mércores. 30.04.2025
El tiempo

Dobre cita en Vimianzo o domingo co deporte e coa cultura

Dobre cita en Vimianzo o domingo co deporte e coa cultura
Dia da Bici en Vimianzo

Os amantes da bicicleta terán a oportunidade que gozar dunha ruta familiar polo Val de Vimianzo xa que celebra o Día da Bicicleta. Pero o Concello de Vimianzo é un concello moi activo e sempre hai actividade para todos os gustos e todas as idades.

En Bus por Vimianzo

Bus Turistico por Vimianzo-Ruta Norte

O pasado domingo inaugurábase un proxecto co que se pretende poñer en valor o rico patrimonio cultural, etnográfico, patrimonial e paisaxístico do noso concello. O proxecto Vimianzo Vivo, consta de dúas partes que se poden complementar perfectamente. Por un lado cada domingo dos meses de xullo e agosto, ás 11 da mañá e ás 5 da tarde, aquelas persoas que visiten o Castelo, sexan veciños ou visitantes, poderán atoparse cuns habitantes moi singulares: a Compañía de teatro Os Quinquilláns dan vida ao Castelo vivo, un paseo pola historia mediante unha dramatización da súa historia e da dos seus moradores. Durante media hora podemos saber da historia dos Mariño de Lobeira, dos Moscoso de Altamira, das revoltas irmandiñas, de Evaristo Martelo ou incluso coñecer os feitos acontecidos en Vimianzo durante o 36. Unha función moi recomendable para os visitantes do Castelo, pero tamén para os propios vimianceses e vimiancesas que, dun xeito gratuíto, poden coñecer a súa propia historia dun xeito lúdico, divertido e moi ameno.

Pero o concello de Vimianzo ten un rico patrimonio cultural que amosar e para facilitar que veciños e visitantes coñezan de primeira man os sitios máis singulares. Historia viva, un paseo por Vimianzo é un proxecto que consta dun bus turístico que cada domingo realiza unha ruta guiada, de aproximadamente hora e media de duración, por diferentes lugares, con saída ás 11.30 horas do Castelo, unha vez rematada a función. Se o pasado domingo se realizou a ruta polo leste, visitando o Pazo de Trastouteiro, os dolmens de Pedra Cuberta e Pedra Moura e a igrexa de Serramo; este domingo a ruta percorrerá as terras do norte do concello visitando os Batáns e muíños do Mosquetín (na parroquia de Salto), o Cruceiro dos Santos (na parroquia de Bamiro), a necrópole de Tines e o alto de San Bartolomeu desde onde contemplar unhas fermosas panorámicas, antes de regresar ao Castelo de Vimianzo.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios