venres. 06.06.2025
El tiempo

Paseniño porá en marcha o seu primeiro campamento inclusivo de verán

Campamento Inclusivo Pasenino
Paseniño porá en marcha o seu primeiro campamento inclusivo de verán

A Asociación Paseniño, entidade sen ánimo de lucro que traballa coas familias de nenos e nenas con necesidades educativas especiais na Costa da Morte, porá en marcha este verán o seu primeiro campamento inclusivo, unha iniciativa que busca ofrecer apoio á conciliación familiar durante os meses de xullo e agosto. Trátase dun servizo que dá resposta a unha necesidade real das familias de nenos con necesidades educativas especiais da comarca, que cada verán se atopan con dificultades para conciliar ou para dispoñer dun tempo de respiro no coidado dos seus fillos e fillas.

O proxecto, titulado “Verán Inclusivo: apoio á conciliación familiar de nenos/as con necesidades educativas especiais”, será posible grazas á financiación da oficina de CaixaBank en Cee, que concedeu unha subvención fundamental para a súa realización. O programa contará cun equipo de tres persoas responsables da coordinación e execución das actividades.

O campamento estará aberto tanto a familias con nenos e nenas con necesidades educativas especiais como a outros nenos e nenas sen diversidade funcional, co obxectivo de favorecer a inclusión e a convivencia en igualdade. Desenvolveranse en distintos puntos da comarca, en colaboración cos concellos e outras entidades locais, e ofrecerán un entorno seguro e adaptado para todos os participantes.

A programación parte das demandas das familias e dos intereses dos nenos e nenas, e incluirá propostas de carácter deportivo, artístico, cultural e de contacto coa natureza. Ademais, organizaranse xornadas de convivencia e actividades comunitarias pensadas para reforzar o benestar emocional, a socialización e a autonomía persoal.

Desde a directiva da asociación informan que proximamente se comunicarán a través das súas redes sociais as datas, actividades e forma de inscrición.

A Asociación Paseniño quere expresar "o seu máis sincero agradecemento á oficina de CaixaBank de Cee, polo seu compromiso coa inclusión e coa mellora da calidade de vida das familias da Costa da Morte. Este apoio supón un paso decisivo para avanzar cara a unha sociedade máis xusta, accesible e diversa".

Máis novas

Comentarios