Corcubión volve unirse polo Centro de Día
Despois das tensións acumuladas nos pasados meses entre o grupo de goberno e a Plataforma Cidadá Xuntos polo Centro de Día, parece que ambos colectivos aparcan as súas diferencias e unen camiños para volver esixir conxuntamente esta infraestrutura comarcal básica. Así o lembra o Concello, que apoia e invita a toda a cidadanía a participar este mércores 1 de outubro, ás 19:00h, na concentración veciñal convocada pola Plataforma.
O goberno municipal de Corcubión sinalou que se sumarán á convocatoria, e fai un chamamento á veciñanza para que a apoie e dea respaldo á lectura do manifesto que foi consensuado e aprobado por unanimidade no pleno da corporación.
O equipo de goberno subliñou que o Concello leva traballando arreo desde o inicio do mandato para que a Xunta asuma a súa responsabilidade e poña a funcionar o centro de día.
O alcalde de Corcubión reiterou que “agora o que falta é que a Xunta asuma a apertura”, e incidiu en que “seguimos agardando a que nos reciba a conselleira de Política Social, Fabiola García, logo de varias peticións de reunións que lle fixemos desde o equipo de goberno”.
A Xestión
Ambas entidades apostan pola xestión directa por parte da Xunta, pero con todo segue habendo disparidade de opinións ante a posible solución polo enrocamento da Consellería. Por un lado a Plataforma formula a posibilidade de "buscar alternativas para evitar chegar a un calexón sen saída", recoñecendo a deixadez de funcións da Xunta.
Polo outro, o concello considera que “a necesidade de que o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar xestione un servizo que é esencial para o noso municipio e a comarca", e denuncia “un trato discriminatorio con Corcubión, pois o Consorcio xa leva 64 centros de día en diferentes lugares de Galiza, e a Xunta vén financiando a construción doutros en varios concellos".
UCIN esixe á Xunta
Na mesma liña, o grupo político UCIN, liderado por José Luís Calo, que critica que o edificio do Aslo leve 10 anos esperando polo Centro de Día. O grupo apela "tanto a Xunta de Galicia como o Concello de Corcubión teñen a responsabilidade ineludible de coordinarse para que este recurso entre en funcionamento canto antes, cumprindo os prazos, os requisitos de autorización e acreditación, e as condicións técnicas e profesionais exixidas pola normativa autonómica".
Para desbloquear esta situación e garantir que Corcubión conte co centro de día que merece, propoñen:
- Que se encargue un informe técnico de viabilidade con detalles económicos, humanos e estruturais para a reapertura ou a implantación dun servizo equivalente.
- Que se estableza un cronograma oficial con prazos definidos para autorización, dotación, contratación, acondicionamento e posta en marcha.
- Que se reserve unha partida orzamentaria específica nos orzamentos autonómicos e municipais para asegurar que non se quede nunha promesa sen fondos.
- Que se firme un acordo de colaboración institucional entre Xunta e Concello para garantir que cada administración cumpra o seu papel e minimize os atrasos administrativos.
- Que se habilite un mecanismo de seguimento público, para que a veciñanza poida consultar o estado de avance, exixir explicacións e fiscalizar o cumprimento dos compromisos.
Histórico do Centro de Día
- Setembro 2025: O BNG leva o Centro de Día de Corcubión á Valedora do Pobo
- Agosto 2025: O centro de día de Corcubión chega ao Parlamento Europeo
- Xuño 25: Belén do Campo reiteroulle ao voceiro do PP de Corcubión que a Xunta non asumirá a xestión do Centro de Día.
- Maio 25: A Xunta rexeita a xestión directa do Centro de Día e insta ao Concello de Corcubión a asumila
- Maio 25: Corcubión volve unirse para esixirlle á Xunta un Centro de Día de xestión pública.
- Abril 25: Corcubión aproveita a visita da Delegada da Xunta para lembrarlle a esixencia do Centro de Día.
- Abril: Corcubión inicia unha campaña de recollida de firmas para reclamar á Xunta que abra o Centro de Día.
- Marzo 25: O Concello de Corcubión asegura que xa ten realizado os trámites que pide o Consorcio para o Centro de Día
- Marzo 25: O Centro de Día de Corcubión poderá ser unha realidade se a xestiona unha entidade social
- Febreiro 25: A Plataforma Xuntos polo Centro de Día de Corcubión comeza unha campaña para conseguir apoios institucionais.
- Novembro 2024: "Negar os centros de día é unha forma de violencia e de maltrato ás persoas dependentes”.
- Xullo 24: O Concello de Corcubión volve a denunciar a negativa da Xunta a abrir o Centro de Día.
- Outubro 23: O PP rescata a petición de Sempre Corcubión e pide convertir o edificio do Hotel El Hórreo nunha residencia de maiores.
- Novembro 21: Sempre Corcubión volve pedir a creación dunha residencia de maiores pública e comarcal.
- Abril 2021: Propoñen adquirir o Hotel El Hórreo e convertilo nunha Residencia comarcal para maiores
- Decembro 2020: O eterno retraso do Centro de Día de Corcubión volve ao Parlamento.
- Febreiro 2020: “Na Road Trip Protesta a Rianxo aprendimos que un Centro de Día é posible, e significa dignificar aos maiores”.
- Outubro 19: Boca de Sapo presenta 1.000 sinaturas para esixir a apertura do Centro de Día de Corcubión.
- Xullo 19: Un berro silencioso, e medieval, pola apertura do Centro de Día de Corcubión.
- Maio 2019: Corcubión enteiro sae á rúa polo Centro de Día.
- Maio 19: A cidadanía de Corcubión mobilízase polo Centro de DíaA cidadanía de Corcubión mobilízase polo Centro de Día.
- Camariñas, Corcubión e Ponteceso valoran o si da Xunta ao Centro de Día de Malpica.
- Outubro 2018: A Xunta volve negarse a poñer en marcha o Centro de Día de Corcubión.
- Outubro 2018: “Os técnicos de Servizos Sociais da comarca de Fisterra trasladaron á Deputación a necesidade de abrir o Centro de Día de Corcubión”
- Setembro 2017: O BNG critica a postura da Xunta co centro de día de Corcubión.
- Setembro 2017: A Xunta rexeita a abrir o Centro de Día de Corcubión
- Novembro 2015: O BNG de Corcubión pregunta polo esquecido Centro de Día.
- Maio 2014: O Centro de Día de Corcubión ve a luz.
- Xaneiro 2013: O BNG de Corcubión denuncia un novo retraso nas obras do Centro de Día
- 09-03-11: O BNG de Corcubión pide á Deputación financiamento para rematar o Centro de Día.