O PSOE lembrou en Camariñas aos “heroes” do Prestige
- Sandra Insua cualifica ás “ducias de miles de voluntarios” do ‘Prestige’ como “os auténticos heroes daqueles días”

Se o BNG escollía Camelle, o PSOE lembran os 20 anos da catástrofe do Prestige en Camariñas. A alcaldesa Sandra Insua recibía ao presidente autonómico Valentín González Formoso, o delegado do goberno na Coruña José Miñones ou mesmo á ministra de Política Territorial e portavoz do Goberno, Isabel Rodríguez, para render homenaxe a tod@s aquel@s voluntari@s que cambiaron a cor do noso litoral.
Fixérono durante o acto ‘Marea Branca 2002-2022’, que comezou ás 12:00h deste domingo na Casa de Pedra, en presenza do tecido asociativo e das entidades do municipio e de colectivos e persoas que no ano 2002 participaron de forma activa nas labores de limpeza do litoral.
Insua, cualificou ás “ducias de miles de voluntarios e voluntarias” que se desprazaron ata a Costa da Morte “para salvar ese lugar, limpar as súas praias e as súas furnas, e dar testemuño de canto estaba mal en todo isto” como “os auténticos heroes daqueles días, sen asomo de discusión”.
A rexedora sinalou que os medios de comunicación “puxeron o foco nun mesmo lugar. A Costa da Morte era ese lugar. Camariñas, Muxía e Fisterra eran esas localidades chamadas a sufrir, pero tamén a loitar” e explicou que “para ben ou para mal, España, o mundo, descubriu que existía un lugar lonxano cheo de vida, con nome de morte, un lugar mal comunicado, sen medios, nin técnicos nin humanos, distante, díficil e de invernos secos e duros, pero tamén sumamente fermoso, que valía a pena que fose salvado”.
“Vinte anos despois somos algo máis vellos, igual tamén algo mais sabios, pero sobre todo temos a mesma memoria. Memoria de quen estivo e de quen non estivo. Memoria do que tiñamos antes e do que temos agora. Gañamos un Parador para Muxía e un tramo de autopista que nos acerca algo á Coruña, pero perdemos moito tempo e oportunidades para recurtar a fenda que nos separa doutros lugares con máis medios e oportunidades”, afirmou.
Formoso fixo un bo paralalelismo sinalando que “un Goberno non debe alonxar os problemas, senón enfrontalos”.
Pola súa banda, a ministra tamén enfatizou nos asuntos positivos da catástrofe, destacando que “a conciencia ecoloxista xurdida tras o Prestige é hoxe unha política de Estado”. Tras facer un agradecemento común (nomeou ao fareiro e concelleiro Alonso), fixo alusións aquel goberno popular: “Ante un problema, a obligación do Goberno é dar a cara, tender a man e ofrecer solucións”.
A ministra aproveitou para mandar unha mensaxe ao sector da pesca, anunciando que hoxe luns o goberno presentará un recurso ante a Comisión Europea para garantir a pesca do cerco en Galicia, así como que o goberno vai favorecer a xubilación anticipada de mariscadores, mariscadoras a pé, percebeiros e recolledores de algas; así como as redeiras, como anunciaran o pasado mes de maio.
Relatos, música e homenaxes

A programación continuou cunha mesa redonda na que participraon Jacqueline Lista, agora é mariscadora pero naquel momento rexentaba o Bar Piña, e Digna Romar e Carmen Pérez, percebeiras que coordinaron ás persoas voluntarias na costa de Camelle.
Logo, tralas intervencións das autoridades, realizouse unha homenaxe ao falecido Antonio Jesús Alonso Ballester, tenente de alcalde de Camariñas durante a catástrofe e encargado de coordinar o dispositivo de emerxencia. A alcaldesa agradeceu a presenza da familia, Cristina, Toño, Cris e Héctor xunto cos netos.
Tralo recoñecemento, descubríronse dúas placas conmemorativas na Casa de Pedra, edificio que foi o fogar das persoas voluntarias durante eses días, nas que, por unha banda, se recoñece a súa labor e, pola outra, se detalla a súa procedencia. Neste espazo tamén se instalou unha exposición de fotografías da fotoxornalista de La Voz de Galicia, Ana García, sobre as labores de limpeza que levaron a cabo os voluntarios.

Por último, fíxose unha visita ao mural instalado na Lonxa Vella. Trátase dunha lona xigante na fachada da Lonxa Vella na que se ilustra, a través dunha fotografía do fotógrafo José Manuel Casal un dos momentos da limpeza da costa, poñendo en valor o espectacular traballo que levaron a cabo as persoas voluntarias. Os músicos locais Belem Tajes e Fran Barcia foron os encargados de amenizar este momento.
ARTIGOS RELACIONADOS
- José Luís Louzán: Que vinte anos son nada….
NOVAS DO PRESTIGE
- O BNG destaca en Camelle a “loita colectiva da sociedade contra a infamia e a competencia na xestión do Prestige”.
- Muxía, km.0 da comunicación polos 20 anos Prestige.
- Unha necesaria xornada de homenaxe á sociedade civil que salvou a Costa.
- Que foi do chapapote do Prestige?.
- Lembrando o Prestige en formato podcast.
- Gonzo: “A política de desinformación do goberno co Prestige está moi de actualidade”.
- “O Prestige foi o momento propicio para acabar coa nosa identidade, coa nosa forma de vida no mar”.
- Mulleres tecendo memoria: Nunca máis chapapote patriarcal.
SEGUEMENTO DO XUÍZO DO PRESTIGE, POR JOSÉ LUÍS LOUZÁN
- Decembro: 2013: Nunca Máis, e a Xunta, recurrirán a sentenza do Prestige:
- 13-11-13: Nin un só culpable pola catástrofe do Prestige.