xoves. 31.07.2025
El tiempo
Eva Patiño
08:00
30/07/25

Vivimos nunha folla de Excel

Vivimos nunha folla de Excel

O amor é un dato, a felicidade é unha gráfica, a tristeza é o erro #REF (cela non dispoñible, a miúdo porque se pegou outra enriba).

Todo se conta e nada se sostén.

O tempo dividido en celas e a vida medida en KPI (métricas que se usan no marketing para medir a efectividade das accións que se están aplicando)

Todo se mide, todo se conta, todo se rexistra.

O que chaman calidade de vida, se paras a observar, é só cantidade de experiencias.

Unha sociedade neurótica que nos obriga a ir contra nós mesmas, que nos impón aquelo que nos desconecta do humano, do esencial, das nosas necesidades máis básicas, para poñernos ao servizo dun sistema que nos precisa humanamente anestesiadas.

O traballo coma identidade.

O consumo compulsivo coma mostra do noso valor.

A fuxida do silencio cara un ruido social que nos dea visibilidade.

A desconexión emocional coma mostra de fortaleza e valor.

Pero o traballo é só supervivencia o non vivencia, o consumo é un paliativo contra a dor da falta de vivencia puramente humana, a visibilidade que nos dá o ruido social é só visibilidade exterior, unha visibilidade luminosa, tan luminosa que nos cega de mirar o esencial. E a desconexión emocional é a renuncia a ser humanas.

E como podemos sanar esa neurose? Eu digo que con desobediencia; pensar, coidar e ser. Estar presente para unha mesma e para as persoas que te rodean. Sanar con silencio, abandonar o ruido social para escoitar dentro dunha, mudar a folla de Excel por un caderno pequeno que entre no peto, saír con el e vivir, porque estar viva non é suficiente. Vivir humanamente, dun xeito sinxelo, silencioso case mudo. A plenitude escríbese cun lápis nun caderno, non cabe nunha cela e non ten fórmula matemática para sumala porque a vida non é unha sucesión de datos senón un continuo de ser.

A vida non se conta, vívese.

Máis artigos de Eva Patiño en QPC

 

Comentarios