Luns. 06.05.2024
El tiempo

O BNG de Laxe pediu “a confianza da veciñanza para abrir un tempo novo de progreso”

FOTO MITIN BNG LAXE
O BNG de Laxe pediu “a confianza da veciñanza para abrir un tempo novo de progreso”

Ateigado mitin central da campaña o realizado polo BNG de Laxe esta fin de semana no Áncora Taberna. A eurodeputada, Ana Miranda, e o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, arrouparon ao candidato do BNG á Alcaldía, Xosé Manuel Pose, que pediu onte a veciñanza o seu voto para abrir un tempo novo en Laxe “de futuro e de esperanza” tendo por primeira vez na súa historia un alcalde do BNG.

“Desde hai 40 anos en Laxe gobernaron sempre os mesmos: 16 anos o PSOE e 24 anos o PP, e o resultado está a vista de todos e de todas vós, penso, de corazón, que este 28 de Maio é o momento de facer algo diferente. De facer que, por primeira vez na historia, Laxe teña un alcalde do BNG, penso, de corazón, que toca avanzar da man do BNG, abrindo un tempo novo, de futuro e de ilusión neste concello, por iso, coa cabeza e co corazón, quero pedirvos o voso apoio e voso voto o próximo 28 de maio”, sinalou.

“Todos e todas queremos que Laxe avance, que vaia a máis e penso, o digo con humildade pero con moito orgullo, que no BNG temos o mellor equipo e temos o mellor programa de goberno para conseguilo, para conseguir un concello mellor para todos e todas”, proclamou, “un Laxe dinámico, vivo, activo, no económico, no social, no cultural”.

Na súa intervención expuso as prioridades de goberno para acadar un Laxe “con máis benestar social, que coide dos nosos maiores, porque son parte fundamental da nosa comunidade, pero tamén un Laxe que ofreza oportunidades de futuro á xente moza; un concello que protexa o noso riquísimo patrimonio natural, empezando polas nosas praias, para que podamos seguir desfrutando dese privilexio hoxe e mañá”, subliñou.

Tamén fixo fincapé en construír “un Laxe máis integrador, participativo e democrático no que os veciños e veciñas, sexan os principais protagonistas, en definitiva, queremos construír un Laxe mellor, empezando por lograr que o noso concello funcione nas cousas do cada día, esas que fan que as nosas vidas sexan máis cómodas e confortables”.

Limpeza, reordenación do tráfico, acabar coa saturación de coches, plan de mellora de todas as estradas, servizos de calidade e acabar coa discriminación das parroquias, entre as prioridades.

Comentarios