32 actividades arredor da cultura dixital contemporánea enchen o programa do Carballo Interplay
O Carballo Interplay presentou onte, nunha rolda de prensa no Museo de Bergantiños. os contidos da súa XIII edición, que se celebrará do 16 ao 19 de abril no Mercado de Carballo. Un total de 32 actividades arredor da cultura dixital contemporánea conforman un programa que volverá convertir a Carballo nun espazo de referencia a nivel estatal, no que o talento dixital galego na rede volverá ser protagonista.
Ao longo destes catro días, Carballo converterase ademais no punto de encontro dalgunhas das voces galegas máis recoñecibles do ecosistema dixital, como Raquel Piñeiro, Marina G. Canedo, Zeltia e Lúa Mosquera, Salseología ou Autoenfoque.
Toda a programación, cos horarios completos e posibles actualizacións, pode consultarse na páxina web oficial do festival.
Entretemento, reflexión e comunidade en galego
Un dos grandes sinais de identidade desta edición é tamén o lugar central do galego, presente tanto nas actividades de conversa e análise como nos certames dedicados á creación e á produción de contido dixital. A xornada do xoves 16, centrada especialmente na creación na rede en galego, reunirá ademais máis de 350 alumnas e alumnos de institutos galegos, que asistirán á conversa Sobrevivir en galego nas redes sociais, con Prado Rúa e Konachadas, e ao obradoiro Radicalmente online – Activismo en redes sociais, impartido por Marina G. Canedo.
Sección Oficial internacional e dúas estreas destacadas
A Sección Oficial volverá ser un dos piares do festival cun total de 19 series, das que 17 son internacionais e proceden de 10 países, reforzando o perfil do
Carballo Interplay como escaparate privilexiado para novas voces e novas narrativas do audiovisual dixital. A selección ofrece unha mostra diversa en tons,
estilos e temáticas, con títulos chegados de Reino Unido, Australia, Canadá, República Checa, Suíza, Francia, Dinamarca, Estados Unidos, Irán, Romanía,
Eslovenia e España.
A esta competición súmanse dúas presentacións especiais. Por unha banda, a preestrea en Galicia de Millennial Mal, creada e dirixida por Lorena Iglesias, que chegará a Carballo tras o seu paso polo Festival de Málaga e será presentada pola propia autora.
Por outra, Epidemia Invisible, proxecto gañador da pasada edición do Premio á Produción de Contido Dixital en Galego, unha serie documental creada por Román Varela arredor da experiencia da saúde mental en primeira persoa. A programación audiovisual complétase coa proxección infantil da serie galega de animación PIPO na Biblioteca Rego da Balsa.
Directos, podcast e formatos nacidos en internet
Outra das liñas fortes do programa será a dos shows e podcast en directo, que reforzan esa capacidade do festival para levar ao escenario linguaxes, voces e formatos propios do ecosistema dixital. Nesta edición poderán verse por primeira vez en Galicia propostas como Rajando con… Bimboficadas, con Samantha Hudson e María Barrier; Pop y Muerte, con Kiko Amat e Benja Villegas; e Sexo en Nueva York Podcast, con Raquel Piñeiro e Patricia Blanco.
A esta programación súmanse ademais dúas actividades creadas en exclusiva para o festival: I’LL SEE YOU IN MY DREAMS. TWIN PEAKS, con Estela Ortiz e Juan Evaristo Valls Boix, e PLOT TWINS. Duplicadas por guion, con Lúa e Zeltia Mosquera. A acollida desta liña de programación volveu quedar patente coa resposta do público ás entradas de Rajando con… Bimboficadas, esgotadas en cuestión de minutos.
Creación galega, pensamento crítico e Zona PRO
O galego volverá ocupar un lugar estrutural no festival, non como elemento accesorio, senón como parte central da súa identidade. Entre os contidos desta
edición figuran a conversa Sobrevivir en galego nas redes sociais, con Prado Rúa e Konachadas, e a presentación do número 5 da revista Clara Corbelhe, arredor do artigo “Scroll, lingua, nación: a galeguidade política nas redes na era TikTok”, coa participación de Malva F. R. e Élia Lago.
Na Zona PRO, o festival afondará no seu perfil de espazo de análise e aprendizaxe cun programa de faladoiros sobre cuestións de plena actualidade, como o impacto da intelixencia artificial nos medios dixitais, o momento actual do podcast en España e a aparición de novas voces informativas nun ecosistema condicionado polos algoritmos. Participarán nestes encontros perfís e proxectos como Maldita.es, Ana Alonso, Óscar Piera, Javier Hernández, Trescentostrece, Salseología, Literal247 e Woke up!
Paneis sobre divulgación e memoria de internet
A programación do sábado completarase con dous paneis centrados nas formas de comunicar e relacionarse hoxe na rede. En Scroll, scroll, STOP. As novas
regras da divulgación, Kenya Stéphanie, Helio Roque, Autoenfoque e Pablo Lluc reflexionarán sobre como divulgar información especializada nun contexto de saturación e déficit de atención. Pola súa banda, Internet chiquito, con Ainhoa Marzol e Carmen Pacheco, proporá un percorrido polas transformacións de
internet e das redes desde as primeiras comunidades dixitais ata a actualidade.
Premios, novos proxectos e peche musical
Coma sempre, o fío condutor serán as series, e os premios teñen un especial fincapé na creación galega, como o ratifica o Premio á Produción de Contido Dixital en Galego está dotado con 3.000 euros para o desenvolvemento do proxecto gañador, mentres que os Premios de Creación Dixital en Galego distinguen a mellor canle e a mellor creadora ou creador con 600 euros en cada categoría. Os certames consolídanse ademais cun récord de participación nos apartados de Mellor Creador/a e Mellor Canle: presentáronse 35 proxectos, e os finalistas daranse a coñecer esta semana.
A entrega de premios celebrarase o domingo 19 de abril con Lorena Iglesias como presentadora. Ao remate, o festival despedirase cunha sesión vermú con Monkey Mambo en A Xamonería. A programación musical incluirá tamén o concerto de Pantis, que presentará memoria nova no peche do sábado.
Máis novas do Interplay
REPASO HISTÓRICO DO CARBALLO INTERPLAY
- 2025: Carballo, fervedoiro do talento dixital galego co Interplay
- 2024: O Carballo Interplay achégase a Carballo apostando polo talento galego
- 2023: O Carballo Interplay pechou a súa 10ª edición
- 2023: O Carballo Interplay arrincou con estreas e centra a segunda xornada no talento galego
- 2022: O “necesario” Carballo Interplay pechou a súa 9ª edición cunha boa “desfeita”
- 2022: O Carballo Interplay arrincou poñendo en valor o talento galego da rede.
- 2021: O Carballo Interplay recibe o Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2021.
- 2021: O Carballo Interplay 2021 ofreceu ao mundo unha inmellorable panorámica da innovación na rede.
- 2021: Interplay: Os Masters da rede galega debullaron as principais canles creativas.
- 2020: A creatividade fluíu na rede gracias ao Carballo Interplay
- 2020: Antía Suárez: "O Carballo Interplay visibiliza o traballo da xeración máis nova"
- 2019: Paula Vázquez: O Interplay moi ben, pero falta Carballo
- 2019: O Interplay volveu convertir Carballo na capital da cultura dixital global.
- 2018: Dinosaurio, a webserie do Interplay que narra a caída mundial da internet.
- 2018: O Interplay volveu convertir Carballo na capital estatal dos contidos dixitais.
- 2017: O Festival Interplay fai de Carballo a capital da cultura dixital global
- 2017: O IV Festival Carballo Interplay, a máxima calidade audiovisual entra na Costa da Morte
- 2016: O éxito do III Carballo Interplay asegura unha cuarta edición no 2017.
- 2015: O Carballo Interplay, os Óscars 2.0:
- 2015: Arrinca un desenfadado Festival Interplay para poñer Carballo no centro das miradas do audiovisual.
- 2015: O Festival Interplay, unha regueifa audiovisual de vangarda.
- 2014: As mellores webseries de España, premiadas no Carballo Interplay.