xoves. 28.05.2026
El tiempo

Muros acollerá a XI Gala do Fútbol da Costa-QPC

Presentacion Gala Futbol da Costa-QPC Muros 2026
Muros acollerá a XI Gala do Fútbol da Costa-QPC

Esta tarde, o equipo de QPC presentou no Salón de Plenos do Concello de Muros, a XI edición da Gala do Fútbol da Costa-QPC. Acompañados por - María Lago, alcaldesa de Muros; Damián Torea, Concelleiro de Deportes do Concello de Muros; Pablo Prieto, presidente da Real Federación Galega de Fútbol; Xosé Manuel Pensado, da ONG Egueire; Vinto Tajes, presidente da Asociación de Clubs do Fútbol da Costa ASFACOS; e Bibi, representante dos Miúdos; os membros de QPC Alberto Pose e Óscar Leis debullaron os detalles desta nova celebración que servirá para pechar o curso futbolístico 2025/26. 

Foi Alberto Pose o que deu os datos principais, agradecendo a colaboración do Concello de Muros, da Real Federación Galega de Fútbol, de Asfacos, da ONG Egueire e das Escolas Deportivas dos Miúdos: 

  • A cita será o venres 12 de xuño ás 20:30h no Centro Cultural e Xuvenil de Muros.
  • Serán máis de 40 os premios que repartirán entre os equipos das 4 categorías do fútbol masculino e as 2 do fútbol feminino sénior.
  • Coma sempre, os trofeos serán os prezados balóns da Olería de Buño, feitos polo Taller Feituras, demostrando tamén a nosa promoción dunha artesanía comarcal centenaria.

Cartel Gala PREMIOS FUTBOL DA COSTA_2026

Alberto agradeceu a colaboración dos patrocinadores, que fan posible estes eventos que sirven de punto de encontro do noso fútbol, e que vertebran a comarca, de Malpica a Carnota, de Carballo e Muros, a través do deporte:

  • Maquisaba
  • Saunier Duval
  • Restaurante Álvaro de Muxía
  • Autocares J. Pombo
  • Restaurante Praia das Lanchas de Muxía 
  • As Baleas de Cee, Olveira e Muxía
  • Albañilería Esteban Blanco
  • Apligasa
  • Artio
  • Cristalería Vilas
  • Ramacar
  • Máis Deporte Cee
  • CMA Construcción
  • Muebles e Colchonería Carrasco
  • O Moncho Burguer de Lira
  • ASFECO 
  • Iván Vilanova & Insua
  • Cociñas JOCAR

Foi Óscar Leis o que foi debullando os detalles e dando paso aos invitados, e deixando claro que a meirande parte dos premios (á excepción dos pichichis e os Premios Pombo) son escollidos a través dunha votación de case 100 persoas dos nosos clubs.

Falaron a alcadesa e o concelleiro de Deportes de Muros, María Lago e Damián Torea, coñecido como "Kajulo" no mundo do fútbol coteiro. Lago destacou a importancia do fútbol no concello muradán, e o destacado papel do fútbol feminino. Pola súa parte e Kajulo recoñeceu a alegría de acoller un evento de tal magnitude para un deporte que leva tan dentro, e viu como moi positiva que a Gala vaia rotando polos concellos da comarca para podermos disfrutar non só sobre o céspede.

Tamén valorou a actividade que se realiza a través do noso fútbol da Costa, que "lle dá vida" ás nosas vilas, o presidente da Real Federación Galega de Fútbol, Pablo Prieto.

Axudando a Costa de Marfil

Foi Xosé Manuel Pensado o que explicou o proxecto que está desenvolvendo a ONG costeira Egueire en Costa de Marfil, e no que está colaborando QPC. Xa o Torneo Solidario deste Nadal serviu para recadar fondos para a construción dun comedor escolar nun cole de Ebunou, unha vila costeira do sur de Costa de Marfil. Desta volta volveremos vender rifas e sortear certos elementos de artesanía africana para seguir axudando de Costa a Costa. A Fila 0 aínda está aberta, por certo! ;-)

E aí, os Clubs da ASFACOS queren tamén poñer o seu grao de area, e como explicou Vinto Tajes, a resposta dos clubs cando lle pediron a doazón dunha camiseta para sortear, foi mo iben acollida. 

Afiou Vinto agradecendo as iniciativas coma estas arredor do Fútbol Costeiro, recoñecendo que se non se fixeran, a comarca sufriría un incómodo silencio.

Máis novas

REPASO DAS GALAS


 

Comentarios