Sábado. 27.04.2024
El tiempo

Martín Varela tamén gaña en Canadá e EEUU e segue camiño Londres 2012

Martín Varela tamén gaña en Canadá e EEUU e segue camiño Londres 2012

Non para Martín Varela e xa gaña torneos internacionais. O cormelán, integrante da sección de deporte para discapacitados A.D. Cempés, participou nas dúas últimas semanas no Torneo Internacional de Canadá (celebrado en Montreal) e no Torneo Internacional PTR (celebrado en Hilton Head, California, EEUU).

Martín, a pesar do alto nivel, quedou campión en Canadá pero non puido superar de novo ao catalán Kiko Tur, o número 1 español, en EEUU. Así e todo volta cargado de puntos na súa carreira ata Londres 2012.

Torneo en Montreal

Do 6 ao 11 de setembro Varela competiu en Montreal, no Torneo Internacional de Canadá. O alto nivel do torneo fixo que Varela non entrase no primeiro cadro da competición, a pesar de ter un bo ranking. Desta forma o cormelán marcábase como obxectivo neste torneo intentar alcanzar as semifinais e loitar por un posto na final do segundo cadro.
No primeiro partido enfrontouse ao xogador canadense Jean-Paul Melo, ao que puido superar con relativa facilidade por un 6/0 e 6/1. Na seguinte eliminatoria xogou ante outro canadense; nesta ocasión a pesar do avultado do resultado, 6/0 e 6/0, o partido foi máis duro do esperado xa que moitos xogos tiveron que decidirse tras moita igualdade. Con estes resultados o cormelán plantábase na final do segundo cadro do torneo, de forma que se aseguraba sumar uns importantes puntos para o seu ranking.

Na final xogou ante o suízo Yann Avanthey, que ocupa o posto 82 do ranking internacional. Varela realizou un gran partido e puido superar ao suízo nun duro partido que chegou ao terceiro set para decidir o vencedor. Martín Varela venceu por 3/6, 6/4 e 6/1.

Torneo en EEUU

Tras este gran resultado en Montreal, o cormelán viaxou a semana seguinte ata California, concretamente a Hilton Head, para disputar o Torneo Internacional PTR. Nesta ocasión, grazas aos puntos conseguidos en Montreal, Martín conseguiu entrar no primeiro cadro do torneo onde competían moitos dos vinte mellores tenistas do mundo en cadeira de rodas. O sorteo non favoreceu nada a Varela que tivo que enfrontarse en primeira rolda ante o outro español do torneo, o catalán Kiko Tur (nº 33 do mundo).

Ambos os xogadores coñécense á perfección polo que ambos sabían do xogo do rival. Martín realizou un gran partido, vencendo no primeiro set por 6/4 pero o catalán apertou e Varela acabou perdendo os dous seguintes sets por 4/6 e 1/6. Desta forma o cormelán pasou a disputar o cadro de consolación, pero o sorteo non lle volveu a favorecer e tivo que enfrontarse en semifinais ao xogador máis forte da consolación, o australiano Adam Kellerman (nº 60 do mundo).
Martín Varela mostrou que está a un gran nivel e a punto estivo de superar a Kellerman tanto no partido como no ranking pero pequenos fallos nos peores momentos do partido fixeron que Varela perdese por un ajustadísimo 6/3, 5/7 e 6/7.

Camiño Londres 2012

Martín Varela actualmente ocupa o posto nº 63 do ranking internacional e con esta xira americana segue na súa loita para clasificarse para as Paraolimpiadas de 2012 en Londres. Por iso Martín quere agradecer o esforzo que realizan os seus colaboradores, o colectivo "Con V de Valarés", Apligasa, Deceuninck e a colaboración da empresa de Malpica de Bergantiños "Obras Ramón Cotelo" que coa súa achega fixo posible que Martín puidese competir nestes dous torneos en Canadá e Estados Unidos.

Vindeira cota

O cormelán regresaba o pasado martes 20 a casa e descansará uns días, tras os cales volverá aos adestramentos. A seguinte cita será en Francia do 10 ao 15 de outubro.

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa de Esteban Varela.

Comentarios