Sábado. 20.04.2024
El tiempo
Lola Rontano
20:23
20/07/21

Mar de Cosmonautas

Xurelo 1981
Mar de Cosmonautas

“Río abajo, río abajo, río abajo:
A flor de agua voy sangrando esta canción
En el sueño de la vida y el trabajo
Se me vuelve camalote el corazón.
Jangadero, jangadero: Mi destino por el río es derivar…”

Canción del Jangadero
Jaime Dávalos/ Eduardo Falú
 


-Que fas? -pregúntame Lady Chorima inclinándose por riba da miña cabeza, no camarote grande (chamámolo así porque é unha habitación con vistas ao mar). 

Aberto sobre o escritorio, teño o volume número 10 (Oceanía, Polos e Océanos) de National Geographic e ao carón, A Esfinge dos Xeos, de Jules Verne, recén empezada. 

-Pois tratando de situar as illas que se nomean na novela: as Kerguelen (Illas da Desolación), Príncipe Eduardo e Tristán da Cunha. Ademais, estou a descubrir unha chea de cousas -respondo con entusiasmo, amosándolle os mapas-. Olla pra aquí… 

Nas páxinas dedicadas á cartografía mariña, os continentes figuran en negro e, coma se se tivesen desecado os mares e océanos todos, destacan os fondos submarinos cos seus relevos, mesetas, foxas e montes tabulares. 

-É como observar o mundo ao revés -dígolle-. Algunha vez viras un mapa así? 

-Semella Marte. Igual vimos de alí! A Esfinge dos Xeos é a segunda parte d’A Narración de Arthur Gordon Pym de Poe, verdade? -e engade, sen esperar resposta- Que era o Príncipe Eduardo, mecenas ou explorador? 

libros de jules verne e Allan Poe

-Boh, se empezamos a valorar os nomes que lles poñen ás cousas, desde o Deserto Vitoria até a febre española ou o mexacán, non damos acabado... Tamén me chamou a atención o do Tratado da Antártida -dígolle buscando as páxinas 79-80- e a repartición que fixeron do seu territorio. 

-Os típicos países filántropos -chancea ela- repartíndose o mundo en porcións. 

-O Tratado é de 1959, época de descolonizacións máis ben… A cuestión é que o territorio antártico foi reclamado por 12 países: desde o veciños Chile, Arxentina, Australia, Sudáfrica ou Nova Zelandia até os “típicos filántropos”: EEUU, Bélxica, Reino Unido, Francia, a URSS, xunto a Xapón e Noruega. 

-Intereses mineiros e xeoestratéxicos? -apunta ela. 

-E tamén, supoño, unha homenaxe aos baleeiros, cazadores de focas e navegantes pioneiros que se aventuraron por esas terras. En teoría, este tratado asinouse con ánimo de conservar e protexer o continente. Están prohibidas actividades militares e extractivas, tampouco se permiten probas nucleares ou gardar residuos radioactivos. En principio, só se poden facer investigacións científicas. 

- Sabías que existen varios cemiterios nucleares ao redor da nosa costa? 

-Algo oín... 

-Na fosa de Hércules, varios deses filántropos estiveron a lanzar barrís con residuos radioactivos. Calcúlase que no fondo do Atlántico hai 220 mil. Iso ocorreu entre 1949 e 1982. Apenas existen estudos sobre o impacto destes cemiterios e non hai control dos depósitos. Calcúlase que os contedores teñen unha vida media de entre 25 e 50 anos. 

-Ou sexa, que están caducando!

-A salinidade da auga e as presións que soportan nesas profundidades estarán a deteriorar eses bidóns de aceiro recubertos de cemento. Sábese que os residuos depositados eran de baixa ou media radioactividade, pero non existe ningún informe oficial sobre o estado de corrosión en que se atopan ou se existen fugas que estean afectado á vida mariña da zona. Para que che fagas unha idea, o Consello de Seguridade Nuclear só vixía os niveis de radioactividade na terra e segundo eles, todo fantástico! Pero en 1992 atopáronse concentracións de plutonio moi altas na zona. 

- E que carallo fan desde o goberno? 

-Por unha banda, a Consellería de Medio Ambiente da Xunta di que é cousa do Ministerio de Medio Ambiente, este considera que ao tratarse de augas internacionais tururú, crea unha Empresa Nacional de Residuos Radioactivos ad hoc (ENRESA), que pola súa banda responsabiliza á Axencia Atómica Internacional, esta mira para o OSPAR (o Convenio para a protección do medio mariño do Atlántico Nordeste) e así, vanse lanzando a pataca quente entre as diversas institucións, administracións e organismos, todos eludindo responsabilidades, até apuntar ás Nacións Unidas. Estas, xunto con Greenpeace, propoñen crear, non era sen tempo, un Tratado Global dos Océanos... Unha especie de Constitución que recolla os seus dereitos. 

-Hahaha! Como a do Mar Menor? 

-Algo así… 

-Mimá! Entón é que estamos a piques do naufraxio… -digo tragando saliva. 

-En fin, hai trinta anos -continúa ela-, en setembro de 1981, tivo que chantarse na zona o “Xurelo”, un barco pesqueiro de Ribeira, con tripulación e activistas galegos, para denunciar os dous buques noruegueses pillados in fraganti e lograr unha moratoria de cemiterios nucleares mariños. En 1995 prohibiuse por fin tirar lixo nuclear no mar. De feito, eses bidóns máis que para illar os elementos radioactivos, servían para asegurar o transporte até o fondo do mar, porque o que se esperaba é que os radionucleidos se fosen dispersando a modo, algo así como os “hilillos de plastilina” do encofrado do Prestige, lembras? 

Xurelo 1981

-Como esquecelo?

-En teoría, en 2019 tíñase que verificar o estado dos bidóns, pero España e Europa non fixeron nada. E a estas alturas da pandemia, ti crees que alguén se preocupa polo tema? 

A resposta queda flotando no aire do camarote, polo río abaixo, polo río abaixo... Na radio empezou a soar a Canción del Jangadero, interpretada por Eduardo Falú, que nos volve camalote, xacinto de auga, o corazón. 

-Volvendo ao Polo sur, eu creo que o feito de se repartiren a Antártida é por ser un continente con base terrestre, cousa que o Ártico non ten -mentres lle explico vou ás páxinas 86-87-. Se se funde a placa dos xeos e o permafrost todo, ciao!

Rodeado de relevos en negro (os límites de Asia, Alaska, América do Norte, Groenlandia, Escandinavia e as illas do norte), o Polo norte “terrestre” é un continente xeado asentado entre as dorsais de Lomonosov, Mendeleyev e Mohns, baixo o que discorren misteriosas cordilleiras, chairas e foxas submarinas. 

-Por certo, tamén os rusos usaron o Ártico como cemiterio nuclear -insiste Lady Chorima-. Como os barrís estaban preparados para ser estancos, quedaban flotando e que fixeron daquela? Pois obrigar aos soldados a furalos a base de disparos até que afundían. 

- De onde sacas esas cousas? 

-Teño os meus contactos na Sociedade Galega de Historia Natural -responde facéndose a interesante. 

-Sempre me fascinou iso de que as montañas máis altas do planeta estivesen baixo o mar. Mira estas tonalidades de azul. Canto máis escuro, maior profundidade. Este -digo poñendo o índice sobre a chamada Profundidade Molloy-, é o punto máis profundo do Polo norte, con 5.608 metros de lonxitude. E aquí, -dígolle pasando unhas páxinas e situándonos no Pacífico-, fronte ás Filipinas, está o punto máis profundo do planeta, a famosa foxa das Marianas, 10.915 metros! 

-Este é un deses atlas que atopaches en febreiro na Coruña, verdade? -comenta Lady Chorima esculcándoo.
 
Asinto. Unha mañá chuviosa, ao carón de María Pita, atopamos un feixe de atlas nun estado impecable e milagrosamente intactos, abandonados no chan mollado, cabo dun contedor. Seguramente teñen recubrimento acuífugo. Eu rescatei catro e outro amigo levou media ducia, este volume 10 estaba entre eles. Non podiamos entender que a xente se desfixese deles, por moi pouco espazo que tivesen na casa. Igual que os autonautas Cortázar e Dunlop, que foron capaces de percorrer a galaxia sen saíren da cosmopista París-Marsella, calquera atlas permíteche viaxar ao redor do mundo, mesmo realizar travesías submarinas sen abandonares o teu cuarto. Aquel día, ademais, servíronnos para acomodar na mesa do restaurante os fillos de Lady Chorima, de cinco e sete anos. 

-A vida intensa e secreta dos océanos, a tectónica de placas e as correntes de convección intríganme desde a época do instituto. 

- Enorme traballo de cartografiado! -comenta ela, admirada. 

-E olla isto -dígolle volvendo á Antártida-, fronte á Terra de Enderby, onde o círculo polar marca a unha, atópase o Mar das Cosmonautas, dedicado ás que viaxamos coa imaxinación! 
 

  • Lola Rontano: Artivista marciana e profesora de francés residente na terra galega desde 2003. 

Outros artigos de Lola Rontano en QPC

Comentarios