E se choran dous bebés á vez?
Falaba esta semana cunha compañeira sobre as reivindicación das profesionais de educación infantil, e no relato facíame preguntas que a priori parecen pequenas, pero que explican unha realidade enteira.
Dicíame
E se choran dous bebés á vez?
E se un neno vomita mentres outro precisa que lle cambien o cueiro?
E se unha pequena cae e se fai dano mentres outro queda mirando, esperando, sen entender por que agora non lle toca a el?
E se todo iso ocorre ao mesmo tempo?
Porque ocorre.
Ocorre cada día.
Ás oito e media da mañá, cando aínda hai mochilas por abrir e despedidas a medio facer, xa hai brazos que se estiran pedindo colo. Hai choros que non poden agardar. Hai corpos pequenos que dependen absolutamente dunha persoa adulta para todo.
E no medio de todo iso, unha soa educadora.
Unha.
Oito bebés.
Ou trece crianzas.
Ou vinte nenos e nenas.
Dependendo da idade.
Mentres se fala da importancia da conciliación, da educación temperá ou da natalidade, hai unha realidade da que se fala moito menos: das condicións de quen sostén cada día os coidados e a educación da infancia máis pequena.
Porque as escolas infantís de 0 a 3 anos non son aparcadoiros de crianzas, ou non deberían selo.
Aquí é onde se aprende a confiar, a separarse sen medo, a compartir, a nomear emocións, a comer, a descubrir o propio corpo, a relacionarse con outro/a. É aquí onde comeza todo.
E todo iso require tempo.
Require presenza.
Require mirada.
Require mans.
Require persoas.
Por iso resulta difícil comprender que unha educadora poida atender soa oito bebés menores dun ano. Ou trece crianzas de entre un e dous anos. Ou vinte nenos e nenas de dous a tres.
Porque non estamos falando de números.
Estamos falando de momentos que non poden esperar.
Un choro non pode quedar en pausa.
Un cueiro non pode atrasarse.
Un golpe non pode ignorarse.
Un vínculo non pode construírse a medias.
A pregunta non é so cantas crianzas pode atender unha profesional.
A pregunta é que tipo de atención queremos ofrecerlles.
Por iso unha das principais reivindicacións das educadoras é a incorporación da parella educativa.
Dúas profesionais na aula.
Non como un luxo.
Non como un extra.
Senón como unha condición mínima para que o que sucede dentro desas aulas sexa realmente educativo.
Porque cando hai dúas persoas, non só se chega a máis. Chégase mellor.
Hai tempo para acompañar sen correr.
Para observar.
Para detectar cando algo non vai ben.
Para atender a quen máis o necesita sen deixar ao resto en espera permanente.
E, sobre todo, hai máis posibilidades de crear vínculo.
Quen teña fillos ou fillas sabe que, a esas idades, o apego non é un simple detalle.
Pero a realidade vai máis alá das ratios.
A etapa de 0 a 3 anos segue atrapada nunha contradición coñecida: todo o mundo di que é fundamental, pero poucos sistemas a tratan como tal.
Non hai tempo recoñecido para a planificación pedagóxica.
Non hai recursos suficientes para atender á diversidade.
Non hai equipos completos que integren persoal especializado.
E, na maioría dos casos, tampouco hai condicións laborais acordes á responsabilidade que implica este traballo.
Porque estamos a falar dun sector profundamente feminizado.
E iso nunca é neutro.
Os coidados levan décadas sendo considerados unha extensión “natural” das mulleres, e non unha profesión que require formación, criterio e responsabilidade. E cando algo se percibe como natural, deixa de pagarse como esencial.
Salarios baixos. Recoñecemento limitado. Condicións desiguais segundo o modelo de centro: escolas de xestión directa, indirecta, casas niño, Galiña Azul…
Un mesmo traballo.
Diferentes dereitos.
E no medio de todo iso, hai outra realidade que case nunca se nomea: quen coida tamén se desgasta.
Corpos que cargan peso cada día. Espaldas dobradas. Xornadas sen pausa.
Unha esixencia emocional constante. Un traballo que impacta directamente na saúde física e mental das profesionais.
Un traballo imprescindible.
E, con todo, invisible.
Quizais por iso este artigo non fala só das condicións laborais das educadoras.
Fala do modelo de sociedade que estamos construíndo.
Porque a forma na que tratamos a infancia di moito de quen somos.
Pero a forma na que tratamos ás persoas que coidan da infancia di aínda máis.
Se realmente cremos que os nenos e nenas son o futuro, a pregunta é inevitable:
Estamos coidando de verdade a quen os coida?
- Patricia Vaquero. Socióloga, Consultora e Coach especializada en perspectiva de xénero.
Máis contidos no Podcast Todas Nós
Outros artigos de Patricia Vaquero nas FirmasQPC
- O fenómeno das tradwife: liberdade individual ou reacción antifeminista?
- Se todo empodera, nada empodera
- Corpos en vixilancia: cando o “autocoidado” é outra forma de control
- Os Coidados no centro. No centro de que?
- Cando a nostalxia intencionada intenta reescribir a historia
- A arquitectura da impunidade
- Cando o dixital deixa de ser un lugar seguro
- Deepfakes, control e silencio: a violencia que busca expulsarnos
- 2026: chamar ás cousas polo seu nome
- 2025: vivir sendo muller nun tempo de retrocesos e ruído
- O Nadal tamén cansa.
- Non é desexo, é poder.
- “O xogo onde todo comeza”
- Violencias machistas: nomear a verdade nun tempo complexo
- Emprender sendo muller: realidade, non relato
- “A trampa da liberdade”
- “Pubertat”: unha serie necesaria para mirar(nos)
- Un ano despois da DANA: as preguntas que seguen sen resposta
- Cancro de mama: menos rosa e máis compromiso real
- Facer que as nais importen (ou como sobrevivir á maternidade no século XXI)
- A democracia en cuestión
- Non hai nada épico na guerra.
Outras novas sobre Patricia Vaquero
- “Que a Costa da Morte acolla un Foro de Liderado Feminino é un privilexio, pero ao tempo, algo necesario”
- O Podcast Todas Nós axúdanos a “baixar o volume da síndrome da impostora”
- O talento de Todas Nós, á escena
- Patricia Vaquero pon en valor a análise da crise co coronavirus dende a perspectiva de xénero nos #DirectosQPC.