Venres. 04.10.2024
El tiempo

Relatos da Fundación: Cousas que quedarán sen saberse

Relatos da Fundación: Cousas que quedarán sen saberse

Seguimos traendo as obras gañadoras do I Concurso de Relatos da Fundación Fernando Blanco, e seguimos de noraboa pois tamén traeremos a QPC os contos dos pequenos de Muxía.

No caso dos Relatos da Fundación, seguimos repasando a problemática da emigración dende os ollos dos nosos cativos, e non deixamos de sorprendernos de como captan e describen as emocións que xenera a marcha dun ser querido.

Xa limos “Pegadas galegas polo mundo”, “Amor pola familia” e "Lonxe da terra". Hoxe toca o 3º premio da Categoría B (ESO), "Cousas que quedarán sen saberse" de Adelas Dios Touriñán do IES Pedra da Aguia da Ponte do Porto. Foi a nai a que recolleu o premio pois Adelas estaba de viaxe.

"Cousas que quedarán sen saberse", de Adelas Dios Touriñán

Julio-Bazarra-entregando-o-premio-a-nai-de-Adelas-Dios-Tourinan

Ese son constante que tras unha semana non se quitaba da miña cabeza. Pi, pi, pi, pi ….. Un monitor de hospital, o que dicía que aínda había esperanzas. E volta outra vez. Pi, pi, piiiiii ……. AVÓ!!!!!!!

Ti nunca sentiche curiosidade por saber que pasaba cando non todo era tan fácil? Quero dicir, nunca preguntaches ós teus avós como viviran aquelas épocas duras, onde o home da familia tiña que emigrar para poder darlle de comer á súa muller e ós seus fillos? Pois a min sempre me gustaba escoitar as anécdotas que o meu avó contaba, sentado na cadeira da cociña destrás do lume. Gustábame escoitar como se acordaba de todo, incluso dos pequenos detalles dos que eu penso que non me acordaría.

Aquela tarde entrei pola porta e vimos ós dous alí, detrás da lareira, mirando a televisión. Presentín que ningún estaba demasiado atento ó que nela pasaba, e saudeinos como fago sempre: AVÓS!!!!!!. Sabía perfectamente que a resposta sempre era “non berres tanto miña neniña”, pero no fondo, a eles tamén lles gustaba que entrara pola porta con aquela ilusión de velos. Senteime ó seu lado e vin unha foto que había deles na parede. Terían vinte anos cada un. Eran guapos de novos…!. Era unha foto da súa voda. Miña avoa ía de negro. Xa sabemos todos que naquela época non deixaban casar de branco. E meu avó, con outro traxe da mesma cor, moi elegante, collendo a súa muller pola cintura. Mireinos e pensei “éste é un exemplo para romper a frase esa que di que nada é para sempre”. Entón entroume a curiosidade e pregunteille:

- Avó, ti a onde emigrache?
- Ui miña neniña……. Esa é unha historia moi longa. Queres escoitala?

Asentín cun sorriso na cara.

- Pois verás …. Eu comecei a traballar moi noviño, cando tiña sete anos. Pero por aquel entón aínda traballaba aquí, preto da casa. Había que axudar a miña nai no que se poidese. Era unha muller solteira con sete fillos, e ela soa non era quen de manternos a todos.

Fixo unha parada, mirou a televisión fixamente, e tomou aire. Na súa faciana había un xesto de dor.

- Cando empecei a mocidade comencei a andar cunha rapaza de aquí preto, a túa avoa. Tiñas que ver que guapa era, que ben feitiña, con que estilo andaba …!. Era unha das mellores que había no lugar. Estivemos uns anos de mozos e ós vinte decidimos casar.

Houbo outra pausa, pero desta vez porque a miña tía e os meus primos entraron na casa. Éstes tamén se apuntaron a escoitala historia.

- Nada máis casarmos, tiven que emigrar. O primeiro lugar onde estiven foi en Francia. Uns coñecidos conseguíranme algo alí, nas vías do tren. E alá nos fomos, eu e uns cantos máis. Por aquel entón había que ir en tren. Chegamos á estación e xa saíra. Mira que perdérmolo tren o primeiro día …!.

Sorriu.

- Tivemos que eseprar ó próximo … E mira que tardou en chegar, eh!. Por fín montamos, e tras varias horas de viaxe, chegamos a Francia.
- E cal foi a túa primeira impresión do novo país?. – Preguntei con curiosidade…– Sempre quixen ir a Francia.
- Pois é un país moi bonito, aínda que tamén depende da rexión onde esteas. A nós, por sorte, tocounos un barrio tranquilo onde non había xente problemática. O peor foi o idioma … Quen entendía o que quería dicir?. E falaban tan rápido!. O único que sabíamos dicir era “Bonjour”, “Au revoir” e “Merci”. Xa me dirás ti como te apañas con tres palabras só. Agora ides todos á escola e xa falades perfectamente, pero antes …. Todo custaba cartos!.
- E cantos anos estiveches en Francia?.
- Estiven tan só dous anos … Despóis conseguín outro choio mellor en Suiza. E alá me fun. Ala xa puidemos ir en avión. Mon lle tiña moito medo, e iso que antes non había todos estos avances que hai agora!. E collemos unha tormenta polo camiño … Ai meu Deus … Aquilo si que che facía estremecer o corpo!. Pero chegamos ben.
- E como falabas coa avoa?. Chmábala tódolos días?.
- Pero ti que dis?. Como a ía chamar tódolos días?. Ti pensas que antes tíñamos diso que agora chamades “guasap” ou “feisbuk”?. Antes escribíase unha carta cada certo tempo, e ás veces tardaban moito en chegar, cando as noticias que se contaban xa eran vellas. E máis tarde, cando a túa avoa tivo teléfono na casa, puidemos falar cada domingo. Chamábaa ás dez en punto. Pero daquela xa eran túa nai e túa madriña moi grandes, iso é outro capítulo da historia.
- E cando miña nai naceu, ti estabas en Suiza?. – escoitara esta historia pero non me quedara moi clara –.
- Si, eu estaba traballando en Suiza. Ela naceu un trinta de agosto do sesenta e catro. A túa avoa envioume unha carta, pero ata unha semana despóis non chegou … Así que imáxinate como avanzou todo!. Agora con iso dos teléfonos móbiles comunicádesvos en medio minuto.
- Pois si que eran tempos duros, si …. – Era todo tan distinto de agora … E aínda por riba queixámonos. E de que nos queixamos?. Se o temos todo como quen di. Se tivésemos que traballar ós sete anos para comer como fixo meu avó, habíamonos queixar. E antes nin queixarte podías, por que levabas unha tunda por riba…
- Pero tampouco te creas que andábamos chorando por aí. Eu funche moi feliz nesta vida. A cada un tócalle vivir nunha época e adáptase a iso. A min tocoume sacrificarme dende os sete anos pola miña familia, e ben orgulloso que estou diso. Grazas a iso agora teño aquí diante o mellor tesouro. – E vexo como se emociona, como se lle enchen os ollos de bágoas –

E así pasámola tarde, entre contos e historias do pasado … Pero unha sesión non abondou para coñecer toda a historia, polo que decidimos deixalo para outro día. Pero non houbo outro día, porque a todos nos chega a hora, a hora de chorar ás agachadas. Non me gusta chorar en público.

Pasaron xa case tres meses dende aquela tarde, e aínda nunca me atrevín a escribir sobre o acontecido … Non sei se por medo a volver chorar ou a non saber facelo ben…

Era nove de febreiro, non faltaba moito para que chegara o antroido. Eu estaba feliz, comprara un pixama coa miña mellor amiga para pasar a tarde de domingo polo pobo. Esa tarde, coma moitas outras, fora velo. Abrín a porta e berrei: AVÓ!!!!!. Él dixo o de sempre: “non berres tanto miña neniña”, e sorría. Sentámonos na mesa a merendar. Él tomou o seu café con rosquillas. Acórdome que tamén comeu gusanitos conmigo …. Encantáballe comer desas larpeiradas.

Chegou a hora de volver a casa, a hora da despedida. Díxenlle que mañá voltaría por alí, darlle unha visitiña como todos os sábados. Díxome que ata mañá e deille un bico na fronte.

Esa noite, coma todas dende que estaba enfermo, chamei para preguntar como estaba, se xa ceara ou aínda non. Todo estaba normal, coma sempre.

A mañá seguinte espertoume miña nai dicindo que caera, que tiña que ir axudarlle a levantarse, pero que todo estaba ben. Pensei que era unha das súas caídas normais, ou iso me fixeron crer.

Xa non me volveu falar, nin a me berrar por gritar, nin a me sorrir. Levárono ó hospital. Os médicos dixeron que fora unha hemorraxia cerebral e que non había nada que facer… Enseguida lle deron unha habitación e alí estivo unha semana, quedo, na cama, só respirando. Eu faláballe, sabía que me sentía. Pensaba que volvería abrilos ollos e a mirarme.

Faltei a clase para ir velo ó hospital, para collelo da man e que sentira que estaba alí, con él… Eu nunca dou nada por perdido ata que de verdade está perdido.

Era catorce de febreiro, día de San Valentín. Quixen pasar aquel día con él. É a quen máis quero na miña vida. Fun velo, volvín collelo da man e a contarlle cousas… Sabía que me escoitaba, que no seu interior estaba disfrutando das miñas historias.

Quince de febreiro, oito da tarde… Un último suspiro… Alí quedou… Aquel quince de febreiro de dous mil trece, unha maldita enfermidade levou a súa vida…

Comunicáronmo á mañá seguinte cando aínda estaba durmindo na cama. Tapeime coas mantas e non quixen saber nada do mundo… Só quería chorar, darlle o meu corazón para que poidese seguir adiante…

Domingo dezasete. Aquel día celebrouse o enterro. Fun a floristería por catro rosas vermellas… Coloqueillas enriba da caixa… Tamén puxen a foto miña e dél cando eu aínda era unha anana…

Aquel día dinme conta de que nunca sentira dor… De que nunca sufrira. Por que a dor máis grande é perder a alguén … Perdelo de forma de que se vai de aquí… Pecha os ollos, deixa de respirar… Detense o seu pulso… Os seus beizos quedan xuntos… Non di nada máis… E de repente atópaste con que está dentro dunha caixa, entrando nun nicho… Miles de flores… Miles de lágrimas… Miles de momentos que quedaron sen vivir e montóns de historias que quedarei sen saber porque algo decidiu arrebatarlle a vida…

  • Adelas Dios Touriñán, do CEIP Pedra da Aguia da Pomte do Porto. 3º premio da Categoría B (ESO) do do I Concurso de Relatos da Fundación Fernando Blanco.

Outros Relatos da Fundación

Novas relacionadas

Máis información

Fonte

  • Colaboración entre a Fundación Fernando Blanco e QPC.

Comentarios