Mércores. 24.04.2024
El tiempo

Emotiva presentación do Gran Fondo Ézaro, unha proba de primeiro nivel internacional

Emotiva presentación do Gran Fondo Ézaro, unha proba de primeiro nivel internacional
Presentacion do Gran Fondo Ezaro na Cascada-Foto-Enrique Lopez

Segue Dumbría convertíndose, e convertindo á Costa da Morte, nunha referencia internacional en materia ciclista. Esta pasada fin de semana o campionato Galego elite sub-23 coroábase no Alto do Miradoiro do Ézaro, unha subida que farán Indurain e Chiapucci o vindeiro 4 de xullo no “Gran Fondo Ézaro”, a que xa é a día de hoxe a proba ciclista máis numerosa da historia de Galicia.

Xa son máis de 750 inscritos para esa proba (aínda non somos capaces de imaxinar un pelotón tan xigantesco polas estradas da Costa da Morte) e a este ritmo, seguro que chegan ao millar de participantes. E falaremos dentro de 5 anos cando sexa un pelotón de 5.000...

Esta mañá de martes 9 de xuño tiña lugar a presentación desta proba de ciclismo en estrada que volverá colocarnos no epicentro das dúas rodas a nivel nacional e internacional, xa que a participación de dúas lendas como Indurain e Chiapucci farán que saiamos en medios de comunicación de todo o mundo.

Pequeno falando na Presentacion do Gran Fondo Ezaro con Terio Carrera

Fermoso, moi simbólico o acto presentación á pé da Fervenza do Ézaro, un lugar emblemático e xa vencellado ao ciclismo para sempre dende o paso de la Vuelta a España, como recordou Terio Carrera, que fixo de presentador do evento. “Un sitio impresionante coma este, unha carreira fantástica coma esta que serve impulso turístico para toda Galicia”.

O primeiro en tomar a palabra foi Carlos Oliete, o director de Ferroaltántica que ademais de gran patrocinador, é un dos responsables desta aposta polo ciclismo na Costa da Morte. El mesmo foi o que entregou o trofeo de gañador de etapa aquel 2012 a Purito Rodríguez.

Precisamente, o alcalde dumbriés, José Manuel Pequeño, como posible futuro presidente da Deputación, tendeu a man a Oliete ao que lle propuxo crear un equipo profesional de ciclismo en Galicia, unha necesidade xa verdadeira no noso país. Unha que xa deixara caer esta semana o presidente da Federación Galega de Ciclismo e que pode estar collendo forma dende a nosa bisbarra.

Fermoso, simbólico e emotivo acto de presentación do Gran Fondo Ézaro ao pé da Cascada. Un evento tremendamente positivo para toda a Costa da Morte!

Posted by Que pasa na Costa on Martes, 9 de Xuño de 2015

Houbo ademais unha marea de personalidades aos que a organización agradece o seu gran apoio desinteresado polo deporte, polo ciclismo, por Dumbría e por toda a Costa da Morte.

Falou o mesmo Álvaro Pino, outra das lendas do ciclismo español, loubando a labor dun concello que tanto aposta polo deporte, algo non moi habitual.

Falaron tamén Federico Pérez Rey, un dos protagonistas do vídeo de promoción xunto a Triki, o ciclista muradán que tamén estivo presente. Falaron Xosé A. Touriñán, Pedro Nimo, Gustavo César Veloso ciclista galego de primeira orde; Ezequiel Mosquera, outra das lendas vivas do ciclismo estatal e que ademais forma parte do comité organizador a través da súa empresa. Houbo tamén representación municipal dos concellos de Muxía ou Muros, e varias casas colaboradoras coa gran cita, que traerá nesa fin de semana milleiros de persoas á zona.
Os que non estiveran aquí, que os houbo, quedaron alucinados co poder hipnotizante da Fervenza do Ézaro.

Por onde vai a ruta?

Os datos técnicos xa os sabemos, con saída da Fervenza e chegada ao Alto do Miradoiro, non sen antes que superar a O Formigón.
O Rutómetro, recórdanos que do Ézaro sairán ás 10:00h, pasando por Cee, subindo por Lobelos e meténdose cara Muxía pola Pereiriña e Bermún, para chear á vila da Barca, dar a volta na zona do Santuario sobre as 11:15 con parada no porto para o avituallamento. A volta será polos Muíños, Senande, Berdeogas, para entrar en Dumbría polo cemiterio de cores, e entrar en Dumbría sobre as 12:10. De aí toca baixada cara a cascada pola mesma estrada do mirador, para volver á AC.550 e coller cara Muros, pasando polo Pindo (12:30-13:00h), Caldebarcos, ata Muros. Subirase por Serres ata as paxareiras, baixarase pola perigosa estrada para volver cara o Ézaro para afrontar a subida entre as 15:00h e as 16:00h segundo vaia de rápido a carreira.

Na presentación, ademais do vídeo promocional con Fede e Triki, viron na pantalla un vídeo do percorrido e outro dos anos 90 das carreiras míticas entre dous dos mellores ciclistas de todos os tempos. Nós quedámonos con Triki e Fede, que a día de hoxe seguro que lle compiten a subida ao Formigón a Indurain e Chiapucci.


Máis información

Novas relacionadas

Máis novas

Fonte

Comentarios