Relevo Xeracional no mar en Malpica: "Por mor das cotas, tes un barco para ir á pescada e acabas apartando dela”
Cada vez hai menos barcos, e cada día son máis os armadores que teñen dificultades para xuntar tripulacións. De feito, hai embarcacións que están saíndo a traballar con menos tripulantes dos habituais.
Son varias as causas que levan ao declive dun dos sectores máis importantes non só da nosa economía, senón tamén da nosa cultura. Pero os expertos coinciden en sinalar dúas como claves: as cotas que a Unión Europea concede a Galicia (a cuarta potencia pesqueira de Europa a décima en termos globais); e o exceso de burocracia.
Perda de poboación
As comunidades costeiras non escapan, por suposto, da perda poboacional do rural galego. Cada son máis as xentes que marchan das aldeas ás vilas, ás cidades. “Ante a falta continua servizos, os pueblos perdemos poboación. Ademais, a baixada da natalidade tamén provoca que non haia tanto relevo familiar, pois nas familias que antes tiñan 3-4 fillos sempre había algún que acabaría herdando o barco; agora, con 1-2 fillo, é máis complicado atopar o relevo”, explican dende a Confraría malpicá. “Os fillos antes eran man de obra, unha inversión; agora son un gasto, posto que antigamente só quedaba saír da escola e ir traballar ao non ter tan fácil o acceso á educación por ser esta de maior custe e a xente de agora ter máis recursos”.
Unha situación que se complementa coa imaxe que lle temos dado ás novas xeracións do mar. “Non hai xente para ir ao mar. Á xente nova dalle pouco de atractivo botarse ao mar. Prefiren estudar e ter un traballo en terra máis descansado".
Todo isto repercute noutra situación importante, a caída das lonxas locais. "Fomos perdendo competencia debido á baixada de cota, o que provoca que haxa menos produto de certas especies na lonxa local, provocando unha concentración de produtos nas lonxas máis grandes onde se xuntan máis compradores, o que supón máis gastos para as embarcacións, mariñeiros e compradores, xa que teñen que desprazar barcos e transporte, aumentando gastos loxísticos. A maiores quilos, ás veces é máis fácil quitar o produto e atraer grandes compradores conseguindo un equilibrio entre as peixeiras locais e outras grandes empresas".
En todo caso, dende a Confraría recoñecen que “en Malpica por sorte, temos un relevo xeracional bastante afianzado, en canto ás embarcacións. Estanse facendo embarcacións novas, e é certo que moitas veces a través das familias”.
As cifras de Malpica
Actualmente a confraría de Malpica conta con 232 afiliados, lonxe dos 600 que acadaron en 2011 ou dos 400 de media que tiñan na década dos 2000.
Se ben o sector do marisqueo parece que sobrevive algo, pero non moito, mellor (dos 30 mariscadores a pé de 2005 quedan hoxe en día 20 percebeir@s activos), a flota pesqueira segue baixando. No 2005 había 88 embarcacións amarradas no porto malpicán; hoxe 56. Un total de 110 marcharon da confraría entre 2002 e 2021 por vendas e/ou desguaces, pero na súa maioría, desguaces.
Os “desguaces”
E precisamente aí é cando as administracións non axudan, e parece que invitan a pechar negocios en vez de mantelos. “Aínda que é necesario renovar a flota e adaptala, as primas non axudan a manter a actividade, pois a primas dos famosos “desguaces” para paralizacións defintiivas son maiores canto menor é a eslora do barco”. É dicir, “se estás embarcado nun barco que fose a desguace, como traballador se cumprías unha serie de requisitos dábanche un pago de arredor dos 12.000€ polo desguace ó quedar sen traballo, sempre e cando estiveras un ano sen volver a empregarte no mar”, explican.
As Causas: As Cotas e os TACS
As baixas cotas que a Unión Europea concede á flota galega é a principal causa, segundo boa parte dos expertos, da caída do sector. “As cotas son absolutamente insuficientes. Os barcos pequenos están sometidos a cotas coma se fosen barcos enormes. Levamos anos loitando para que nos recoñeza como pesca artesanal en Europa ás embarcacións pequenas”, pero a realidade é que as políticas pesqueiras europeas non dan concecido esta definición.
Pon datos: “Un barco das betas, que vai á pescada, ten unha cota 10.000 kg de merluza ao ano; a un prezo medio, "con sorte", a 2,5-3€, ponlle que sacas 25.000-30.000€ ao ano, ao que hai que restarlle todos os gastos, e tes que repartir entre 4 homes… É certo que tamén vas a outras especies, pero non dá para nada”, explica. “Tes un barco para pescar pescada e acabas apartando dela”, lamenta, sinalando que as embarcacións do cerco tamén teñen unha cota insuficiente.
Sinala que isto repercute nas condicións laborais. A pesar de que os prezos aumentaron lixeiramente nos últimos anos, a menos cotas, péscase menos, polo que hai peores soldos”, explica, dando conta de que normalmente as tripulacións cobran “a la parte”, facendo a conta semanal ou mensualmente. “Unhas semanas volves moi ben para casa, pero outras semanas hai mal tempo e non levas nada”.
Comunidades de estranxeiros
En Malpica dende hai anos hai unha certa comunidade de estranxeiros que ronda o 10% dos afiliados, pero que é completamente necesaria para completar as embarcacións. Historicamente foron peruanos os que embarcaron no porto malpicán, pero ultimamente hai máis senegaleses, xente nova, que se asenta na vila formando ademais as súas familias. Os indonesios son tamén cada vez máis habituais nas nosas embarcacións.
Exceso da Burocracia
Varela entende que as administracións deberían “poñer máis fácil os trámites para poder embarcar, en canto a titulacións e permisos”. Refírese aos posibles nov@s mariñeir@s locais pero tamén, por exemplo aos indonesios: “Teñen que facer un curso de capacitación, e só poden vir cun precontrato xa enviado, tras unha serie de trámites burocráticos bastante engorrosos”, explica. “Podes pasar varios meses para conseguir que veña un traballar… e ademais co covid está todo máis lento”, ata o punto de que “varias confrarías e varias asociacións enviamos un escrito para facilitar a inmigración.
Falta de visibilidade
Do mesmo xeito, Varela entende que hai pouca visibilidade da necesidade de postos de traballo no mar. "Hai cursos da Consellería, pero non damos chegado á xente, fai falla á promoción. Habería que implicar aos Concellos, aos servizos de emprego municipais… unha maior colaboración coas confrarías para poder conseguir formar máis xente nova".
"Non é complicado coas tecnoloxías actuais e de feito levamos anos colaborando co noso concello neste eido e publicando os nosos cursos nas súas redes cando así llo solicitamos", apuntan. "No noso caso temos un grupo de whatsapp a través do teléfono da empresa (881982720), onde poden enviarnos o seu cv e o habitual é que en menos de unha semana, esa persoa estea xa embarcada e traballando. É dicir, hai futuro no mar se entre todos o valoramos e coidamos".
A necesaria obra do porto malpicán
Zona onde Portos non permite o paso de trafico pesado
Hai unha circunstancia local que inflúe directamente nas embarcacións do cerco, e que pode provocar o peche da lonxa do cerco. O recente peche do vial que transcurre pola dársena malpicá, condena a que estes barcos non poidan vender na lonxa de Malpica, xa que os tráilers son a única vía que teñen para acceder ó porto, estando á espera de que Portos de Galicia tramite por vía de urxencia a obra de reforma e habilite un paso provisional, cuestión que de non facerse antes do verán, condenaría a este sector e á confraría, á ruína.
De feito, explican dende a Confraría que levaban "un enorme camiño andado despois de endereitar a situación cuns 400.000€ de débeda e estando actualmente en 190.000€ e medrando en todos os sentidos, pero agora que é cando necesitamos manternos e seguir medrando, recibimos esta mala noticia que pon en serio risco non só a Confraría, senón os empregos no mar xa que hai 14 embarcacións do cerco que xeran preto de 150 postos de traballo directos e outros centos máis de forma indirecta".
Non realizar esta obra, conleva que os compradores teñan que utilizar medios de transporte máis lixeiros para acceder por outra vía, o que repercute nos seus gastos e tamén afecta ós prezos na poxa.
AS MULLERES NO MAR, O ESLABÓN IMPRESCINDIBLE
Dende o pósito malpicán, tamén no eido da formación, din que levan contactando co sector das redeiras e atadeiras e as distintas asociacións que teñen na localidade, propoñendo ceder as súas instalacións para levar a cabo cursos de formación e ter relevo xeracional ao ser un eslabón imprescindible. Neste eido, están realizando xestións coa Consellería de Traballo por se é posible levar a cabo un curso ao igual que se realizou en Sada.
Contan que a maioría das veces o persoal é insuficiente, co cal os barcos teñen que permanecer á espera da reparación das redes e aparellos, polo que axudaría a crear emprego, facilitar a empoderación da muller na zonas rurais e costeiros e tamén desenvolver unha actividade económica que repercutiría no concello, ao ser a pesca o principal motor económico.
Por úlitmo, neste senso a Confraría ten importantes proxectos para o 2021, pero que tras o xurdimento do Covid-19 e o peche do vial, corren risco de levarse a cabo.
Novas sobre a Pesca artesanal
- 2020 en Malpica: “O mar necesita cotas xustas que permitan que as empresas sexan sostibles” .
- Xuño 2020: As obras do porto de Malpica seguen a medias.
- 2019: O Fondo Europeo Marítimo e da Pesca esquece a pesca artesanal galega.
- 2018: 4 visións costeiras da visita da pesca artesanal galega ao Parlamento Europeo.
- Outubro 18: “Queremos que Europa trate dun xeito diferenciado á pesca artesanal deixándonos fóra do TACs e as cotas”.