Xoves. 25.04.2024
El tiempo

A FEDANPA fai balance dun completo 2014 e mándalle o Bo Nadal ao Conselleiro

A FEDANPA fai balance dun completo 2014 e mándalle o Bo Nadal ao Conselleiro

Con este fermoso repaso audiovisual a Federación de ANPAS da Costa da Morte (FEDANPA) fai balance deste activo 2014, o ano da pre, e da implantación da polémica LOMCE. E aproveita etas datas para enviar unha dura carta ao Conselleiro de Educación, un comunicado que hai que ler integramente.

E repasa un ano no que as asociacións de pais se mobilizaron máis ca nunca, dando conta da inxustiza de moitas dos recortes levados adiante polas administracións públicas en materia educativa.

Un ano cheo de “esforzo dedicado ao ensino público”, que arrincaba en xaneiro, apoiando a convocatoria de folga estudantil do 20 de febreiro de 2014, formalización do Ingreso na Confederación de Anpas Galegas, e mesmo participando en varias das etapas do Camiño dos Faros. Ese mesmo mes chegaba ao Parlamento Galego para falar de Ensino Público, e xa en febreiro pelexaban pola gratuidade dos libros de texto e material escolar no Ensino Público Galego.
En febreiro, co primeiro ano cumplido, celebrado cos premios Rosalía e Werto. Xa en marzo viron nacer á asociación de NEAE “Aloumiños” da Costa da Morte. En abril e maio participaron en varias xornadas e organizaron novas mobilizacións nas cabeceiras de comarca de Cee e Carballo contra a LOMCE e contra os recortes no Ensino Público coa Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público.

Aí estiveron na mobilizacións do 4 de xuño, reclamando medidas reais de tratamento integral da situación socioeducativa familiar. En agosto conseguían manter viva a escola rural de Carnés. E setembro levaron as súas preocupacións á nova lei de racionalización e sostibilidade da Administración Local. En outubro, co inicio de curso, adicáronse a recabar numerosos informes e queixas das ANPAs, para elevalas ás administracións.

Xa en novembro puxeron a andar a Comisión NEAE, e neste último mes do ano analizaron os orzamentos 2015 da consellaría de Educación, partidas económicas que considera propias dunha brigada de desmantelamento do Ensino Público.

Ano completo, o da FEDANPA que se pecha con esta carta:

Carta da Fedanpa: “Bo Nadal, sr. Conselleiro, e ventureiro aninovo”

Rematamos un ano, o 2014, que foi o noso primeiro ano completo de andaina como confederación; quizais sería ben facer unha listaxe de logros e preocupacións, debullar o ano case rematado botando unha ollada a tanto traballo feito, a tanto esforzo dedicado ao ensino público, a tanto cariño directa e indirectamente entregado aos máis novos para que medren nun mundo mellor, construído tamén por eles mesmos. Mais pensamos que este ano que remata non merece tanta lembranza, nin é apetecíbel facer con el ningún balance; tampouco iso quer dicir que fose un ano para o esquecemento, porque non hai lugar de onde máis se aprenda que dos erros, aínda cando son doutros; e este ano que morre tivo erros dabondo. Na Costa da Morte, e en toda Galiza, non resulta positiva a política de recortes que se están a producir, entre outros, de recursos económicos, de profesorado de AL, de PT, de coidadoras, de profesorado en xeral ou de falta de atención ás estruturas dos centros. Si, este ano perdemos profesorado e finanzamento; quedamos con menos especialistas para incluír á diversidade nas vidas de tod@s; comezamos un curso novo cunha lei nova que ninguén coñecía e para a que ninguén estaba preparado; pelexamos polos libros de texto, para non nos ter que afogar mercando material inútil e innecesario. Tamén perdemos presenza na comunidade escolar, nós e todos, en beneficio dunha figura que pretende ser un valido da administración; tivemos que ver cómo se discriminaba a colectivos completos na entrega de axudas para a adquisición de libros de texto; e como se repetía esa discriminación no que este goberno deu en chamar “educación dixital”, consolidando a súa propia tendencia: a de fabricar colexios de primeira, de segunda, e “de última”, coma se as nenas e nenos fosen diferentes ou culpábeis por nacer ou vivir nun lugar ou noutro. E niso pasamos o ano, en tentar conter a abafadora deriva de abandono e desmantelamento na que nos meteron os actuais administradores da educación; e algo conseguimos, mais non abonda, e imos continuar pelexando na defens do ensino Público Galego. Por riba de todas as cousas e con todas as nosas forzas: reclamando o que o alumnado, en xustiza, ten dereito. Porque temos un goberno que non cre na educación pública; que equipara a xestión pública coa comercial utilizando criterios de custe e beneficio; que pensa que o gasto educativo non é prioritario, sendo que o é por dereito e por intelixencia investidora; que carece dun proxecto educativo organizado e dunha programación planificadora de futuro. Porque temos un goberno que abandona todas as súas responsabilidades educativas en terceiros, sexan os equipos directivos dos centros - e aí están as referencias indeterminadas ao que decidan en temas de convivencia ou de deberes escolares- sexa na procura de financiamentos ligados a programas e proxectos que deberían ser para todos se son positivos, ou para ninguén se non o son; sexa na indiscutíbel participación das familias na vida escolar, que queda abandonada ao interese dos actores específicos de cada centro; ou sexa, recente e moi tristemente, na salvagarda da nosa lingua que tamén queda ao criterio indeterminado da cidadanía porque eles, de novo tampouco, non son responsábeis. Porque temos ese goberno, nós, ás familias, conformadas de mil xeitos e maneiras pero unidas nun punto único de acordo indiscutíbel: o interese polas nosas fillas e fillos. Nós imos seguir dicindo que o ensino ten que ser público, para ser para todas e todos; que ten que ser laico, para atinxirnos a todas e todos; que ten que ser inclusivo, porque as nosas fillas e fillos precisan convivir con todas as realidades para aprenderen de todas elas; que ten que ser GALEGO, porque so se pode aprender dende a seguranza que outorga o coñecemento do propio; e que o noso lugar é todo aquel onde se tomen decisións, grandes e pequenas, que afecten ás nosas fillas e fillos e, por extensión, a toda a sociedade. Por iso queremos felicitarlle o Nadal, algo tan familiar, ao sr conselleiro, e tamén ao sr. Presidente da Xunta, e transmitirlles os nosos mellores desexos para o futuro ano que agora xa mesmo comeza. Quereriamos que nese novo ano lles aparecera a capacidade de comprender que todas as nenas e nenos son iguais, ou deberían ser iguais, en dereitos, que non se diferencian por nacer ou vivir no medio dunha cidade ou no medio dun monte, que non se distinguen por ter unha saúde de ferro ou unha necesidade específica, que non son nenos distintos por nacer en familias distintas, ou porque esas familias teñan máis ou menos cartos, máis ou menos posición social, máis ou menos nivel cultural. E esa afirmación de igualdade non a facemos dende a falsa bondade, nin ignorando que supón o tratamento consciente e nivelador das desigualdades iniciais, non soltamos tópicos coa idea de facer frases bonitas acaídas a estas datas. A igualdade que pregoamos é a meta á que tendemos dende sempre como individuos, podemos chamarlle evolución, modernidade, ou progreso- terá todos os nomes que queiramos darlle - pero o certo é que o andar das mulleres e homes dende os albores da humanidade consistiu sempre na procura desa equiparación duns e doutros, e chamamos civilización precisamente á eliminación de barreiras, eivas, e condutas culpábeis que impidan esa igualdade. Por iso desexamos para todas e todos un novo ano que nos inclúa a todas e todos, que nos iguale a todas e todos nos maiores logros, e que o ensino público sexa peza clave e produtiva desa equidade futura. E se, de paso, lle trae algo de sentidiño aos que nos gobernan, sería magnífico.

  • Xosé Antón de la Fuente Subiela. Federación de ANPAs da Costa da Morte e vogal da Confederación de Anpas Galegas.

Novas sobre a loita contra a LOMCE

Fonte

Comentarios