Luns. 14.10.2024
El tiempo

Marzo, o mes da Operación Orquesta

Ramon Vigo saindo do Xulgado trala sua detencion pola Operacion Orquesta
Ramón Vigo saindo do Xulgado trala sua detención pola Operacion Orquesta o 2 de febreiro de 2011
Marzo, o mes da Operación Orquesta

Así nos explicaba en 2012 o aínda alcalde Ramón Vigo como entende el a Operación Orquesta. “A Operación Orquesta é “infumable”, é unha operación orquestada polo PSOE e o PP contra a miña persoa. De feito, se eu acepto a candidatura do PSdG nese momento todo isto non houbera pasado”, razoaba.

Xa pasaron 8 anos dende aquela mediática redada do 31 de xaneiro de 2011, e máis de 2 dende a apertura do xuízo oral convocado en decembro de 2016. Dos 27 imputados iniciais, só pasarán polo Xulgado os 6 investigados de Cee, tras arquivarense as separatas de Fisterra, Muxía, Corcubión e Mazaricos.

A citas do xuízo oral desenvolveranse na Audiencia provincial entre 12 e 21 de marzo de 2019. E segundo fontes achegadas ao caso, pode que haia sentenza antes das municipais.

Se ben moita xente considera aquelo de “ao final vai quedar en nada”, hai outra que considera que a Fiscalía non pide 21 anos a calquera, e que se a Fiscalía solicitou o pago de 29.000 para saír baixo fianza (cantidade que equivale a que supostamente a construtora Ogando pagou para aquelas festas da Xunqueira), é porque ve claros indicios de irregularidades. De feito, se a Fiscalía foi deixando atrás as separatas que non tiñan tanta trascendencia, e quedou co caso de Cee, pode ser por algo.

Alí estarán Ramón Vigo e Juan Bautista Areas Lestón “Candiño”, como responsables municipais; Daniel Ogando Ogando (pai), Daniel Ogando De la Sierra (fillo), representantes da empresa Ogando, adxudicataria municipal implicada no proceso; Jorge López, empresario do sector do espectáculo implicado na contratación irregular de artistas para as Festas da Xunqueira; e José Carlos Leis Caruncho, o arquitecto privado (non era o municipal como sinalaba a causa) que explicaba de primeira man como foron os procedementos da creación da Casa da Cultura, e como el simplemente, ía adaptando os proxectos ás distintas fases en función das esixencias dos 4 alcaldes que pasaron entre 1997 e non só ata 2010, senón ata 2015.

Un epicentro

A trama que ten un centro claro de operacións, e que de feito foi de onde partiu toda a operación. Falamos do aínda alcalde de Cee, un Ramón Vigo ao que piden 23 anos de prisión e 13 de inhabilitación (o máximo legal, se ben as causas non son acumulativas) por 5 delitos (falsidade documental, estafa, prevaricación, suborno e prevaricación), que foi investigado, por casualidade, ao gravalo mentres falaba cun narcotraficante, xa condenado por unha importante descarga de droga, confidente da Policía.

Un alcalde que troceaba por debaixo dos 300.000€ os contratos para a construción da Casa da Cultura, coa colaboración dun arquitecto que non soubo dicir “non” a poñer a súa sinatura, para permitirse facer concursos negociados e podelos adxudicar a dedo a unha empresa amiga, a cambio de mordidas, que empregaba, supostamente para pago de eventos culturais como as Festas, en B, e coa colaboración dos empresarios do sector; ou para asuntos persoais, como sospeita a Fiscalía, que dubida se a liquidación da súa hipoteca naquel 2010 no banco podería ser derivado destas actividades fraudulentas.

Sentenza antes das municipals

Así, a cousa seguramente a principios de abril podería estar xa ditada a sentenza, que en todo caso, ten cabida de recurso. Deste xeito, unha vez que haia condena, se é unha condena exemplar (e pasa, por exemplo, dos 2 anos de prisión), a Fiscalía podería facer petición expresa de que se faga cumprir a condena, e impediría presentarse ás eleccións a Vigo. Se non é unha condena grave, seguramente permitirase que se presente.

Pode afectar ás eleccións?

Un xuízo oral que chegan en plena ondada de eleccións, aínda que parece que á veciñanza da Costa da Morte pouco lle afecta, a teor dos resultados das pasadas eleccións de 2015, nas que implicados como o propio Vigo ou o socialista Félix Porto (que deixará o cargo despois dos comicios), conseguían revalidar a alcaldía. Ben é certo que a Orquesta levárase por diante aos entón alcaldes de Mazaricos e Corcubión (hoxe absoltos), que dimitiran antes dos comicios, e que en Fisterra si que houbo un verdadeiro cambio de panorama político, aínda que máis provocado por casos como o da polémica concesión inicial do Semáforo. Precisamente en Fisterra, José Manuel Traba, xa sen contas pendentes polo caso, aspira de novo a recuperar á alcaldía.

En todo caso, se cadra cómpre recuperar algunhas daquelas gravacións que se filtraron do sumario que explican, coas voces dos protagonistas sobre como se xustifican subvencións públicas con cartos de caixa B.

Repaso completo á Operación Orquesta

Repaso ao sumario da Operación Orquesta

Artigos relacionados

Comentarios