O Barsa de Preferente xoga de laranxa
Comparar a un equipo co Barcelona dos últimos anos é unha auténtica imprudencia, case unha obscenidade, porque calquera que intentáramos poñer á súa altura quedaría a anos luz da excelencia acadada polo xogo do conxunto dirixido por Guardiola. Porén, voume permitir a ousadía de equiparar ao Santa Comba de Gelucho co Barça de Guardiola. Máis que nada pola súa aposta futbolística.
Non é doado ver en Preferente Autonómica a un equipo dos chamados a loitar polo ascenso que se decante por xogar o balón durante os 90 minutos. E menos en campos como o viveirés de Cantarrana, no que as súas dimensións invitan máis ao fútbol directo. O habitual e, se cadra, o máis cómodo é un equipo moi ben traballado no eido defensivo e contundente, que polo tanto recibe poucos goles e acaba levándose os partidos gracias á calidade dos seus homes de arriba, moitos veces dianteiros dunha categoría superior. Dese xeito buscan o éxito nunha categoría complicada, debido ás dificultades coas que teñen que lidiar en certos campos os favoritos ao ascenso.
Non é este o caso do conxunto xalleiro, que se ben ten calidade arriba -por algo é o equipo máis goleador do grupo, xunto ao Compostela- e conta cunha defensa experimentada e moi capacitada, en ningún caso basea o seu xogo no xogo directo.
Gelucho imprimiulle un sello de bo fútbol, apostando por xogar o balón por debaixo, tocando o balón as veces que sexa necesario e chegando ata liña de fondo para poñer os balóns que sexan necesario. Nunca rifan o balón, nunca baixan a garda, sempre na busca do gol. Incluso cun 0-2 no marcador e o partido consumíndose, fan de martelo pilón e as súas combinacións acaban achegándolles dous goles nos últimos cinco minutos, como aconteceu o pasado domingo.
E a segunda vez que vexo ao Santa Comba esta campaña, logo dun inmerecidísimo empate en Xove, no que fixeron méritos máis que suficientes para irse cunha goleada ao se favor, e nas dúas ocasións saín do campo con moi bo sabor de boca polo seu xogo.
Non me gustaría rematar este pequeno artigo sen facer unha mención especial ao central Roberto Amoedo. É un auténtico pracer ver como lle imprime o seu carácter á defensa e sentido ao xogo desde atrás. Nunha categoría na que o “lorchazo” é un recurso máis habitual do que lle gusta á maioría dos seareiros, ver os desprazamentos en longo ao pé do redondelán e os precisos pases ás costas da retagarda rival tamén fan máis doado pagar gustosamente a entrada.
Se cadra só a pólvora mollada dos seus dianteiros neste primeiro tramo de tempada é o culpable de que os de Gelucho non estean entre os dous primeiros. En todo caso, a diferencia co Narón agora é só de tres puntos e os de Santa Comba rematarán de seguro nunha das dúas primeiras prazas. De feito, a falta da visita de Compostela e Narón, moitos afeccionados de Cantarrana -algúns acostumados a ver moitos anos a Terceira e a gozar de varias tempadas consecutivas de fases de ascenso a Segunda B- coincidían en asegurar que era o mellor equipo que pasara polo campo viveirés en moito tempo. E un ao escoitar isto, asentía.
- Miguel Albo Lestegás, xornalista deportivo na Mariña Lucense.
Máis artigos de Miguel Albo Lestegás
Máis información
Crónicas da semana
- Xuvenil Sur: Malas prácticas.
- Xuvenil Norte: Partidazo no Pinguel e varias goleadas.
- 3ª Autonómica: 19 equipos pensando no ascenso.
- 2ª Autonómica: Non se pode despistar ninguén.
- Preferente: 3 vitorias e unha derrota soneirá.
- 1ª Autonómica: Segue a seca.
- Resultados da derradeira fin de semana de novembro.
- Comeza unha igualada Liga de Fútbol Sala de Cee.
Máis novas
- Vídeo entrevista de Anxo Garrido co colexiado Marcos Ordóñez.
- Vídeo entrevista co muradán Seluco.
- A Bitacora da Semana: O blog da S.D. Camelle.
- A bitácora da semana (CXLI): O blog do San Lorenzo de Verdillo.
- Video entrevista co xuvenil malpicán Juny.
- Un Dumbría descarado.
- Pablo Mouro: Primeiros Auxilios Básicos (II).
- Pablo Mouro: Primeiros Auxilios Básicos (I).
- Vídeo entrevista de Ángel Garrido a Alberto Pose.
- Vídeo entrevista a Manolo Varela por Angel Garrido.
- O Plan Competicional e a Liga á carta.
Fonte
- Redacción de Deportes de QPC ([email protected]).