2ª FUTGAL: O SanLo alcanza ao Xallas no alto e a loita pola permanencia ponse crúa

Capis do Porteno e SanLo nas Pedreiras co trio arbitral-Foto-Parker

Ao máis puro estilo Hypertensións, dos 4 equipos que loitan polo título e o ascenso directo, só gañou un. O San Lorenzo sae reforzado da xornad 26 (a 4 do final) tras vencer o choque directo ante o Porteño, e aproveitar o inesperado tropezo do líder, o Xallas, en casa ante o Cabana. Quedan xalleiros e carballeses empatados a 48 (co golaveraxe individual a favor do Xallas), ambos con 4 puntos sobre Porteño e Baio, que non aproveitaba a xornada e non pasaba do empate ante o necesitado Monte Louro.

Na outra liga, a salvación está carísima. A cousa está tan apretada que ademais destes 4, ningún está a salvo dos arrastres, que poden ser 2 ou 3. 34 puntos teñen Sofán B e Ponteceso, que marcarían a salvación segura, pero é que 38 ten o Cabana na 5ª praza. 32 puntos marcado agora o Muros tras vencer e superar ao Corcubión na táboa, metendo aos branquiazuis en teórico arrastre.

Se os Corme, Soneira e Ponteceso deron un salto tremendo, os que parecen que dixeron adeus á categoría foron Mazaricos e Zas. Os dous comezaron gañando e acabaron perdendo e fican no fondo da táboa, xa a 2-3 partidos de distancia. O Louro intentará pelexar a salvación como demostrou no Platas Reinoso.

Mazaricos - Ponteceso (1-2)

  • Mazaricos: Isma, Luís Mayán, Borja, Chumico, Fran Landeira, Marito, Yeray, Marcos, Steven, Kevin e Molinos. Tamén: Samuel, Raúl, Dani Periscal, Fabián e Sergio.
11 do SD Ponteceso en Mazaricos
  • Ponteceso: Darío, Cotelo, Adrián Pose, Luca, Pedro, David, Javi Souto, Alberto Recarey, Iván Rod., Mendieta e Eloy Álvarez. Tamén: Brais, Eloy, Juan Rey, Neira e Martín Puente.
  • Goles: 1-0, m.16: Kevin de penalti; 1-1, m.18: Alberto Recarey; 1-2, m.24: Alberto Recarey.

O Ponteceso logra superar ao Mazaricos, nunha esplendida e calurosa xornada dominical na Pena do Ouro, unha vitoria que vale media salvación e unha derrota que supón medio descenso para os amarelos, que quedan moi tocados. O partido comezou cunha calma tensa que denotaba a importancia do partido; non obstante, un fallo na saída do balón deixaría ao dianteiro do Mazaricos nun man a man con Darío, quen a pesar de deter o tiro provocaría un penalti que sería transformado por Kevin ao cuarto de hora. O Ponteceso, véndose de novo a contracorrente no marcador, tivo unha recuperación prodixiosa xa que nas dúas xogadas posteriores o gol, Recarey marcaría un dobrete para darlle a volta ao partido nos minutos 18 e 24: o primeiro gol vería dun pase da morte que falla no despexe o defensa e lle queda a pracer, mentres que o segundo sería un tiro raso tras un bo pase filtrado de Mendieta no borde da área. Demasiado mazazo para un tofcado cadro de Raúl Periscal.

O resto do partido, ante un calor abafante, o Mazaricos non amenazou seriamente a portería visitante; si puido cerrar o partido o Ponteceso con xogadas de Recarey, Puente (que regresa despois de varios meses de lesión) e Neira pero a falta de acerto deixaba o empate nunha posibilidade real.

Xallas - Cabana (1-2)

11 do Xallas en Fontenla
  • Xallas: Iván Couto, García, Elvis, Peke, Macareno, Yago Facal, Dani Barbeira, Rubén Blanco, Doro, Bryan, Sergio Barbeira. Tamén: Iker, Pablo Landeira, Adrián Couto, Rubén Sande e Alberto Jallas.
  • Cabana: Manu Nantón, Aarón, Alex Costa, Mario, Noé Eiroa, David Rey, Julián, Smón, Migueliño, Brais e Xavi Parga. Tamén: Mrcos, Noé Souto, Samu Leis, Pablo Pose e Yeray.
  • Goles: 0-1, m.47: David Rey; 1-1, m.83: Sergio Barbeira; 1-2, m.88: David Rey de penalti.

A sorpresa da xornada deuse en Fontenla. Saíron moi ben os de Óscar Mingui, igualando a intensidade do Xallas e prantando cara en todo momento, tendo ademais dúas boas ocasións na primeira metade: unha falta ao longueiro de Simón e un man a man de Brais que cruza demasiado ante a saída de Iván Couto. O Xallas, que non estivo tan ben como outras semanas, intentou facer dano por bandas, onde rubén Blanco estivo moi vixiado, e tamén obrigou a Manu a facer un par de boas intervencións.

Nada máis saír dos vestiarios, marcaba David Rey, e aí chegaron os mellores minutos do Cabana, dos mellores da temporada, con ocasións de Brais, Xabi, Migueliño ou Simón, que salvou o eterno Couto. Pero o Xallas aguantou e deu un paso adiante, e comezou a apretar, e conseguía empatar a 10 do final por medio de Sergio Barbeira.

Pero xa case no desconto, nunha contra Migueliño forzaba un penalti (protestado polos locais) que transformaba David para dar a vitoria ao cadro cabanés. Un mazazo que non foron capaces de levantar os xalleiros, que seguen líderes.

Pode ser xuíz desta liga o Cabana, que a semana que vén se enfronta ao San Lorenzo.

Cabana celebrando unha vitoria que vale a salvacion

San Lorenzo - Porteño (4-2)

  • San Lorenzo: Javi Souto, Lozano, Alberto Campos, Pablo Garrido, Diego Varela, Javi Pérez, Pape, Alex Vázquez, Alex Taibo, Hugo Pereiro e Iago. Tamén: Mario, Yago Rey, Damián, Hugo Canedo e Hugo Pensado.

  • Porteño: Mariol, Pejo, Rodri, Brais Mouzo, Alan, Pablo, Iván, Baba, Martín, Bruno e Yuyo. Tamén: Brais Nion e Carrabete.
  • Goles: 1-0 m.6: Pape; 1-1, m.9: Pejo; 1-2, m.15: Alan; 2-2, m.28: Pape; 3-2, m.35: Iago tras un gran pase de Taibo; 4-2, m.75: Yago.

O San Lorenzo sumou unha vitoria moi importante ante o Porteño nunha gran tarde de fútbol nas Pedreiras entre o 2º e o 3º clasificado da Liga da Costa. Foi un partido de moita disputa, como xa se esperaba. Adiántouse o cadro de Iván Rojo, cun bo disparo de Pape, un dos mellores sobre o campo. Pero en poucos minutos os de Mayor dábanlle a volta ao marcador con dous goles en xogadas a balón parado.

Pero o SanLo non caeu, mantívose no partido, dominando o balón e esperando os erros. Así, á media hora Pape igualaba tras un erro, e pouco despois, un pase de Alex Taibo deixaba só a Iago que lle daba de novo a volta ao marcador.

Na segunda metade, o guión apenas mudou, o SanLo controlaba o balón pero o Porteño intentaba meter máis intensidade e máis xente arriba. Pouco a pouco foi empurrando e Bruno unha ocasión clarísima para lograr o empate, pero o balón saíu rozando o pau. Noutro erro dos da Ponte, o Sanlo facía o cuarto a 15 minutos do final, e aí o partido púxose bronco, con dous expulsados por bando visitante (Iván e Carrabete, ademais de Mayor) e un por bando local (Alex Taibo).

Muros - Corcubión (4-1)

11 do CD Muros
  • Muros: Aitor, Juanchy, Fran, Ramón, Benji, Iván, Je, Jesús, Manu Tajes, Alon, Xavi. Tamén: David Lestón, Javi, Marcos, Alex e Ferreiros.
  • Corcubión: Bruno, Juan Fuentes, Isaac, Andrés, Alex, Martñin, Fernando, Mario, Luís Lojo, Iago Lema e César Lojo. Tamén: Rama, Trillo, Antón e Castro.
  • Goles: 1-0 , m.46: Jesús; 2-0, m.55: Xavi; 3-0, m.59: Benji de penalti; 3-1,m .65: César de penalti cometido sobre Rama; 4-1, m.91: Xavi.

Primeira metade con alternancias, e con ocasións nas dúas áreas. Estaba xogando ben o Corcubión, que dous mans a mans de César e Iago Lema e un remate de cabeza, que salvou Aitor. Tamén Je e Xavi avisaban das intencións dos locais.

Nada máis empezar, os de Joaquín Quintáns facían, en 15 minutos, 3 goles gracias á velocidade dos seus homes de arriba e aí practicamente se acabou o partido. No 65’ recortaba o Corcubion con un penalti trasformado por César, e tiveron aí os de Ángel e Isi algunha ocasión para recurtar, pero non estiveron de novo acertados, si o estivo Aitor, e o definitivo 4-1 sería novamente Xavi de remate de cabeza logo dun gran centro de Juanchy.

Baio - Monte Louro (1-1)

11 do CD Baio ante o Louro
  • Baio: Rodri, Bruno, Carreira, Pablo Gabin, Miki, Chechi, Damián, Mamadou, Damián, Cheti e MC. Tamén: Javi, Norberto, Josiño, Manu Vila e Lucas.
  • Monte Louro: Pedro, Miguel Verán, Chano, David Pais, Rodri, Adrián, Abel, Álvaro Fari, Xián, Héctor e Javi. Tamén: Iker, Luismi, Juan Louso, Manolo Chouza e Flavio.
  • Goles: 1-0, m.26: Mamadou; 1-1, m.66: Xián.

Outra da sorpresa da xornada, nesta Hypertensión. Saíron ben os baieses, presionando ben, cómodos, tendo ocasións como unha xogada de Mamadou librando a tres contrarios e mandou fóra con varios compañeiros sós. MC facía dano e poñendo centros, e o equipo de Lobelos, ademais do tanto de Mamadou, tivo ocasións para matar o partido. Foi unha primeira metada frouxa do Monte Louro, que pediu un posible penalti, e que tamén tivo unha ocasión boa nun córner que volve meter Xián ao corazón da área, cun remate un rexeite que non acaban en gol de milagre gracias á doble intervención de Rodri.

Cambiaron as tornas na segunda, cun cadro de Bibi máis enchufado, ante un equipo local que comezaba a cometer erros na saída. Apretaban e moito os loureáns, con moito perigo en xogadas a balón parado, e así empataban o partido.

Corrían os minutos e o empate non lle valía a ninguén, así que o Baio se metía moi arriba, apretando como puido, cun par de internadas de MC que se pasean pola liña de gol se chegar ninguén a rematar; un posible penalti de Pedro sobre Mamado, unha de Miki dende segunda liña que salvou Pedro, ou unha de Damián, que mandou o balón fóra cando estaba no franco no punto de penalti porque había xogador loureán tirado no campo. Tamén o Louro lanzou algunha contra perigosa no treito final, pero ao remate, empate que non lle vale a ningún dos dous nas súas pelexas.

Sofán B - Outes (1-1)

  • Sofán B: Eloy, Marcial, Diego, Iván, Eloy Cabeza, Asier, Mateo, Dani Rod., Rubén, Adrián Vázquez e Isma Ramos. Tamén: Darío, Christian, Nachete e Álvaro.
  • Outes: Dani, Claudino, Adrián Rey, Sanchiño, Romarís, Pablo, Adrian Caamaño, Martín, Kevin, Alberto, Dani Torea. Tamén Hugo, Carlos, Iago.
  • Goles: 1-0, m.12: Rubén de remate; 1-1, m.28: Sanchiño nun córner botado en curto.

Métese en líos o Sofán B tras non pasar do empate ante un Outes que chegaba con moitas baixa, con 13 xogadores e 5 xuvenís (un deles lesionouse ademais no quecemento). Buscou un fútbol máis directo o cadro de Zalo, e comezaba apretando con balóns arriba. Marcou pronto o filial tras unha xogada por banda, pero pronto o cadro de Geno empatou nun córner ante a pasividade da defensa local. Repúxose ben o Sofán B e de aí ao descanso foi un choque igualado, de moita disputa e moito segundo balón, cunha ocasión clara de Adrián Fraga.

Na segunda, Intentou meter o filial ao Sofán ao Outes na súa área, pero o choque comezouse a abrir, e na parte final xogouse na área visitante. Aí, ameazou Rubén con dous tiros, e os carballeses pediron un penalti sobre Rubén e protestaron un gol anulado por unha falta anterior.

Corme - Zas (4-3)

  • Corme: Quique, Eloy, Álvaro, Joshua, Aitor, Senén, Brais Pailos, Borja Torrado, Lucas, Isra e Samu Costa. Tamén: Adrián Suárez, Hugo Paredes, Teo, Martín e Xoel.
11 do Sporting Zas o Cairo
  • Zas: Pereiras, Moha, Adri Rama, Joel, Pablo Fuentes, Juan TOuriñán, Darío, Ronny, Redondo, Álvaro Fari, Andrés. Tamén: Iván, Martín Novo e Adirán González.
  • Goles: 0-1, m.9: Darío; 0-2, m.12: Redondo; 1-2, m.17: Isra; 2-2, m.31: Isra; 3-2, m.43: Lucas de penalti; 4-2, m.65: Brais Pailos; 4-3, m.78: Adri Rama.

Partido de tolos no Cairo coa salvación en xogo. O cadro local saía despistado e en 12 minutos o Zas colocábase con 0-2 aproveitando dous ocos na defensa do Corme. Primeiro foi Darío quen abriu o marcador, e pouco despois chegou o 0-2 nun centro de Juan ao segundo pau que Redondo rematou para ampliar a vantaxe.

Pero, ese segundo tanto lonxe de consolidar aos visitantes, tivo un efecto contrario: o Zas sufriu un baixón anímico e o Corme colleu impulso, medrando co paso dos minutos e asumindo o mando do encontro. As internadas de Isra comezaron a facer dano ás costas da defensa, xerando perigo e metendo ao Corme de cheo no partido. Esa insistencia tivo premio e os locais conseguiron culminar a remontada antes do descanso, coa igualada e cun terceiro gol que chegou tras un penalti cometido sobre o propio Isra e transformado por Lucas. Aínda, antes de pechar a primeira metade, o Corme pedía un cartón vermello Joel cando agarraba a un cormelán que se encataba a Pereiras.

Zas-Corme no Cairo. Foto-Sp

Tralo paso polos vestiarios, o guión mantívose nun inicio de segundo tempo tamén moi trabado e con moito mediocampismo. Nese contexto, o Corme ampliou diferenzas co 4-2 nun córner ao segundo pau, unha acción que volveu penalizar ao conxunto zasense.
Co partido costa arriba, o Zas moveu ficha, modificou o esquema e asumiu máis riscos, acumulando xente en campo contrario na procura do empate. Esa aposta tivo recompensa nun novo córner, tamén ao segundo pau, que serviu para recurtar distancias e dar ese último empuxe aos visitantes nos minutos finais. Aínda así, o Corme soubo pechar filas con oficio, xestionou ben o tramo decisivo e apenas concedeu ocasións claras ata o pitido final, asegurando unha vitoria de enorme valor nun duelo directo na parte baixa.

Soneira - Malpica (3-1)

  • Soneira: Dono, Maikol, Cristian, Gusa, Adrián, Mario, Brais Pereira, Cachi, Pichi, Richi e Vía. Tamén: Brais Lema, Jose, Javi, Nico e Yago.
  • Malpica: Suso, Saúl, García, Damián, Cristian, Raúl, Isaac, Fran, Aday, Mara e Chicha. Tamén: Joel, Anxo, Aitor, Chucho e Brais Calvo.
  • Goles: 0-1, m.13: Aday; 1-1, m.57: Vía; 2-1, m.64: Vía; 3-1, m.87: Maikol.

Ambos necesitan puntuar para sair desa zona baixa, ainda que o Malpica algo máis tranquilo. Empezaba ben o Malpica e nos primeiros tramos do partido marcaba Aday un golazo de cabeza. Despois collería as rendas do xogo o Soneira, que practicamente dominou todo o partido. Suso, aos seus 49 anos, fixo 3 paradas de auténtico crack antes do descanso.

Na segunda parte máis do mesmo, cun Soneira envorcado ao ataque e un Malpica que non se encontraba, tamén pola baixa de Diego por molestias e de Luís que pinta para unha longa temporada… e a sancioó de Saydou. Conseguía empatar Vía, e facer o segundo, este protestado polos malpicáns por posible fóra de xogo. Quedaban os locais con 10 e o Malpica intentou reaccionar, pero nunha contra, Maikol sentenciou.

Todas as crónicas da 2ª FUTGAL

Máis información<