As Asembleas Abertas para o Ensino volven á rúa este mércores en Carballo, Cee e Muros
Despois das mobilizacións do 25 e 28 de febreiro, despois das numersoas xuntanzas no marco dos #MartesenLoita, as Asembleas Abertas para o Ensino volven saír á rúa na tarde deste mércores 6 de maio. Máis de 20 mobilizacións desenvolveranse en toda Galicia, onde toda a comunidade educativa encherá as rúas mostrando a unidade e transversalidade necesarias para loitar polo ensino público e mudar a realidade que se vive nas aulas dos centros educativos.
As demandas principais céntranse nunha atención á diversidade efectiva e inmediata, proporcionando os especialistas (PT, AL e Orientación) necesarios para que a inclusión non sexa só unha palabra nun papel, como se leva denunciado, por exemplo, no IES Agra de Raíces de Cee ou no CEIP Bergantiños de Carballo. A necesaria rebaixa de horas lectivas en secundaria non pode camuflar un recorte de persoal. "Esiximos que non se repita o erro de Primaria; a rebaixa lectiva debe implicar máis profesorado nos centros, non unha perda de horas de presencialidade que desmantele os apoios e a calidade educativa", afirman.
Ademais, lévase denunciado dende comezos de curso os graves problemas estruturais que sofren os centros da zona, denunciado polo manifesto do profesorado do IES Fernando Blanco de Cee, IES Eduardo Pondal de Ponteceso ou nos centros educativos do municipio de Zas.
Desde as Asembleas Abertas da comarca incídese en que a folla de ruta non se detén aquí. "Non podemos permitir que a redución de ratios e a volta ao horario lectivo previos á crise se converta nunha aplicación sine die que nunca chega á realidade das nosas aulas", sinalan desde o colectivo. Por iso, entre as 20 mobilizacións de todo o pais, na Costa da Morte haberá 3 mobilizacións:
-
CARBALLO: A manifestación partirá ás 19:00 h desde a Praza de Galicia e percorrerá as rúas da vila (Vázquez de Parga, Desiderio Varela...) ata rematar na Praza do Concello.
-
CEE: A mobilización terá lugar ás 19:00 h, con punto de encontro na Praza 8 de marzo.
-
MUROS: A mobilización terá lugar ás 19:00 h, con punto de encontro na Praza da Vila.
A xornada festeiro-reivindicativa descentralizada está convocada por diferentes ANPAS, a federación de ANPAS provincial de A Coruña, FANPO, FAVALMI, FOANPAS, outras federacións de ANPAs comarcais, as propias ANPAS dos centros, as Asembleas Abertas do Ensino Público, sindicatos de profesorado (CIG, CUT, STEG, Solidariedade Obreira e CNT) e estudantado (Fervenza, Erguer e o Sindicato de Estudantes) e outros colectivos como AGOEP e NEG.








