martes. 27.01.2026
El tiempo

1ª e 2ª Div. Fem: Cee e Dumbría pecharon unha igualada primeira volta

Corme e Cultural Maninos no Cairo-Foto-Fin Lema
Imaxe do Corme e Cultural Maniños no Cairo-Foto-Fin Lema
1ª e 2ª Div. Fem: Cee e Dumbría pecharon unha igualada primeira volta

Non houbo xornada na #LigadaCostaFEM esta fin de semana, pero si que houbo nas categorías superiores, destacando o tenso e igualado derbi acontecido no San Paio de Refoxos, que rematou cun empate que deixa aos dous equipos empatados en zona morna, con só dous puntos de vantaxe para as dumbriesas. Por arriba, O Muxía, sen facer o seu mellor partido, venceu en Santiago, e remata a 2 do Tordoia, campión de inverno.

O Corme non fallou ante un equipo dos de abaixo en casa e segue a tiro da promoción. Porén, non lle sentou ben o frío lucense ás esteiráns que perderon unha ocasión de meterse coas de arriba.

Remata a primeira volta ademais cunha fermosa loita pola pichichi, con Rebeca Puente, do Tordoia, sumando 25 goles, polos 23 de Barca e os 20 de Eva Lema. As esteirás Rut e Bárbara suman 17 e 16, mentres a cormelá Carla xa leva 15, tralos 4 do domingo.

Pola sua parte, o Xallas volveu perder pola minima, e se ben mereceu un empate, a falta de gol estalles penalizando, sumando xa 7 derrotas consecutivas. Esta, ademais, co equipo que marca o descenso e que se coloca a só 2 puntos por debaixo das xalleiras.

 

1ª Div. Fem., xornada 15

Orzán B - Xallas (1-0)

  • Xallas: Peta, Landi, Gra, Ahinoa, Silvia, Andrea Otero, Sara, Paula Barcia, Mery, Espasandín, Isa. Tamén: Soraya, Yaiza, Valeria Iglesias, Daniel.
  • Gol: 1-0, m.27: Carmen Couto.

Saíron moi concentradas e xerando ocasións as de Eloy García Fateira ante a importancia do choque. Un tiro lonxano de Carla e un córner que remata Isa ao longueiro eran os primeiros avisos, pero tamén daban conta da falta de acerto que ten este equipo, qyue non puido contar con Oli, e que vía como Otero se lesionaba nun xeonllo e tiña que abandonar o partido. Esta saída pesa no bando xalleiro e o rival comezaba a dominar, conseguindo ademais un gol nun centro lateral.

No segundo tempo adiantaron liñas as xalleiras e xogaron o balón con máis tranquilidade, tendo dous bos tiros de Mery e Gra, unha falta que a propia capi lanzaria e a porteira faille unha moi boa parada. Tamén terían as herculinas un man a man con Peta, que solventou con moita seguridade a porteira xalleira. Nos minutos finais a piques estivo de chegar o empate, pero tras unha boa acción de Espasandín, nun Isa nin Yaiza conseguiron marcar.

2ª Div. Fem., Gr.1, xornada 17

Milagrosa - Esteirana (3-0)

  • Esteirana: Alicia, Nerea, Sara Brión, Sandra Dosil, Nuria, Lara, Marta Piñeiro, Melania, Alba, Bárbara e Rut. Tamén: Lidia.
  • Goles: 1-0, m.50: Ángela; 2-0, m.64: Ana Seguin; 3-0, m.77: Irene.

Novamente xustas de efectivas e con varias xogadoras con molestias viaxaba ata Lugo o cadro esteirán. A primeira parte o partido foi bastante aberto pero sin perigo real nas áreas, debido ás moitas imprecisións e o campo rápido que provocaba que non houbese un dominador.

Na segunda parte entraron mellor as lucenses e dispuxeron de varias ocasións fallando incluso un penalti. Conseguiron adiantase tras un balón ás costas na que a defensa blaugrana quedaba protestando un posible fóra de xogo. Puideron empatar con outro penalti que detivo a súa porteira adiviñando o lanzamento de Rut, pero de seguido marcaron o segundo nunha xogada evitable. A meta Alicia ademais, tiña que saír por un golpe deixando ao equipo con 10 e Lidia poñendo as luvas, volvendo a demostrar ese orgullo esteirán que mantén o equipo de pé en cada situación.

”A pesar de non ser o noso día en canto a xogo, traio a confianza de saber que cada unha das nosas defende a idea e pon a cara en cada partido polo equipo e as compañeiras, e a seguridade de que o balón vai volver a entrar”, asegura o adestrador Fran Figueroa.

Cee - Dumbría (2-2)

  • Cee: Noemi, Lurs, Cris, Ramos, Sabela, Laura, Martínez, Lucía Caamaño, Saray Duarte, Nayara Casais, Sharay Caamaño. Tamén: Valeria, Paula Veiga, Caridad, Gala, Aroa.
  • Dumbría: Liss, Laura, Sabela, Yaiza, Carla Lago, Elba, Carla Recarey, Yoli, Paula Fandiño, Claudia Cundíns, Alba. Tamén: Mariña, Ana, Alicia, Lara, Carla Pérez.
  • Goles: 0-1, m.76: Elba; 1-1, m.84: Paula Veiga; 1-2, m.87: Paula Veiga; 2-2, m.93: Paula Fandiño.

Derbi emocionante ata o final cun último cuarto de hora de tolas. Comezaba o choque soso, con dous esquipos tímidos, máis pendientes de non encaixar que de poñerse por diante no marcador, intentando ambos equipos ter posesións largas e ter poucos errores defensivos, o cal fixo que fose unha primeira metade sin muitas ocasións de perigo. A posesión íase repartindo, e unha das poucas ocasións chegou tras un saque de banda no que Carla Recarey pon un pase da morte ao que Yoli non consigue rematar ben.

Comezaba a segunda con máis intensidade, e os dous equipos máis decididos a chegar á área contraria. O Dumbría, que tiña algo máis o balón, conseguía romper a igualada a falta de 15 minutos. A partir de ese momento o partido toleou. O Cee revolucionouse e comezou a percutir e o Dumbría non soubo parar o partido. En apeanas 3 minutos, Paula Veiga conseguía darlle a volta ao marcador con dous goles, e cando o partido parecía decidido, xa no último minuto, unha falta lonxana Paula Fandiño, marca da casa, faría o empate.

Corme - Maniños (4-0)

11 do CF Corme no Cairo-Foto-Fin Lema

  • Corme: Lucía; Saskia, Laura, Aroa; Zeltia, Olalla, Ana, Natalia (Lucía); Cris (Salomé), Claudia, Carla.
  • Goles: 1-0, m.25: Claudia; 2-0, m.36: Claudia; 3-0, m.37: Claudia; 4-0, m.55: Claudia.

Mala primeira parte en canto a xogo por parte das cormeláns, que melloraron un pouco na segunda. Levar levaron o peso do partido en todo momento, conseguindo romper facilmente o choque ao final da primeira metade gracias ao acerto dunha Claudia que está facendo unha temporada espectacular. Contentas ademais polos bos minutos de Salomé trala volta aos campos.

San Lázaro - Muxía (2-4)

  • Muxía: Sheila, Ana Toba, Andrea Piroja, Raquel, Mai, Irene, Nerea Barrientos, Eva Lago, Patri Romaní, Barca e Eva Lema. Tamén: Paula Reu, Laura Doce.
  • Goles: 0-1, m.24: Barca a pase de Eva Lema; 0-2, m.44: Eva Lema a pase de Eva Lago; 1-2, m.48: Xiana; 2-2, m.83: Mireia; 2-3, m.87: Eva Lema de penalti cometido sobre Patri Romaní; 2-4, m.92: Barca a pase de Eva lema.

Mal partido do Muxía que así e todo conseguir manter os puntos. Comezaron sen intensidade as corviñas e permitiron que as locais comezasen sorprendendo moi arriba, moi intensas e creando ocasións. Pero foron os de Noe Iglesias as que acertaban nassúas chegadas abrindo o marcador no ecuador do primeiro tempo. Seguiron moi ben as locais, sen baixar a intensidade, pero sen acerto, e as Evas creaban o segundo antes do descanso.

Nada máis comezar a segunda parte, un erro defensivo déixalles en bandexa ás locais o 1-2 e aí o partido vólvese un ida por volta co balón sen control e moitas perdas dos dous equipos. Nunha falta directa, xa na recta final do partido, lograría empatar o partido e aí o equipo vermello si soubo reaccionar envorcándose sobre a portería rival e aos poucos minutos unha xogada persoal de Patri que recibe unha entrada moi fea na área provoca o penalti e o dobrete de Lema que pon por diante as muxiás. Aínda así, non baixaron o ritmo e antes do asubío final Barca marca o seu dobrete tamén a pase de Eva Lema (dous goles e dúas asistencias).

CF Muxia fem

Crónicas da #LigadaCostaFEM

Crónicas da 1ª e 2ª Div.

Máis info

Comentarios