Juan José López Muñoz: “O espírito de reinventarse de CAVISA, non o faría unha empresa de fóra”
Para entender como se está afianzando a marca Terra Atlántica como imaxe de identidade empresarial, cómpre falarmos con proxectos asentados na terra, que pensan en clave Costa da Morte. Falamos con Juan José López Muñoz, natural de Santa Comba, e director xeral de Caolines de Vimianzo (CAVISA), empresa que, con 40 anos de historia, envía a imaxe da nosa comarca por medio mundo.
Falamos con el, recén saído dunha inspección da Xunta, da importancia das raíces tamén no eido empresarial, así como da “mala prensa” que ten a dia de hoxe a minaría en Galicia.
- QPC: Antes de nada, como vos está afectando o gromo vimiancés? Tocouvos algo directamente?
Aquí na empresa, de momento, toco madeira, apenas chegou. Temos un traballador confinado por ser contacto directo dun familiar, pero que deu negativo e está en corentena.
- QPC: Como está a vila? como a notas?
A verdade é que Vimianzo está desolado. Dá un pouco de pena.
- QPC: Bueno, indo xa ao gran. Como lle afectou á empresa este singular 2020?
Bastante. A finais do 2019 xa vimos que había unha freada, que probablemente xa se debía ao inicio do COVID. A partir de abril pegamos unha baixade de ventas en torno a un 25% de facturación. Tivemos que frear a produción.
Pero decidimos aguantar o que puidemos sen facer o ERTE, axustando á plantilla, e aguantando ca reserva, e agora estamos nas últimas. Se soubésemos que era 15 días ou 1 mes, aínda planificabas, pero quedar ligado un ano ás obrigacións do ERTE… Agora, ou recuperamos a facturación, ou ímola pasar canutas.
Vendemos para moitos sectores e un dos que pesa moito é o do automóbil (freos, pinturas…), que si pegou un frenazo, pero que parece que vai volver. O mercado da cosmética tamén baixou, por exemplo. Por outra banda, conseguimos manternos porque temos tamén un cliente que se dedica á cerámica, e como o sector da rehabilitación si que pegou un estirón, aí subimos algo.
Para o 2021 preveemos que vai haber unha subida. Non fai ser o 2019, será da orde do 2016. Pero esperamos que nos permita sobrevivir, xa non falamos nada de obter beneficios.
Pero agora afrontamos novos riscos como son os impagos, clientes teus que non poidan aguantar o tirón, co tema dos ERTEs, ICO… E ao ser en exportación aínda é máis complicado.
- QPC: O nivel de exportación que tendes é altisimo, non?
Nós exportamos o 70%. Por exemplo, México é un dos nosos mercados, e parece que vai ir cara arriba.
Minas de CAVISA en Baíñas
- QPC: Hai pouco tempo que a empresa tivo que dar un cambio á súa liña de negocio, aproveitando todas as materias que saen da mina. Como foi ese proceso de innovación e esa aposta pola economía circular?
A mina empezou en 1983, empezou para caolín papelero, que era moi valioso, o que agora vemos co litio. No 1986 xa se decataron que nos estériles había metales pero non había mercado. Pero xa houbo visión e se foron almacenando as micas… A partir do 2000 na fabricación de papel déixase de utilizar caolín, e a minaría do caolín foise ao tacho, e nós investgamos para vender caolín cerámico, sobre todo a Castellón.
Ata 2013-2014, que demos o gran cambio. Como iamos acabando recursos, buscando mercados por todo mundo para vender as micas, que antes eran estériles. A mica é un mineral fabuloso, que se utiliza en plásticos, pinturas, avións… e xa a tiñamos separada tanto na montaña de areas ao carón da planta. E resulta que esa mica, moscovita, é das mellores de Europa, moi boa para cosmética… Agora é o noso mineral principal, e representa o 60% da facturación. O caolín agora representa o 35% de facturación, e un 5% as areas, que resulta que, tras unha investigación, son fantásticas para as camas dos animais do sector gandeiro. Como anécdota, sempre conto que falei cun veciño noso de Santa Comba para probalas, mandamos mostras da area, lles encanta aos gandeiros, tanto que agora non damos feito area suficiente para a demanda que temos, afortunadamente.
Para facer a extracción con máis facilidade, xeramos un sistema de hidromina, lavando os taludes e traer o material por tubería, por bombeo, á planta.
En definitiva é unha aposta pola economía circular, pero é verdade que non é un ciclo perfecto, porque si que se necesita algo de caolín novo, para darlle un plus de calidade. Pero a idea é aproveitar absolutamente todo o que xeramos.
- QPC: Tendes proxectos en marcha de I+D?
Estamos con varios proxectos de Innovación e mellora, para coordinar investigación mineira e recursos, de mellora da planta, e na investigación nas aplicacións.
Estamos traballando na creación dun “Caolín procesado”, que podería substuír partes que ten o cemento, moi cuestionado actualmente a nivel europeo, pola pegada de carbono. Vaia, un proxecto para facer un cemento máis "eco".
En 2014 participamos nun proxecto de Loita contra a Marea Vermella, e actualmente estamos traballando na utilización de caolíns para reducir a carga bacteriana e de alga a explotacións acuícolas… Defender os polígonos acuícolas soltando unha cortina de arcilla activada de tal modo que a bacteria preferiría a arcilla que o peixe, e como a arcilla é material interte e inocuo, non reacciona e vai para o fondo. Deste xeito non habería que utilizar tanto antibiótico.
- QPC: Pero... en realidade, por que ten tan mala fama a minaría en Galicia?
Non o sei. Reconcómeme por dentro. Non coñezo nada máis mineiro que a nosa comarca… Titanio en Valarés, Caolín de Laxe, Wolfran de Santa Comba, o Monte Neme, o rotilo en Baíñas… no século pasado só había esta opción para quedar. Esta zona é singular niso. Ademais xeoloxicamente Galicia é singular; pasa en Chile, pero en poucos lugares se dá a variedade que temos aquí, que en dúas aldeas hai dous minerais, wolframio e estaño, e caolín, por exemplo.
Creo que moito vén a raíz da desfeita de Corcoesto. Penso que faltou falar máis, e ir buscando consenso, de maneira proactiva, tanto pola parte da empresa, como das administracións, dos grupos ecoloxistas… dos grupos de interese en xeral. O proxecto de Corcoesto era un proxecto interesante, con moito investimento, cunha técnica de altísima vangarda que poderíamos ter aproveitado. E se hai cartos poderíase meter todas as medidas de control, monitorear os riscos… Pero non fixo ese traballo de falar.
Pero é certo que a partir de aí, cambiou todo o tema. Dende esa, calquera cousa que fagas aínda que sexa como a nosa, minaría de baixo impacto, xa parece que estás matando nenos. E iso non sabes o que me corroe por dentro. É tan doloroso que digan de nós que explotamos sen xeito, porque estás sempre traballando para facelo mellor posible. Claro que tes riscos, pero tamén se es gandeiro se te poden escapar os xurros ao río.
- QPC: Igual o de Monte Neme tampouco axuda a mellorar a imaxe da minaría, esquecendo as labores de restauración da zona…
A restauración mineira xa está dende os 80 nas RSC, pero non se escoitaba ao resto do mundo.
No Monte Neme hai varios temas. No xacemento mineiro hai un dique de cuarzo, que non foi interesante hai anos, pero o mineral segue aí. As minas poden quedar paralizadas esperando polo mercado, tes que ir ano a ano, xustificando por que estás parado. Tes que vixiar a seguridade, claro. Algo parecido pasou con aquela mina de wolframio, que debíu ser restaurada en Santa Comba, e agora, 40 anos despois, volve verse que hai mercado e se volve a poñer en marcha.
En todo caso, Monte Neme paralizouse, e despois a Xunta caducou a concesión. Agora, a Xunta encargoulle a Tragsa a rehabilitación do espazo, e o seu coidado e mantemento da seguridade, sendo a comunidade de montes, que son as propietarios, os que terán que recibir a zona cando se restableza o “abandono”, en termos mineiros, a devolución á natureza.
- QPC: Pero entón, a zona do Monte Neme non é perigosa a día de hoxe?
As augas azuladas quere dicir que hai caolínes, é o reflexo do ceo na lámina do caolín, porque é un mineral que fai láminas. Non é en si mesmo contaminación, é caolín en suspensión, un material absolutamente inerte. Din que hai presencia de metais pesados, e iso non o sei. Nós, no seu día propuxémonos para axudar para reparar, porque temos experiencia na rehabilitación de balsas, lagoas e fincas.
- QPC: Por exemplo, na zona de Ogas?
”O 50% de Vimianzo consume auga de antigas balsas de CAVISA”
Das outras balsas, unha sumistra auga ao polígono de Vimianzo, outra é para captación contra incendios. Outro é un encoro noso, que utilizamos para controlar os vertidos de caolín para que non cambie as cores dos ríos. Outra balsa ofrecémoslle a Muxía que, está na zona máis cara Berdoias e como sempre problemas de abastecemento, porque se poden facer algo. E outra deixámola para fauna, porque aniñou unha garza, e agora non a tocamos.
E temos bos exemplos de rehabilitación de fincas, por exemplo, nun terreo no que dende 2014 estamos poñendo en valor facendo plantacións de castaños, de eucaliptos, e de cereais con trigo autóctono (xa tmos entre 5 e 7 hectáreas). Viñeron codornices, gorrións, perdices e detrás cos cazadores, e ata tivemos problemas. E intentamos facer estes proxectos a través de sinerxias con outros empresarios, puxémoslle as hectáreas á disposición dun agricultor especialista e co beneficio imos poñendo en valor outras zonas.
Lagoa restaurada nas antigas balsas de Cavisa en Ogas
- QPC: Cambiando o foco, e poñéndoo na comarca. Ti es de Santa Comba, e coma ti, practicamente todo persoal da empresa son da Costa da Morte. Iso é parte da esencia da empresa.
Para nós é moi importantem porque a nosa actividade está moi relacionada coa maneira de vivir co contorna. Todo o persoal é de aquí, e toda a xente está vinculada. E tamén o facemos a través de marcas co Terra Atlántica, e mesmo con BNI, que está facendo un traballo espectacular. Se non fosemos de aquí, ao primeiro problema, colleríamos e marcharíamos.
- QPC: Por que apostades por adherirvos á marca Terra Atlántica - Costa da Morte? Que lle pode aportar a unha gran empresa como a vosa?
Nos sacos temos os selos da marca TerraAtlántica, nas nosas tarxetas de visita, en todo o packaging… A marca territorio demostra e afianza de onde somos, porque neste tema o espírito de reiventarse desta empresa non o fai unha empresa de fóra. Faino unha empresa que quere aumentar a cadena de valor a esto.
Un dos nosos mercados fortes é Italia, porque a nosa empresa irmá é italiana, e din que soa forte o nome Costa da Morte. Ata que veñen e comproban todos os tesouros que temos.
Fumos a Bruselas a un grupo de traballo de minaría sostible, e nos presentaron como “Costa da Morte”, e un si que nos coñecía e xa fixo un eloxio da nosa zona, que describiu o noso paraíso.
Os sacos de Cavisa ca marca Terra Atlantica - Costa da Morte
- QPC: Por outra banda, levas 3-4 meses como vicepresidente da Cámara Mineira. Como o levas? Que proxectos tendes xunto ao novo presidente, o carballés José Lista?
Unha institución de dereito público, que serve para asesoramento das administracións. Os que estaban antes fixeron un traballo espectacular, reactivándoa. E agora que xa nos coñecen, toca lanzala, emponderala.
O obxectivo da nova executiva é ser máis activos, non asesorar só a Industria, se non tamén ao resto de Consellerías;
Tamén queremos buscar proxectos a nivel Europeo. Co espírito de Cavisa de economía circular, imos facer un Comité para buscar proxectos como de dixitalización, de trazabilidade de materias prima, planes de labores dixitais… O gran proxecto que me gustaría atopar é un Proxecto Europeo de Estudio das balsas de estériles de todos os socios, o que fixemos en Cavisa, que atopamos nas escombreras que nos deron 20 anos máis de vida.
Tamén buscaremos facer de mediador entre os proxectos mineiros e os Concellos. Como que está pasando en Santa Comba, ou en Laxe, onde a Cámara é un asesor do Concello.
- QPC: Hai varios proxectos na comarca nos que a Cámara está involucrada, como pode ser a musealización dun edificio mineiro en Santa Comba, ou a aposta por recuperar o legado mineiro de Laxe, no que de feito estiveches metido dende o principio.
Caolines de Vimianzo con Laxe ten moita relación. Isidro Parga Pondal xa o sabía. Xa hai moitos anos descargábamos en Laxe. Despois, con Corcoesto todo se veu ao revés. O Concello de Laxe quere poñer en valor a zona da mina, e a mina vella de Coéns, pensando nunha ruta de sendeirismo, a Ruta do Caolín. Propuxemos ao convenio a tres partes. A Camara pode asesorar ao Concello, e tamén ver de que xeito dende a Camara podemos axudar a conseguir financiamento. Xorde que nós, CAVISA, ocupámonos dos “pasivos mineiros”, os restos… e cando temos maquinaria libre, imos ata alí, e estamos limpando a montaña que hai ao lado do Escaravello. Fixemos a primeira fase o ano pasado, e este verán, aínda queda algo de material, cando veña a temporada seca, retomaremos. A idea é poñer en valor aquela finca, un proxecto moi interesante para o Concello, que abre o pueblo para ese lado, e solucionamos o tema de que se convertiu en escombreira.
Os propietarios, herdeiros de Parga Pondal, encantados co cambio.
Por outro lado, a “Casa da Mina” é do Concello de Santa Comba, Concello que se propón recuperar parte da súa historia mineira. Decidiron ir rehabilitando a casa, e cando comezou o proxecto de reapertura da mina de wolfram, pediu colaboración. Pola parte miña como veciño, e pola parte de Cavisa poderíamos colaborar na creación de paneis informativos, na difusións… pero eu creo que a musealización debería facerse abaixo, no museo do Pozo, por exemplo.
Hai pouco abriuse unha galería, que querían que fose visitable, pero non é sinxelo por seguridade. En Santa Comba hai cousas pequenas para facer unha zona moi interesante de recuperar.
- QPC: Precisamente algunha entidade medioambiental alertaba de que ese convenio podería implicar a creación dunha nova mina a ceo aberto en Laxe, baixo o supostamente chamado Proxecto “Jorge Reyes”?
”Jorge Reyes” é un proxecto noso. “Sebastián” e “Jorge Reyes” son dous permisos de investigacion, adxudicados da CAVISA en 2011. Están sobre os antigos xacementos da mina vella de Laxe ata Dombate, dende o eólico de Traba. Temos reservada esa zona para investigar o recurso, en concreto, caolín e micas.
En Dombate, as pinturas que hai dentro do Dolmen, están feitas en base a caolín, polo que hai indicios de que hai caolín. A día de hoxe a investigación é a través de fotografía área buscando betas. Con catas de mans, e nalgunha zona facemos sondeos de barrena continua, a 10-20-30 metros, buscando que haia cantidade suficiente e a calidade. Se sae algo presentaríamos proxectos de explotación, e de restauración, claro.
”Para min, a investigación, se tes permisos, non está mal. Eu pola miña conta investigaría todo, mesmo debaixo da Catedral. Outra cousa é explotar. No momento no que presenten o proxecto de explotación si que hai que alegar, para ir facendo o proxecto menos lesivo para a zona”
Queremos poñernos canto antes. Hai interese empresarial, pero co de Corcoesto tivemos que deixalo durmidos. Pero nós queremos recuperalo e facelo mellor posible. Ensinando o que facemos, abrindo a minaría ás escolas…
- QPC: E por último, outro asunto importante para o mundo da industria. Vides de armar un Plan de Igualdade.
Implantamos, de maneira voluntaria, o Plan de Igualdade, rexistrámolo na Xunta, e ata tivemos inspección. A día de hoxe, somos 35 en plantilla, e 9 son mulleres. Se contamos as subcontratas entran 2 mulleres máis. Tania Cotelo é a responsable da área.
Entre as accións, está por exemplo a adecuación dun antigo vestiario para sala de lactancia; ou a rehabilitación dunha antiga aula para darlle uso como comedor dos nenos. Pero co tema covid intentamos evitar as zonas comúns, a día de hoxe… Ademais fixemos unha estratexia de Conciliación, independientemente de ser mulleres ou home, con modificación de horarios a xornadas intensivas; facilitar o teletraballo…
Juan Jose López Muñoz e Tania Cotelo nunhas xornadas sobre minaría sostible
Novas de Terra Atlántica
- Terra Atlántica propón 3 programas para fomentar a gastronomía, o turismo e o consumo interno.
- Xullo 2020: A marca #TerrAtlántica achégase á artesanía.
- Abril 2020: Gerca adáptase á emerxencia sanitaria e crea máis de 1.000 soportes diarios coa marca "Terra Atlántica" .
- Outubro 19: A marca territorio “Costa da Morte - Terra Atlántica” continúa medrando dende o Faro Vilán.
- Setembro 19: A marca territorio Terra Atlántica xa suma a súa primeira vintena de entidades adheridas.
Novas relacionadas
- Outubro 2020: https://www.quepasanacosta.gal/articulo/santa-comba/falso-euro-battery-mina-castriz/20201014152411122561.html>”É totalmente falso que Euro Battery poida explotar níquel, cobre e cobalto na Braña de Castriz”.
- Marzo 2020: Piden á Xunta a restauración integral da explotación mineira do Monte Neme.
- Xullo 2019: Santa Comba creará un Museo da Minaría.
- Decembro 2018: Caolines de Vimianzo levanta a veda mineira na comarca de Bergantiños.
- Marzo 2018: A Cámara Mineira, Caolines Vimianzo e o Concello de Laxe apostan por recuperar o legado mineiro e xeolóxico.
- A Ruta do Caolín, con Eliseo.