Domingo. 06.10.2024
El tiempo

O TSXG anula a Declaración de utilidade pública da repotenciación do Parque Eólico de Corme

  • É a primeira vez que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia anula unha declaración de utilidade pública para un proxecto eólico cuia autorización xa fora anulada
Parque-eolico-de-Corme-Foto-Contrainformacion
O TSXG anula a Declaración de utilidade pública da repotenciación do Parque Eólico de Corme

Aló por marzo de 2020, en pleno estado de alarma, desenvolveuse as obras de repotenciación do Parque Eólico de Corme. Todo despois de anos de impagos, denuncias, acusacións cruzadas… provocando ademais unha desfeita medioambiental sonora que culmina con 3 auténticos xigantes erguidos enriba da fermosa vila mariñeira.

Hoxe é nova a repotenciación, pois é a primeira vez que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que xa anulara a autorización da Xunta en 2021, anula unha declaración de utilidade pública para un proxecto eólico. Unha Declaración realizada pola Dirección Xeral de Enerxía e Minas, coa connivencia do exalcalde Lois Carballido, paso necesario para realizar unhas expropiacións coas que non estaba dacordo a veciñanza.

Por primeira vez, o alto tribunal pronúnciase sobre a declaración de utilidade pública (DUP) do proxecto dun parque eólico cuxos permisos foron anulados polo propio tribunal e entende que debe decaer tamén esa declaración, pois subliña que “a privación singular do lexítimo dereito de propiedade vén condicionada por unha utilidade pública ou interese social, e estes predícanse non en abstracto, senón para finalidades concretas”. A Sala, formada por cinco maxistrados/as, destaca o “carácter instrumental e subordinado da DUP á existencia do proxecto que teña a nota de utilidade pública”, pois “non pode existir se non hai antes (ou coordenadamente) unha autorización para os proxectos enerxéticos”.

O alto tribunal galego sinala que, neste caso,“houbo un uso indebido do instituto da DUP e, en consecuencia, da expropiación, con relación a aqueles terreos que estaban conveniados desde 1997”, debido a que se someteu ao procedemento de DUP “uns terreos dos que a empresa dispoñía naquel momento (en base a un convenio que só dous anos máis tarde, e unilateralmente, decidiu rescindir a empresa)”. Ademais, decreta na sentenza que a tramitación da DUP infrinxiu o prazo de sometemento á información pública.

Foi un particular o que levou o recurso contencioso-administrativo ante o alto tribunal en contra do proxecto promoido por EDP Renovables España SLU. A resolución non é firme, pois contra ela cabe presentar recurso ante o Tribunal Supremo.

NOVAS RELACIONADAS CO PARQUE EÓLICO DE CORME

Comentarios