Carballo acolle o "Mundial" de chave e billarda

Bergantiños é potencia. E así se volve a ratificar coa celebración en Carballo do Campionato de Seleccións de Billarda e Chave. A Federación Galega de Deporte Autóctono escolleu a capital bergantiñá para esta doble proba que se celebrará o sábado a partir das 16.30 horas na Praza do Concello
"É como o mundial do que nós facemos, porque é a nivel autonómico, non hai nada nin a nivel nacional nin de billarda nin de chave”, explica David Castelo, secretario da federación e responsable da modalidade de chave.
Con el estiveron o presidente da federación, o carballés Antonio Varela, e o representante da billarda, Xosé Collazo, así coma o concelleiro de Deportes, Daniel Pérez, e o alcalde, Evencio Ferrero, en representación do Concello de Carballo, unha das administracións que apoia o campionato xunto coa Xunta de Galicia.
“En Carballo vai estar o mellor do mellor”. O mellor equipo galego sairá do enfrontamento entre a selección de Arteixo e a selección da propia federación, “formada por xogadores de concellos que non teñen suficientes xogadores para facer unha selección”.
Participarán 4 equipos carballeses (Artesanías Padín de Carballo, Peña Bértoa, Teleclub Verdillo e Fergo de Cances) e outros da comarca, como os laracheses APB-A Laracha e o Campo da Feira de Paisaco.