Corcubión volve unirse para esixirlle á Xunta un Centro de Día de xestión pública

Segue a mobilización en Corcubión para esixirlle á Xunta de Galicia a apertura do Centro de Día de Corcubión. A vila de San Marcos amosouse máis unida que nunca, e tras instalar unha pancarta no edificio do Asilo, xa preparado para albergar un centro dende hai máis dunha década, membros do grupo de goberno do BNG, do PSOE e da Plataforma Xuntos polo Centro de Día, axudaron na colleita de sinaturas.
O manifesto que pode asinar toda a veciñanza, esixe a xestión directa por parte do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar.
Dende o Concello lembran que "a apertura e xestión do Centro por parte do Consorcio Galego é fundamental para dar resposta ás necesidades da nosa Comarca, na que non contamos con recursos suficientes para a atención ás persoas maiores".
"O Centro de Día ademais de dar servizo de calidade ás persos usuarias, facilitará a conciliación das persoas coidadoras e o seu acceso ó traballo. Os Centros de Día xeran postos de traballo no territorio, favorecendo o sentamento da poboación e mellorando as economías de proximidade".