Concello de Zas e veciñanza volven abrir a campaña de trampeo da velutina

Como fixeron esta semana concellos como Carballo, Cabana ou A Laracha, o Concello de Zas pon en marcha unha nova campaña de trampeo da vespa velutina coa colaboración da veciñanza. Onte, de feito, xa se repartiron unhas 75 trampas durante a presentación que tivo lugar no Centro Sociocultural de Zas.
Así, durante os meses de marzo, abril e maio, época na que as raíñas despertan do seu letargo invernal e comezan a facer os niños, colocaranse estas trampas. “Esta época é clave para loitar contra esta praga”, asegurou Isidro Rodríguez, reponsable da empresa Plaguiber.
A colaboración cidadá é fundamental por iso invitan a todas as persoas que pasen polo Centro Sociocultural de Zas en horario de mañá para recoller as trampas e colocalas preferiblemente en zonas onde haxa camelias. “O escenario ideal sería que o número de colaboradores se incrementase e que se reducisen o número de capturas, xa que iso sería un indicador de que a praga se está a controlar”. Os datos son cando menos alarmantes xa que só no 2021 capturáronse grazas á colaboración de veciños e veciñas de todo o municipio algo máis de 9.000 raíñas.
Segundo se explicou, a partir deste momento comezarán a aparecer os niños primarios, polo que os avisos para a súa retirada deben realizarse no número de teléfono 012, da Xunta de Galicia.
NOVAS RELACIONADAS
- Marzo 2022: Carballo invita a participar na campaña contra a velutina.
- Marzo 2022: A Laracha comeza unha nova campaña de trampeo contra a velutina.
- Xullo 21: Máis de 20.000 raíñas de velutina capturadas entre Camariñas e Zas.
- Xullo 21: Carballo remata a campaña de trampeo de velutina multiplicando por 3 as capturas de raíñas do ano pasado.
- Maio 21: Multiplícanse por 4 as capturas de velutina.
- Xuño 2020: Remata a temporada de trampeo, toca loitar contra os niños.
- Xuño 2020: Ratifican o aumento da presencia de Avespa velutina.
- Maio 2020: As campañas de trampeo demostran a expansión da avespa velutina.
- Pedro: “Os Concellos estamos atados para loitar contra a avespa velutina”.