Xoves. 25.04.2024
El tiempo

Localizan o pecio das Dúas Catalinhas nas rochas de Camariñas

Localizan o pecio das Dúas Catalinhas nas rochas de Camariñas
Canons do Duas Catalinhas atopados nas rochas de Camarinas

Non para Rafael Lema de descubrirnos achádegos relacionados cos naufraxios nos últimos tempos. O delegado da Real Liga Naval Española, tralo achádego do cemiterio do vapor inglés City of Agra nos montes de Camelle, tráenos hoxe outra sorpresa: a localización do pecio das “Dúas Catalinhas”, bergantín napolitano naufragado o 18 de maio de 1783.

Un equipo da Liga Naval localizou estes días no baixo do Batel, na zona da Virxe do Monte de Camariñas, 3 canóns de ferro e bronce que balizan o pecio do transporte militar do Reino de Nápoles.

Este bergantín de gran porte levaba soldados franceses de 7 regimientos que participaran na guerra contra Inglaterra a raíz do conflito pola Independencia dos Estados Unidos. Un mariñeiro de Camariñas comunicara ao delegado da RLNE na Costa da Morte, Rafael Lema, a posición dun deposito de canóns na zona da Virxe do Monte. E esta fin de semana Lema á fronte doutros voluntarios da entidade desprazouse ao momento e tras efectuar unha grabación e cotexar documentos puido descifrar o segredo do novo achado.

Agora, o delegado rexional da RLNE José Manuel Pato comunicará ás autoridades o achado e solicitará algún tipo de intervención para protexer o patrimonio.

Canons do Duas Catalinhas atopados nas rochas de Camarinas

O achádego

Trátase de dous depósitos de canóns que marcan a zona rocosa onde se acha o pecio, a uns 20 metros da costa e 5 metros de profundidade. Nun dos puntos o grupo localizou un canón grande encima doutro máis pequeno. Outro canón longo de máis de 1,70 metros áchase máis preto de terra e é o que en principio podería correr perigo de ser expoliado. Son armas de artillería embarcada características do século XVIII, posiblemente de fábrica francesa, de ferro e bronce. Un dos canóns áchase bastante atacado de “arneirón”, e nos tres casos as pezas están fixadas ás rocas debido ao tempo trascurrido; e xa que logo cos dous problemas habituais neste tipo de obxectos, as alteracións galvánicas polo contacto entre distintos metais e as deposiciones calcáreas que causa a solidarización dos obxectos ao fondo.

A historia do naufraxio

Canons semellantes aos das Duas Catalinhas

Un temporal e as fortes correntes da entrada da ría levaron o barco aos baixos do Batel, causando 8 mortos, que foron enterrados en Camariñas. 7 soldados galos e un marinero siciliano. No libro “Costa da Morte, un pais de soños e naufraxios” de Rafael Lema publicado en 2011, catalogouse por vez primeira este naufraxio, tralo achado por parte do autor da referencia no Libro Sacramental nº 16, 1714-1819, do Fondo Parroquial de Camariñas do Arquivo Histórico Diocesano de Santiago de Compostela.

Alí o 18 de maio de 1783 o párroco de Camariñas José Antonio Pedreira Ron e Lanzós anota o enterro das vítimas da embarcación napolitana que viña desde Cádiz a Brest transportando tropas francesas de regreso da guerra contra Inglaterra. Ese día o cura dá enterro a Antonio Peché, soldado do regimiento de Languedoc. Outros foron atendidos, malheridos, en Camariñas, e propiciaron un lento goteo de mortes. O 9 de xuño enterra a Francisco Penabelt, soldado do regimiento de Metz. O 16 a Bartolomé Poter, de Villaverni, provincia de danfoss; do regimiento de Rovengué, compañía de Bounizben. O 19 morre Juan Bautista Ledec, soldado do regimiento de Lusanie, compañía de Lavoisiere. O 23, Miguel Robert, do reximento de Nustrie, compañía de Lagrange. O 25, Miguel Massanet do regimiento de Dangomois, compañía de cazadores, natural de Lieso. O 27, Joseph Merrangallo, casado, natural da cidade e obispado de Frapani nas Sicilias, un dos marineros da tripulación. E o mesmo día falece por mor das feridas Santiago Peyronnet, soldado do regimiento de Bivaset, compañía de Fontanelli.

As Dúas Cathalinas era un bergantín de certo porte, contratado como transporte militar, e as súas medidas poderían ser 44 metros de eslora e 11 de manga, cunhas 600 toneladas. Podería levar algunhas pezas de artillería de 4 ou 8 libras, ata unha ducia como precaución, xa que neste caso primaba a capacidade para levar ás súas casas a veteranos dunha longa guerra en varios continentes.

Unha campaña arqueolóxica sobre o pecio aportaría novos datos. En caso de bergantines ao corso podían levar ata 18 canóns de 24 libras, e carronadas. O Reino de Nápoles aportou ao conflito con Inglaterra de 1779 a 1783 tartanas, saetías e outras embarcacións, para o transporte de pertrechos e tropas españolas e francesas, aliados no conflito e vencedores do mesmo. Usáronse no bloqueo de Gibraltar e no ataque a Argel. Por iso, estes soldados franceses que regresaban da Guerra de Independencia Norteamericana utilizaron un destes transportes surtos en Cádiz e ao servizo de España. Neste barco viñan soldados de polo menos sete regimientos: Languedoc, Metz, Rovergué, Lusanie, Dangomois, Nustrie, Bivaset. E as súas compañías de cazadores ou infantería de linea. Cada reximento tiña dúas ou tres compañías, pero neste caso estarían moi mermadas, ou serían os seus feridos os que regresaban. Non sabemos o número exacto de embarcados pero poderían pasar de 600 homes. Por sorte o número vítimas non foi alto. A proximidade da costa e o auxilio dos veciños e da próxima virxe propiciaron o rescate.

Novas relacionadas

Novas sobre naufraxios

Outras novas

Fonte

  • Información e Fotos de Rafael Lema, Delegado da Real Liga Naval Española.

Comentarios