O cormelán Martín Varela, entre os 80 mellores tenistas en cadeira de rodas do mundo


O seu mito non para de crecer. O cormelán Martín Varela alcanza o número 2 do ranking nacional e o 80 do internacional tras un agosto cargado de competicións internacionais. O integrante da sección de deporte para discapacitados A.D. Cempés, vén de completar un duro agosto cargado de competicións internacionais onde competiu ante xogadores que ocupan os primeiros postos do ranking internacional.
Para iso Martín segue contando cos apoios do colectivo "Con V de Valarés", Apligasa, Deceuninck e este mesmo agosto recibiu tamén a colaboración da empresa de Malpica de Bergantiños "Obras Ramón Cotelo" que coa súa achega fará posible que en setembro Martín poida competir en dous torneos en Canadá e Estados Unidos.
Duro, pero positivo, mes de agosto
En agosto Varela competiu no Open Internacional de Miranda de Ebro, no Open Internacional ATH en Bélxica e no Open Internacional della Molle en Turín (Italia).
En Miranda de Ebro alcanzou as semifinais individuais onde caeu ante o catalán Kiko Tur (nº 32 do ranking ITF).
En Bélxica alcanzou os cuartos onde caeu ante o nº 20 do mundo por 6/2 e 6/3. En dobres facendo parella co aresano Illobre alcanzaron as semifinais do torneo.
Para rematar, entre o 23 e o 27 de agosto participou en Turin no Open Internacional della Molle, onde caeu ante o italiano Fabian Mazzei (nº 21 do mundo) por 6/3 e 6/4.
Subindo postos no ranking cara Londres2012
Con estes resultados o cormelán recupera o posto nº 2 do ranking nacional que perdera a finais da tempada pasada debido á lesión de ombreiro que lle impediu competir na última parte da tempada anterior.
Ademais alcanza o posto nº 80 do ranking internacional ITF, sendo o segundo español mellor situado despois do catalán Kiko Tur e segue na súa loita por alcanzar a clasificación para as Paraolimpiadas de Londres 2012.
Vindeira cita
Sen tempo a descansar, este xoves día 1 de setembro, o cormelán comezaba a súa participación no Open Internacional Vila de Xetafe.
Máis información
Novas relacionadas
- Martín Varela segue gañando torneos coma puños.
- Martín Varela campión do Open de Oviedo.
- Martín Varela segue colleitando triunfos e patrocinios para chegar a Londres 2012.
- Martín Varela, subcampión de España.
- Martín Varela leva á Selección Española á súa mellor posición nunha Copa do Mundo.
- Un cormelán na Copa do Mundo.
- Martín Varela preparou a Copa da Mundo en Marbella.
- Martín Varela continúa cun comezo de campaña ilusionante.
- Martín Varela escríbese con V de Valarés.
- Martín Varela comeza a temporada internacional cun triunfo en Italia.
- Martín Varela inicia, sen patrocinio, a tempada de tenis en cadeira de rodas 2011 en Italia.
- O Festival ConVdeValarés asina coa Axenda SON da Estrella Galicia e completa o cartel.
Fonte
- Nota de prensa de Esteban Varela.