Estado do monte Pindo, un ano despois

Analizabamos o pasado 11S o cabodano do arrasador incendio que asolagou o Monte Pindo. Hoxe podemos facer unha análise completa do estado de saúde do Olimpo Celta, gracias ao enxeñeiro de Montes e residente na Costa da Morte, Jorge González Pérez, co que xa falaramos hai un ano pouco despois da catástrofe.

Jorge subíu estes días a ver como estaba o Monte, ao igual que fixeron máis de 200 persoas no roteiro do Cabodano que artellou a Asociación Monte Pindo Parque Natural dende Caldebarcos. Un roteiro cun día excelente e sen incidencias, no que costataron a presencia de moitos máis eucaliptos dos habituais, algúns de varios metros de altura que ameazan a presencia do carballo anano e as 150 especies protexidas que temos catalogado no Olimpo Celta.

Jorge, a título persoal, envíanos este artigo sobre o estado ecoloxico do Monte Pindo un ano despois do incendio baseado en observacions persoais e de outros membros da asociación.

”Estado do monte Pindo, un ano despois”, por Jorge González Pérez

A madrugada do mércores 11 do ano 2013 quedará na nosa memoria para sempre xa que nesa data iniciábase o incendio que duraría máis de tres días e queimaría a case totalidade do Monte Pindo - máis de 2500 ha – ferindo gravemente un lugar de gran valor ecolóxico.
O primeiro aniversario deste desastre ecolóxico parece un bo momento para facer balance do estado actual da zona afectada. As seguintes líñas baséanse en observacións sobre o terreo en distintas visitas o lugar xa que non parece existir ningún estudio académico dos danos tralo incendio.

Un ano despois podemos ver como a cor verde comeza destacar de novo de entre o negro dos primeiros meses. As especies herbáceas e arbustivas son ás primeiras en aparecer despois dun incendio e a súa función é esencial para afianzar a maltreita terra. Así nos primeiros meses xa puidemos ver como aparecía a herba nalgúns lugares, aínda que non foi suficiente para evitar os indesexables fenómenos de escorrentia que tiveron lugar neste difícil inverno de grandes temporais. Tal e como apuntaba nun escrito anterior, as zonas máis afectadas por esta escorrentia foron as de maior pendente e grandes cantidades de terra e cinza acabaron no mar afectando as zonas marisqueiras. Este inverno xa e pouco probábel que se repita este fenómeno xa que especies arbustivas como o toxo (ulex europeaus) e o brezo (Erica sp.) entre outros xa están afianzadas no terreo.

En peor estado quedaron as arbores –tanto coníferas coma frondosas- que, exceptuando pequenas illas que non se queimaron, foron completamente destruídas aínda que moitas permanecen en pe coma fantasmagóricos recordos do que alí aconteceu. A recuperación das especies arbóreas e moito máis lenta e difícil e depende moito mais do estado no que quedou o solo. Ademais o comportamento ante o lume e moi distinto en cada especie. No caso do eucalipto (eucaliptus globulus), que é unha especie pirófita, toma vantaxe do lume para colonizar novos lugares devido a que brota de cepa inmediatamente despois do lume e crece moito mais rápido ca súa competencia polo que as substitúe rapidamente.

No caso do Monte Pindo, e baseándose nos datos do terceiro inventario forestal nacional (1997-2007), podemos ver no seguinte mapa a área do eucalipto dentro da zona queimada. Un ano despois pódese observar nestes lugares coma os eucaliptos xa teñen cepas viables e en crecemento, mentres que as zonas adxacentes onde predominaba o pino do pais (Pinus pinaster) aínda non se observa unha rexeneración natural. A consecuencia lóxica e unha expansión paulatina do eucalipto dende as zonas nas que xa estaba presente, limitada tan só pola altura e a pedregosidade do terreo. Expansión que se está vendo reforzada polas recentes repoboacións de eucalipto tralo incendio en zonas próximas. O pino do pais e o pino manso (Pinus radiata) de antigas repoboacións no Monte Pindo tardará mais dunha década en recobrar o protagonísmo anterior aínda que e pronto para saber se recuperaran os seus antigos dominios.

Pero non todo son malas noticias para as arbores. Unha das especies emblemáticas do monte pindo, o Carballo anano (Quercus lusitanica) sobreviviu e intenta saír adiante ante a ameaza do eucalipto. Ademais dentro da zona queimada existen pequenas illas con carballos (Quercus robur), loureiros (Laurus nobilis) e acivros (Ilex aquifolium), que non se viron afectadas polo lume e serviran de reserva de sementes para una futura expansión. Esta expansión de frondosas autóctonas polas zonas queimadas producirase a décadas vista se non teñen lugar mais incendios coma este. É precisamente a reiteración continua de lumes no monte pindo a principal ameaza da rexeneración natural xa destrúe os seus progresos e provoca unha degradación continua do solo que se volve irreversíbel e que empobrece paulatinamente a súa biodiversidade.

En canto a fauna, moito mais difícil de avaliar visualmente, a súa relación de dependencia coa flora fai que teñamos certa seguridade de que o lume provocara unha gran degradación en variedade é poboación de distintas especies. Estamos á espera de recuperación das colmeas de abellas dentro da zona afectada pero xa podemos ver numerosos réptiles polos penedos un día soleado ou a maxestosa silueta do lagarteiro (Buteo buteo) sobre as nosas cabezas. E de esperar que a recuperación da fauna sexa parella a recuperación da flora.

Coma conclusión podemos dicir que a ferida esta a cicatrizar pero esa cicatriz será visible por moitos anos, e é que aínda que o Monte Pindo inicia a súa rexeneración natural, enfrontase as ameazas da erosión do solo e a expansión do eucalipto. Ameazas que deben servir para que a Administración reflexione sobre a necesidade de futuras actuacións no Monte Pindo destinadas a rexenerar e protexer este enclave de extraordinario valor ecolóxico, paisaxístico e cultural.

  • Jorge Pérez González, (Enxeñeiro de montes).

Novas relacionadas

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).