Aprobado o investimento de 14 millóns de euros para a EDAR de Cee e Corcubión

A actual EDAR de Brens

Hai xa 5 anos que a Xunta iniciaba o proceso de redacción da EDAR de Cee e Corcubión tras constatar que era unha das que peor funcionaba de Galicia. Polo camiño aprobábanse 8 millóns de euros para a rede de saneamento, que se completan agora co convenio de colaboración asinado entre Augas de Galicia (Xunta), a Deputación e os concellos de Cee e Corcubión, que suporá un investimento total de preto de 14 millóns de euros.

O Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, FEDER (60%) e Augas de Galicia (20%) asumirán o 80% do custo, con 11.096.799,77 euros; mentres que as entidades locais financiarán o 20% restante, é dicir, 2.774.199,93 euros.

Para contribuír a esa achega local, a Deputación da Coruña comprométese a destinar 1.400.000 euros, distribuídos en dúas anualidades de 700.000 euros. Esta contribución provincial permitirá apoiar económicamente os concellos de Cee e Corcubión, cun reparto de 1 millón de euros para Cee e 400.000 euros para Corcubión. Pola súa banda, o Concello de Cee achegará 1.030.674,93 euros e o Concello de Corcubión 343.525 euros, segundo o calendario de pagos fixado no convenio.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou “un investimento deste importe sería imposible de asumir en solitario para os dous concellos”, polo que puxo en valor “a cooperación entre administracións para facer posible unha obra necesaria, complexa e fundamental para o futuro da comarca”. “A Deputación está para isto: para axudar aos concellos cando teñen diante investimentos que son imprescindibles, pero que pola súa dimensión precisan apoio técnico e económico”, engadiu.

“Coa nova EDAR damos un paso decisivo para que Cee e Corcubión conten cun saneamento con máis capacidade e adaptado ás necesidades actuais e as que veñan no futuro”, sinalou Formoso. “É unha obra importante para dar un servizo fundamental á veciñanza e para axudar a rexenerar a ría, que que ten un enorme valor natural e produtivo”, concluíu.

Nova EDAR

A nova EDAR construirase no concello de Cee, nunha parcela situada nas proximidades da rúa Fornelos e da zona de servidume do porto de Brens, practicamente fronte á depuradora actual. Esta localización permitirá manter en funcionamento a instalación existente mentres se executa a nova infraestrutura.

A depuradora actual, construída na década dos 90, presenta unha tecnoloxía de tratamento obsoleta, chegou ao final da súa vida útil e non dispón de capacidade suficiente para atender os caudais previstos no futuro. Entre os problemas detectados figuran colectores con sección insuficiente, mal estado da rede, atascos frecuentes, entrada de auga de mar e de augas limpas, escasa capacidade de regulación, mal funcionamento dos bombeos e múltiples deficiencias na propia instalación.

O novo sistema está deseñado para unha poboación de máis de 16.400 habitantes equivalentes e para un caudal medio de deseño de 4.591,13 metros cúbicos ao día, cun caudal máximo previsto de 15.582,72 metros cúbicos diarios en situacións de maior achega.

Os traballos previstos inclúen a construción da nova estación depuradora, a conexión coa impulsión procedente do tanque de tormentas, a incorporación dos ramais de Brens e da parte alta de Cee mediante un novo bombeo, así como a execución da condución de vertido ao mar, definida a partir dun estudo hidrodinámico e de dispersión bacteriana da enseada de Cee-Corcubión.

A nova EDAR contará con liña de auga completa, con arqueta de entrada, pretratamento, tamizado, desarenado e desengraxado, tratamento biolóxico con eliminación de nitróxeno, decantación secundaria, desinfección mediante raios ultravioleta e sistema de medición de caudal. Tamén disporá de liña de fangos, deshidratación, instalación para a recepción e tratamento de fangos de fosas sépticas, edificio de explotación, sala de control, taller, vestiarios, sala de soplantes e sistema de desodorización para evitar molestias por cheiros.

 

 

HISTÓRICO SOBRE O PROBLEMA DO SANEAMENTO NA RÍA DE CORCUBIÓN