Venres. 29.05.2020
El tiempo

A comunidade educativa e cultural prepara a gran folga do 24O

A comunidade educativa e cultural prepara a gran folga do 24O

Parece que vai ser grande. Parece que a comunidade educativa ao completo vai secundar a folga contra a LOMCE, e parece que o resto do país vai apoiar con manifestacións e mobilizacións. De feito, o eido da cultura galega xa está compartindo un Manifesto que están asinar personalidades de todos os sectores, e que este diario xa ten asinado.

Así, a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público convoca en todo o país, e na Costa da Morte a través da Federación de Anpas da Costa da Morte, a dúas manifestacións o xoves 24 de outubro. Unha terá lugar en Cee na praza 8 de marzo, e outra en Carballo, tamén diante do Concello tamén. Alí, as 11:30h, seguro que escoitamos coplas como as de "Non queremos esta lei, esta lei de educación, é por iso que berramos que non, que non"; ou "Queremos ensino en galego para que o noso idioma non sexa estranxeiro".

A idea é clara: Na defensa do Ensino Público loitamos polo futuro das nosas fillas e fillos. Sabemos que o Ensino Público é a garantía dunha sociedade máis xusta e igualitaria, por iso loitamos contra esta contrarreforma educativa (LOMCE) que incrementa as desigualdades e impide a formación das novas xeracións.
Polo tanto: Queremos paralizar esa lei educativa reaccionaria, centralizadora, privatizadora, clasista, antipedagóxica, antigalega, antidemocrática e confesional, que liquida a igualdade de oportunidades e expulsa do ensino, a través das reválidas, ao alumnado das familias con menos recursos.

Manifesto da Cultura Galega contra a LOMCE

O sistema educativo que impón a LOMCE é un sistema afastado do noso país, da nosa cultura, da nosa historia e da nosa lingua, é dicir, de todo aquilo que nos conforma como pobo. Un sistema que pretende formar persoas desarraigadas que non se recoñezan no contexto que as rodea, converténdoas en analfabetas na cultura e mesmo na lingua que este país creou ao longo dos séculos.

Un sistema educativo público debe estar ao servizo das necesidades do país ao que pertence e debe estar vehiculizado na lingua propia para formar na súa cultura e para a súa cultura. A LOMCE pretende alienar e uniformar o alumnado galego cun traxe españolizador que lle impida recoñecerse como galego e coñecer a obra dos seu propio pobo e das e dos que singularmente destacan nel como creadores excepcionais.

Rexeitamos un sistema educativo que educa as persoas para ser emigrantes e que desvaloriza o propio como inservíbel e desapropiado. Non é posíbel respectar a diversidade, avanzar e mesmo construír outro mundo se non se fai desde o coñecemento e a estima do propio.

O sistema educativo debe ter como obxectivo prioritario o de dotar as xeracións futuras das ferramentas necesarias para se poidan educar na capacidade de análise crítica, no razoamento científico e desprexuizado, no laicismo, na solidariedade, na igualdade, na xustiza social, na equidade, no exercicio da democracia e da liberdade de expresión para así contribuír á transformación social, necesaria para conseguir unha sociedade máis xusta e igualitaria.

Por iso, as e os que a seguir asinamos, persoas ligadas á cultura galega, reclamamos a retirada da LOMCE.

Novas relacionadas

Fonte

Video contra a LOMCE da Fedanpa

comentarios