"Por que a nós si e a outras entidades non?"
Hai 15 días a SCD Brens rompía o seu silencio para denunciar a persecución que leva anos sufrindo por parte da alcaldesa, Margarita Lamela. Hoxe a entidade quere afondar na diferencia de criterios que o Concello pide a está asociación con respecto de outras en materia de subvencións, e aproveita para denunciar as esixencias esaxeradas para desenvolver actividades.
As Subvencións: “Por que a uns si e a outros non?”
Xa explicaban a semana pasada que o concello de Cee decidía non conceder a axuda completa de 2.000€ á entidade. Ante a reclamación, o informe municipal sinala que a “a SDC Brens non xustifica correctamente todos os gastos polo que se ten que minorar a cantidade inicialmente concedida de 2000 euros". O problema é que nas bases da subvención non sen indica en ningún momento que haia que xustificar “todos os gastos”, e que a entidade tivo acceso a outros expedientes doutras asociacións veciñas que si recibiron a totalidade da axuda malia xustificar facturas só por eses 2.000€, cifra á cal a de Brens chega mesmo coas facturas que o concello non aceptou por válidas. “No caso de conceder os 2.000€ asignados iniciamente, o Concello estaría sobrefinanciando á entidade”, argumenta o Concello no seu informe.
”Por que se nos pide xustificar todos os gastos e a outras asociacións non?”, pregúntanse na entidade. “Por que a nós non nos teñen en conta as outras facturas que superan o valor da subvención concedida?”, denuncian.
Un listado de participantes e outras maneiras de perseguir
Pero máis alá deste asunto económico, o que máis doe na familia de Brens é a continua vixilancia e escrutinio do Concello. “Non é verdade que se pretendeu quitarnos as horas do uso da Casa de Cultura de Brens para a actividade de baile e pandeireta utilizando un criterio que non consta no regulamento de utilización dos locais socioculturais do 22 de Xuño do 2012?”, sinalan. “Non é verdade que fixemos unha reclamación hai máis dun ano e medio expoñendo unha serie de criterios e entre eles que tíñamos un convenio firmando co concello onde se nos recoñecía eses horarios e a día de hoxe non se nos contestou?”, lembran.
E van máis alá: “Non é verdade que nos pediron o listado do alumnado en cada unha das actividades, no que ten que constar o nome, apelidos e idade?” Un listado para cada actividade que debería ir asinado polo monit@r de cada cursos e un representante da asociación. Un listado de dubidosa legalidade para a entidade, que preguntou para que se necesita pero que o Concello non respondeu. “Pedíronlle a todas as asociación estes datos? Dende cando se lle pide a unha asociación que acredite a realización dunha actividade. A que vén esa desconfianza? Non era máis fácil vir ata alí e saudar e así constatar a realización da actividade?”, pregúntanse.







