríguez, Presidenta da ANPA Campo da Area de Camelle. É enfermeira, está nas listas do Sergas, polo que sabe de boa man como se cocen as fabas. “A non me poden enganar. Sei como andan as cousas, e sei que os poucos pediatras que saen cada ano, non queren vir para vilas como Camariñas, porque están lonxe da Coruña ou Santiago. Pois haberá que incentivalos para que queiran vir, e xa está”.

Dende a ANPA camellá xa mandaron queixas en xaneiro, cando eses cambios de médico. “O que queremos é unha continuidade, xa nos dá igual que sexa pediatra, que sabemos que non hai moitos, que puericultor. Queremos non ter que contarlle cada mes unha cousa a cada médico; que sexa o mesmo o que vexa aos nosos fillos”, explica.

Co apoio dos 3 grupos políticos (ata o PP local trasladoulle a Luís Verdes, xerente da Área Sanitaria da Coruña, a problemática camariñá), as tres ANPAS (Campo da Area do CEIP de Camelle, ANPA Porteña do CEIP de Ponte do Porto e ANPA do CEIP O Areal de Camariñas), protestan por estas carencias de servizos básicos sanitarios.
”As ANPAS somos o reflexo das familias con nenos/as, maioritariamente, en idade pediátrica, por tanto, estamos totalmente afectadas por esta situación, que empeora de cara as vacacións de verán, onde non só a nosa Pediatra ten dereito a vacacións, senón que, o Pediatra de Vimianzo tamén as ten, nese caso que faremos? Iremos a Zas, onde teñen unha Pediatra tres horas o día? Ou a Muxía, onde teñen compartido o Pediatra con Dumbría? Ou seguiremos cara Cee, onde as consultas do Centro de Saúde, teñen sobrecarga diariamente ou as Urxencias do Hospital Virxe da Xunqueira, que no verán, co aumento do Turismo, tamén se atopan saturadas?”, pregúntanse.

Lembran ademais que “a poboación Infantil do Concello de Camariñas aumenta durante o período estival ó vir nenos/as a pasar o verán cos avós e avoas mentres os seus país traballan”.

Novas relacionadas

Máis novas

Comentarios