xoves. 08.05.2025
El tiempo

As Letras fanse arte no Couto

As Letras fanse arte no Couto
Festiletras 2015-Pazos de Merexo e Xurxo Souto

Un ano máis, toda Galicia puxo o ollo nunha pequena aldea bergantiñá de apenas 90 casas na semana das Letras Galegas. A pequena aldea do Couto, en Ponteceso, segue afianzándose como centro cultural en materia galega tan importante como vilas como Santiago de Compostela, gracias á comprometida labor dos seus veciños, e membros das organizadoras do Festiletras, a Fundación Eduardo Pondal e a A.C. Montebranco.

Festiletras 2015-Luis Davila cultiva letras no Couto

Un Festiletras, que na súa 33ª edición, arrincaba dun xeito moi emotivo e mesmo con boas risas, e que continuaba cun nivelón de primeira, con nomes de verdadeiro prestixio, como Luís Davila cos seus debuxos, Yolanda Castaño cos seus poemas, Anxo Moure cos seus libros, Manuel Rivas e César Freiría con boas historias, Pinto d’Herbón e o Caruncho en clave de regueifa… Ou Xurxo Souto e Pazos de Merexo que trouxeron os seus acordeóns para facer festa, con algo de comer, na Taberna Agra de Mares, onde se debaten as verdadeiras letras entre Lusco e Fusco.

Noite fermosa a do venres cos baieses de Badius Teatro, que encheron de risas a Casa dos Veciños ca súa nova obra Frankenstein. Arroupados por numerosos amigos, tamén os veciños pontecesáns quixeron ver como medra o grupo de teatro afeccionado máis lonxevo da volta.

Festiletras 2015-Badius Teatro con Frankenstein

Xa o sábado tiña parada Larpeira no entorno privilexiado do Pazo de Sergude en Xornes, con Benigno Lago, co que aprendemos moitas cousas doces, como previa da gran noite, esa que unía ante un ateigado público, a Amancio Prada con Guadi Galego. Calurosa a acollida dos veciños costeiros a unha Guadi que xa nos contaba que “as letras galegas xa non son se non hai Festiletras”.

Era xa domingo das Letras, día especial para lembrar a Filgueira Valverde, e dar o último salto á piscina cultural do Couto. E empezaba polo Esteiro do Anllóns, e con quen mellor que co ornitólogo Xosé Luís Rabuñal Patiño, unha das figuras desta ciencia a nivel internacional, que tanto ama e difunde esta parte do noso litoral.
Paralelamente a exposición cultural na Fundación, a Lareira da Lectura e a feira de artesanía bulían cos cestos e outras artes.

Festiletras 2015-Roteiro Ornitoloxico polo Anllons Festiletras 2015-Lareira de Lectura Festiletras 2015-Feira de Artesania no Couto Obradoiro de cesteria no Couto

Aparecía no escenario outra das máis importantes da canción galega, como é Uxía, co seu proxecto literario e musical María Fumaça, asinando libros e falando cos máis pequenos, antes de que o Cé Pantasma sacase a súa orquestra unipersoal, e de que os Xosé Touriñán e Marcos Pereiro puxesen o traxe das Cantareiras de Ardebullo para sacar os festisabores antes de xantar no cabazo da Fundación.

Festiletras 2015-Uxía asinando o seu María Fumaça Festiletras 2015-As Cantareiras de Ardebullo no Cabazo da Fundacion Eduardo Pondal Festiletras 2015-No tren Festiletras 2015-Musica e festa na capra

Pola tarde saíu o tren turístico polo roteiro pondaliano, co lema “Volvendo de lonxes terras” e pequenos e maiores non dubidaron en montarse. E xa, case de noite, o grupo folk Samarrúas, acompañadas polas pandereteiras de Adro de Baio, puxeron o broche de ouro a 8 días de vertixe cultural “senporsen” galega.

Samaruas puxeron o broche ao Festiletras 2015

Ah, por certo, que nós tamén quixemos participar na campaña proposta polo blog viaxeiro Equipaxedeman, con ese hastag #AdeusTwitterAdeusFollowers.


Novas relacionadas

Máis novas do Couto

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).

Comentarios